Exixen un cambio nas políticas forestais para preservar un “monte galego con futuro”

Denuncian que o Plan Forestal de Feixóo responde só á industria do eucalipto

Nacional -

Centos de persoas chegadas de toda Galiza percorreron as rúas compostelás para demandar do actual goberno da Xunta un cambio de rumbo nas políticas forestais. Unha planificación para o monte galego que teña en conta a perda acelerada de biodiversidade e os efectos do cambio climático.

As e os manifestantes e as organizacións convocantes rexeitaron o Plan Forestal que propón Núñez Feixoó porque “responde unicamente aos intereses da industria do eucalipto” e exixiron que o novo plan forestal teña como fin dotarse de ferramentas para abordar a emerxencia climática, a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento  do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, o reforzamento dos montes veciñais, a creación do emprego e a sustentabilidade económica e social do noso mundo rural.

 A manifestación, que partiu pasadas as 12:00 horas da Alameda compostelá, rematou baixo a chuvia na Praza de Praterías, onde se deu lectura ao manifesto que reproducimos de seguido.

MANIFESTO

POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO

Estamos a vivir unha emerxencia climática na que o monte galego é un elemento fundamental de adaptación e de resiliencia. É  chave para mitigar a mudanza climática e  asegurar a nosa supervivencia. El dános o aire, a auga, a biodiversidade e o solo fértil, e ademais é un gran reservorio de carbono. Pero o modelo de monte que sufrimos nas últimas décadas e que agora pretende dar continuidade o actual goberno de Alberto Núñez Feixoó non ten futuro, non afronta os retos da emerxencia climática. Ben ao contrario, a idea de monte que ten a Xunta de Galiza agrava drasticamente as consecuencias do quecemento global no noso territorio. O plan que a Xunta prepara  para as vindeiras décadas segue deixando en mans de poucas empresas a xestión do noso monte, segue apostando pola expansión do monocultivo do eucalipto, pola perda de paisaxe, pola diminución de biodiversidade e pola desaparición de terras agrarias e de bosque autóctono. Segue incidindo na erosión do solo, na falta de prevención e na intensificación dos lumes forestais, na concentración da propiedade en poucas mans privadas, na eliminación de oportunidades de emprego e de oportunidades de vida no medio rural.

O plan forestal que propón Núñez Feixoó non é un Plan para o pobo galego, é un plan que unicamente responde aos intereses da industria do eucalipto, e agora tamén, da industria da enerxía. O novo plan forestal aposta polos cultivos enerxéticos: a ocupación de inxentes superficies de terreo para plantar e queimar en ciclos curtos de 5-7 anos. Isto traducirase en máis emisións de CO2 á atmosfera, máis monocultivo de especies exóticas invasoras, máis lumes forestais e menos bosques e terras para a produción de alimentos.

 Este goberno non ten vergoña. Mesmo presenta o monocultivo de especies de crecemento rápido como a solución principal na loita contra o cambio climático. Pero non debemos esquecer que o uso principal do eucalipto cortado no país vai para a pasteira de ENCE, onde se libera máis CO2 do que se absorbe coas plantacións forestais. Na planificación forestal aínda vixente, a Xunta prevía como superficie máxima a ocupar con especies de eucalipto unhas 245.000 hectáreas até o ano 2030. Hoxe, en 2019, o eucalipto xa ocupa máis de 500.000 hectáreas, o 17% de toda a superficie galega, coa intención de seguir aumentado até 35.000 hectáreas máis.

Esiximos unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático, e non se pode xustificar como solución, como se fai  na Estratexia galega contra o cambio climático, as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras de crecemento rápido.

  O goberno español sacou un decreto para compensar por captura de dióxido de carbono, coñecido popularmente como decreto de descarbonización e que significa  máis forestación de terras agrarias e un novo nicho de negocio para a industria do lume.

Máis forestación de terras agrarias porque os e as titulares dos montes que poden recibir estas compensacións económicas, serán aqueles e aquelas que cambien de uso da terra.

Todos e todas sabemos que, no noso país, os cambios de uso da terra son de agrario a forestal. E todos e todas sabemos que esta forestación , significa máis  eucalipto .

                Novo nicho de negocio para a industria do lume porque as terras que poden recibir compensacions económicas, pola absorción de CO2, son as que padeceran un lume dende o ano 2013 para acó. Un monte que estea ben xestionado e que plante cando  o plano de ordenación o pida, non terá estas compensacións por captura de CO2. Pola contra se a plantación se fai logo de padecer un lume, si recibirá as compensación. Xa que logo, o lume interesa.

 Temos que dicilo claro: o eucalipto non mitiga o cambio climático!  Acelera o quecemento global e intensifica os seus efectos negativos sobre o noso aire, auga e solo. Por iso, demandamos á Xunta de Galiza que non permita novas repoboacións con esta especie no país. Queremos unha moratoria indefinida para o eucalipto; que se prohiba en espazos naturais protexidos e que se elimine das terras agrarias ou das zonas de bosque nas que foi ilegalmente introducido. Sabemos que, polo menos, unhas 30.000 hectáreas de terras agrarias xa foron substituídas por esta especie invasora.

Queremos que se prohiba o eucalipto nitens, co que se están a ocupar as mellores terras de val e de montaña da provincia de Lugo e da Coruña,  e que está descrita polo comité científico do Ministerio de Medio Ambiente como unha especie expansiva, con alto risco de invasión e moi perigosa para o mantemento da biodiversidade.

O ano pasado, o parlamento galego, cos votos en contra do PP e coa abstención do PsdeG-PSOE rexeitou a iniciativa lexislativa popular que máis apoio social conseguiu na historia democrática de Galiza. Esta ILP do bosque pretendía poñer freo á eucaliptización de Galiza e promover a multifuncionalidade do monte galego e as especies forestais autóctonas, para acadar aproveitamentos máis sostíbeis e para deter os incendios forestais. Non foi posíbel!  Volveuse impoñer a lei  do eucalipto e da pasta de papel.

