Éxito rotundo na segunda xornada de folga en Celsa Atlantic

En demanda dun convenio digno e un plan de investimentos que garanta a viabilidade da fábrica
A Laracha - 30 Xun 2021

Os traballadores e as traballadoras de Celsa Atlantic secundan este mércores a segunda xornada de folga en demanda dun convenio digno e dun plan de investimentos que garanta a viabilidade das instalacións e permita recuperar todas as capacidades produtivas. Ao igual que na xornada do luns, a folga ten un seguimento do 100%, polo que a actividade produtiva está totalmente paralizada.

A maiores do piquete informativo apostado nas portas da fábricas dende primeria hora, para visibilizar as súas reivindicacións, o persoal realizou unha concentración entre ás 9 e ás 10 horas na entrada da planta, na que se corearon consignas contra o bloqueo da negociación colectivo, por melloras laborais e salariais, para que se fagan investimentos na planta e tamén por unha tarifa industrial xusta e competitiva.

Tras do éxito das dúas xornadas de folga (o próximo sábado está convocada outro paro, mais desta volta das 06:00 ás 22:00 horas), a empresa púxose en contacto co comité para manter unha reunión o vindeiro luns, día 5 de xullo. Á espera do que dea de si este encontro, a representación social xa adiantou a súa disposición a continuar coas medidas de presión se non se produce un avance significativo.

Neste senso, o presidente do comité, Agustín Méndez, subliña que a fábrica da Laracha é a única do grupo sen convenio e na que os traballadores e traballadoras teñen as condicións máis cativas, nomeadamente no relativo aos salarios. Desigualdades que a dirección teima en manter xa que se nega incluso a garantir o mantemento do poder adquisitivo do persoal cunha suba dos soldos acorde ao IPC.

Ademais, a diferenza das outas plantas que están cos niveis de produción normal,  as instalacións da Laracha levan cinco anos fabricando ao 50% das súas capacidades. Por iso, unha das reivindicacións do persoal é un plan de investimentos que garanta a viabilidade e permite recuperar o 100% da actividade. E de igual xeito, que se realice o mantemento adecuado das instalacións para garantir a competitividade, maior diversidade produtiva e que se remate o ciclo produtivo planta como en breve se fará en Baiona.