Éxito da primeira xornada de folga na sanidade privada da Coruña por un convenio digno e salarios xustos
As traballadoras e os traballadores da sanidade privada da provincia da Coruña están secundando este xoves a primeira das dúas xornadas de folga convocadas contra a parálise da negociación colectiva por parte da patronal e para exixir unhas condicións salariais e laborais dignas. A pesar dos abusivos servizos mínimos decretados e das presións dalgunhas empresas para desmobilizar o persoal, a folga está rexistrando un amplo seguimento ao igual que as concentracións.
Miguel Tizón, responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde, cualifica a folga de "éxito rotundo", feito que "evidencia que o persoal (na súa maioría mulleres) está convencido" da necesidade de loitar pola mellora das súas condicións. Apunta que en hospitais como o QuirónSalud da Coruña o seguimento do paro atinxe a case o 100% do persoal, no Hospital Juan Cardona de Ferrol dáse un elevado seguimento con servizos como cardioloxía ou fisioterapia nos que o 100% do persoal secunda a folga, e na Rosaleda e La Esperanza o seguimento resulta similar.
Nos centros e clínicas de menor tamaño o seguimento é máis desigual e difícil de cuantificar ao non contar en moitos casos con representación sindical, aínda que hai un paro total en Adeslas Dental e "moitas traballadoras de clínicas máis pequenas chamaron para dicir que estaban facendo folga".
Para dar máis visibilidade á loita, ademais de despregar os piquetes informativos, tamén se realizaron concentracións diante dos principais centros de traballo. Na Coruña desenvolvéronse protestas no Hospital QuirónSalud (Santa Teresa) e no Modelo, mentres que en Compostela se fixeron mobilizacións diante do Hospital La Esperanza e posteriormente na Rosaleda.
Presións das empresas ao persoal
Tizón criticou as presións e as manobras feitas nos últimos días por algunha das grandes empresas do sector co obxectivo de deslexitimar a convocatoria e que o persoal non secundara a folga. Tal foi o caso do Hospital Juan Cardona, no que a dirección remitiu un correo electrónico "cunha información falsa sobre as propostas da patronal na mesa de negociación. Falan dunha oferta económica que nunca se nos trasladou", subliña.
De feito, lembra que á folga se chega despois da suspensión unilateral das negociacións por parte da patronal o pasado 24 de outubro, sen fixar nova data de reunión, e tras meses sen avances a causa das miserentas propostas e a insistencia das empresas en recortar os trienios e o complemento no caso das baixas.
O convenio da sanidade privada da Coruña é un dos que ten peores condicións do sector (hai táboas que xa foron superadas polo SMI e contempla a xornada anual máis extensa) pero a patronal teima en afondar esta precariedade "reducindo o cobro nos tres primeiros días de baixa e que os trienios pasan a ser cantidades fixas, o que levaría a conxelar esta contía tendo que negociala en cada convenio". Ademais, "seguen sen recoñecer o dereito a cobrar os domingos traballados e non queren falar de ningún outro artigo (nin permisos, nin vacacións, nin conciliación...)".
En canto á oferta económica da patronal, engadiu o representante da CIG, significaría que no ano 2025 o persoal de limpeza con catro trienios cobraría 1.294 euros brutos, o persoal TCAE 1.330 euros e a categoría de auxiliar administrativo quedaría nos 1.330 euros brutos. "Por lei, en 2023 non se pode cobrar menos de 1080 euros ao mes e a propia patronal española acaba de propor unha suba do SMI até os 1.124 euros en 2025. Pero coa proposta da patronal da sanidade privada, unha TCAE cobraría sen trienios 1.123,49 euros. Onde está a suba?", inquire.
O representante sindical instou a Consellaría de Sanidade a mediar no conflito, tendo en conta que a folga na sanidade privada tamén afecta ao servizo público pois, debido ás políticas de deterioro e desmantelamento do Goberno do PP, é a rede privada a onde se están derivando unha parte importante dos e das doentes.
Neste senso, Tizón denunciou que os grandes grupos empresariais que dominan a patronal (HM, Ribera Salud, Quirón ou Adeslas Dental) están no sector sanitario por puro interese económico e gozando de concertos millonarios co SERGAS.
Para o 14 de decembro xa está convocada unha nova xornada de folga no sector e nese día tamén haberá mobilizacións do persoal.