Éxito rotundo da primeira quenda da folga do sector de ambulancias cun seguimento masivo do paro

Exixen a mediación da Xunta para que se obrigue á patronal a sentar a negociar

Nacional -

A primeira quenda das xornadas de folga convocadas no sector de ambulancias foi un “éxito rotundo”. Así o valora o responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, quen asegura que o seguimento foi total a pesar dos servizos mínimos abusivos decretados pola Xunta de Galiza. O representante da CIG demanda ademais a mediación da consellaría para que se obrigue á patronal a sentar de novo a negociar.

“A administración ten que mediar neste conflito, non se pode solucionar se non se reabre a mesa de negociación”, explicaba esta mañá Pastoriza, lembrando que precisamente esta foi unha demanda que se lle fixo á Xunta na xuntanza que mantiveron co Xerente do Sergas e o Director do 061 o pasado xoves. “Dixémoslles que a consellaría non pode estar desde fóra, que tiña que sentar e senón nós seguiriamos e iriamos a unha folga indefinida”.

‘Esquirolaxe’ promovida pola administración

Porén, o representante da CIG denuncia que, no canto de propiciar unha solución ao conflito, a consellaría o que fixo “foi intentar utilizar taxis dun xeito ilegal”. Unha “esquirolaxe” que detectaron en Ferrol e en Lugo e que conseguiron parar pero que se repetiu este domingo.

Por iso Pastoriza adianta que na xuntanza do comité de folga, prevista para este martes, proporá a presentación dunha demanda contra esta clara vulneración do dereito fundamental á folga.

Solidariedade

O responsábel do sector de Transporte da CIG non quixo esquecer, e agradecer, a abrumadora manifestación de solidariedade coa que as miles de persoas que se mobilizaron este domingo en defensa da sanidade pública respaldaron a súa loita por un convenio e un servizo digno.

Unha loita que comezou o pasado día 8 de febreiro e que nesta primeira quenda remata na xornada de hoxe pero que continuará con outras dúas quendas, do 18 ao 24 de febreiro e do 4 ao 10 de marzo para ser, a partir desa data, indefinida.

O convenio do sector de ambulancias leva tres anos caducado e na última xuntanza foi a patronal quen rachou as negociacións ao presentar unha proposta de rebaixa das condicións salariais e sociais do 10%, mesmo coa posibilidade  de impagos a partir do mes de marzo.

Esa rebaixa tradúcese nunha redución do 6-7% dos salarios máis quitar os complementos por IT; reducir días de asuntos propios; crear 3 escalas salariais, á baixa, e mesmo recortar en lavado de roupa e uniformes, que completaría ese 10%.

Convenio caducado desde hai 3 anos

Os contratos de transporte urxente caducan o próximo mes de outubro e os de non urxente en 2020. A Xunta trasladou ás organizacións sindicais a súa intención de lles proporcionar o borrador das cláusulas sociais para presentar alegacións, pero iso non inclúe a parte económica.

Por iso Pastoriza lembra que a actual situación deriva precisamente dun contrato dotado por debaixo dos custos e da irresponsabilidade dunha administración que aceptou propostas das empresas con baixa temeraria, isto é, aínda máis por debaixo. “Esperamos que a Xunta non repita o que fixo no último concurso e que desta volta poña dotación económica suficiente para que as empresas non intenten repercutir as perdas nas traballadoras e traballadores pola vía de precarizar as súas condicións laborais”.

Demandas do sector

Con esta folga o que reclaman é que o novo convenio, que atinxe a entre 1.500-1.600 traballadores/as, contemple un incremento salarial a través de cuestións como o recoñecemento do dereito a percibir a terceira paga extra, entre outros; a redución do número de horas, que se ampliaron nestes últimos anos ao medrar nun 20% o número de servizos realizados sen incrementar o persoal; e en materia de saúde laboral, xa que mentres a media de baixas en Galiza é dun 5%, neste sector, malia a media de idade estar nos 40 anos, a media de baixas –na inmensa maioría por problemas musculo-esqueléticos- é do 13%.

Xunto a isto, demandan que se muden as condicións das traballadoras e traballadores que están sendo contratadas/os en prácticas pero cobrando menos que o resto do persoal e que se garanta que os vehículos cumpren as condicións necesarias para prestar dignamente un servizo como este.

Volver