Exixen a reapertura da mesa de negociación das condicións laborais de Técnicos Forestais do SPDCIF

As organizacións sindicais convocan un acto reivindicativo este xoves, día 16, ás 10:30 horas en San Caetano

Nacional -

En maio do pasado ano as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF solicitaban á Secretaría Xeral Técnica da consellaría de Medio Rural a apertura da mesa de negociacións das condicións de traballo do colectivo de Técnicos/as Forestais do SPDCIF. Transcorrido un ano, consideran que a dilación da apertura oficial desa amosa unha “absoluta falta de respecto” ao servizo público e ao persoal. Por iso convocan un acto reivindicativo para o vindeiro xoves, día 16 de maio, ás 10:30 horas, en San Caetano.

Segundo explican nun comunicado as organizacións sindicais, o cadro deste persoal data do ano 1999, cando non existía a Lei de Incendios de Galicia, a Lei de Montes de Galicia ou a certificación forestal dos montes de xestión pública. Nos últimos anos, o desenvolvemento da normativa sectorial forestal obriga a este persoal técnico a fiscalizar cada vez máis a xestión do territorio.

“A diversidade das funcións, agravada no caso das/os técnicas/os e xefas/es de distrito, e a carga de cada unha delas son obxectivas e cuantificables en obras proxectadas, en direccións de obra e en aproveitamentos forestais executados en montes de xestión pública, en expedientes de axudas públicas, en convenios con concellos, en investigacións de causas dos incendios forestais, no número de solicitudes de aproveitamentos privados fiscalizados, na xestión de medios nos centros de coordinación, na dirección de extinción de incendios forestais, na divulgación forestal para diferentes colectivos mediante charlas e actividades, nas tarefas de extensión forestal ao informar aos cidadáns e, en definitiva, na sistematización e rigor no control do cumprimento da normativa sectorial forestal”, sinalan.

Acordo sen actualizar desde 2008

Denuncian ademais que o acordo polo que se rexe o colectivo para a realización do traballo na época de máximo risco de incendios entrou en vigor en 2008, que aínda que está prorrogado tacitamente, mais que non se actualizou desde a súa sinatura, “o que provoca un desfase considerable entre as condicións de traballo e as circunstancias legais e económicas do momento actual”.

O que exixen é que se consideren como horas de traballo efectivo as 500 horas nocturnas anuais que fan as/os técnicas/os forestais por riba da carga horaria doutros funcionarios, “como marca o dereito comunitario”, así como o cumprimento da normativa laboral en relación a horas traballadas e descansos semanais dos xefes dos distritos.

Xunto a isto demandan unha reorganización das condicións de traballo do persoal técnico vinculado ao SPDCIF cun aumento substancial do persoal técnico funcionario que permita atender as múltiples tarefas que esixe a normativa sectorial forestal, cun número de días de descanso e de vacacións adecuado e cunha mellora das retribucións.

E solicitan ademais unha oferta de emprego público de todas as vacantes, así como a segunda actividade e coeficientes redutores.

Volver