Ex-traballadores/as de Catisa volven mobilizarse en demanda do cobro das indemnizacións que teñen pendentes

O persoal desenvolveu unha concentración nos xulgados de Lugo coa noticia de que a empresa solicitou a liquidación
A Coruña - 29 Xan 2016
Ex-traballadores e traballadoras das empresas Catisa e Hormigones La Estrella (do grupo Martínez Núñez) fixeron unha concentración este venres ás portas dos xulgados de Lugo en demanda de axilidade xudicial para poder cobrar as cantidades que teñen pendentes e pechar un conflito aberto dende hai anos. Porén, coa protesta xa convocada, o persoal tiña coñecemento onte mesmo da solicitude de liquidación presentada pola empresa, o que suporá adiar aínda máis o conflito.

Estes arredor de 30 ex-traballadores/as de Catisa e La Estrella foron os únicos que no seu momento presentaron demanda de extinción dos seus contratos. O xulgado do social deulles a razón, recoñecéndolles unha indemnización de 45 días por ano traballado, en vez dos 20 cos que a empresa pretendía liquidalos. Pero até o de agora só cobraron 30 días da indemnización a través do Fogasa. O resto dos pagos tíñanse que afrontar mediante embargos de bens iniciados contra Catisa e Hormigones La Estrella.

Porén, a dilatación xudicial do proceso e a inacción administrativa provocaron que a día de hoxe eses embargos non se teñan executado e os traballadores/as aínda sigan loitando por cobrar o que lexitimamente lles pertence.

Para complicar máis a situación, explica o Secretario Comarcal da CIG-Construción de Lugo-A Mariña, Alfonso Losada, onte tiñan coñecemento que a empresa acaba de pedir a liquidación ao non ser capaz de cumprir o convenio fixado no concurso. Isto suporá, apunta, a fin da vía social e “que teñamos que pelexar todo outra vez pola vía concursal. A isto é ao que nos levou dilatar tanto o proceso”, critica.

De aceptar a solicitude de liquidación, abrirase un novo proceso para elaborar o plan de liquidación, un inventario e a valoración dos activos da empresa para a súa venda. “De aí será de onde teñan que saír os cartos para pagar as cantidades adebedadas aos traballadores”, explica Losada.

Neste senso, cómpre lembrar que a primeiros de decembro pasado, o persoal retomaba mobilizacións en demanda de axilidade ás administracións, a vista de que a empresa seguía a utilizar maquinaria que debería estar precintada ou estaba desfacéndose dela, e incluso ofertando bens para a súa venta en webs de segunda man, sen control de ningún tipo.

Pedíronse entón explicacións á Subdelegación do Goberno de por que as forzas de seguranza encargadas de facer o precinto da maquinaria non estaban a cumprir co mandado e tamén se demandou do xulgado do social unha intervención sobre a posíbel venda dos activos da compañía.

Días despois, o Subdelegado do Goberno reuníase cos traballadores/as, pero dende o xulgado seguiron sen responder. “Agora, coa solicitude de liquidación todo cambia. Pero moito tememos que cando se faga o inventario e a valoración dos activos da empresa, estes baixen moito con respecto á valoración anterior”, censura Losada.

Por iso, á espera de comprobar como se desenvolve todo o proceso, non se descarta ningún acción para garantir o cobro das cantidades adebedadas ao persoal e, de ser necesario, presentar demanda polo penal por alzamento de bens.