Pero non desistimos. Seguimos a defender as especies arbóreas autóctonas como parte do noso monte e da nosa vida. Proporcionan servizos ecosistémicos e son fonte de riqueza e de emprego. Fai falla unha Administración que aposte por criar mercado e tecido industrial para os diferentes aproveitamentos do monte; que invista na produción de madeira de calidade e doutros produtos do monte; que promova exencións fiscais e axudas para o mantemento e preservación dos bosques; que apoie a investigación cara a unha industria forestal integral e sustentable. En Galiza temos dereito a ser donos/as dos nosos recursos, a que a nosa masa forestal sexa transformada de forma completa e peche o ciclo produtivo en Galiza, deixando valor engadido no país, creando industria e postos de traballo e procurando unha economía máis circular, sostíbel e autosuficiente. 

Rexeitamos o plan forestal actualmente en marcha e que o goberno galego mantén silenciado, así como denunciamos que non foi elaborado pola sociedade galega. Non contou coa voz de todos os axentes sociais. A Xunta excluíu da planificación do monte galego a aqueles que viven nel e o xestionan, aos veciños e veciñas do rural. Pero tamén relegou a unha participación anecdótica ás forzas sindicais, ao sector ecoloxista e ao resto dos axentes sociais. O obxectivo está claro: eliminar atrancos que puidesen obstaculizar o plan de monte que xa está predefinido polos que só ven nel o rédito económico e inmediato, aqueles que sementan os nosos montes de mistos, facilitando o espolio dos nosos recursos e desprezan o carácter social, ambiental e cultural do monte galego.

O plan forestal de Núñez Feixoó só responde aos intereses da industria forestalista máis agresiva co territorio, polo que Galiza seguirá ardendo. Con máis frecuencia e de forma máis intensa e virulenta. No actual contexto, a permisividade da Xunta ante o incumprimento sistemático das distancias de prevención contra os incendios forestais, a apertura aos cultivos enerxéticos e o aumento do monocultivo de especies pirofitas de crecemento rápido son ingredientes dunha mala combinación que terá como resultado o lume. Este cóctel molotov porá en risco grandes superficies de monte, de especies e hábitats, de producións, pero tamén porá en risco a vida e a seguridade de moitas persoas. Lembremos a vaga de lume de 2017 ou miremos para o veciño Portugal.

No deseño dun monte galego con futuro tamén é chave a estrutura da súa titularidade. A FAO e a Unión Europea indican que hai que camiñar cara a unha tenencia máis xusta destas terras e cara á devolución destas ás colectividades locais. En Galiza existe unha titularidade que xa cumpre estes preceptos, que son os montes veciñais en man común. Sen embargo, o que fai o Partido Popular con este tipo de titularidade do monte é proceder á súa privatización. Debemos evitalo!

                  A veciñanza que estamos nesta praza, reivindicamos  un monte galego con futuro. É máis, cremos que este monte galego con futuro é posible :

         -Se nos montes de particulares se promociona a súa  xestión común e democrática, non a xestión capitalista que significan as Sociedades de fomento forestal (SOFOR). Se a xestión común, multifuncional e democrática que significaban as unidades de xestión forestal (UXFOR), promulgadas pola consellaría do Medio Rural do goberno bipartito, dirixida politicamente polo BNG,

             Un monte galego con futuro é posíbel si:

       -Se na loita contra os lumes do territorio se atacan as causas estruturais que os causan: causas estruturais como son: o abandono do medio rural, o monocultivo forestal, a desordenación das masas boscosas.

Un monte galego con futuro é posíbel:

       -Se se logra unha lei de montes veciñais en man común  que reforce o carácter xermánico dos mesmos e contemple a decisión soberana da veciñanza comuneira para polos en valor .

       -Se se eliminan as falsas e inxustas débedas dos montes veciñais conveniados e ou consorciados. Xa que se estas débedas existen, somentes son imputábeis á administración forestal por ser os seus xestores .Por ser os seus malos xestores .

     -  Se se impide que a Consellaría do medio rural, converténdose en xuíz e parte, poida declarar os montes veciñais en man común abandonados ou en estado de abandono, para entregarllos por 50 anos, sen dereito a reversión, ás empresas forestais privadas .

     -Se se recoñece que a problemática dos lumes do territorio, son unha cuestión política e non un problema de delincuencia, como nos quere vender o conselleiro do medio rural.

     -Se se saca as comunidades de montes de ser suxeitos pasivos no Imposto de Sociedades, como se fósemos empresas mercantís, que non o somos, e se elabora una fiscalidade para os montes veciñais, feita en Galiza e que contemple a figura e as funcións dos montes veciñais .

              En definitiva, un monte galego con futuro é posíbel, se mudamos radicalmente a política de montes do Partido Popular. O vindeiro 10 de Novembro, hai eleccións para elixir deputados e deputadas ás Cortes Xerais do Estado. Se cadra sería bo que antes de depositar a papeleta nas urnas, pensaramos na relación monte galego con futuro –deputados e deputadas elexidos/as. .

               No mes pasado, nun xornal da provincia de Ourense, o conselleiro de Medio Rural, o sr José González, afirmou que o abandono das terras no rural á unha avantaxe competitiva. Non é que lle traizoara o subconsciente,que o é. E que esta é política do Partido Popular a respecto do monte e do medio rural. Política de montes, que ademais de pretender roubar as terras comunitarias aos seus titulares para entregarllos a empresas forestais privadas, pretende tamén que as poboacións abandonen o medio rural. Que o abandonen para instalar nel aproveitamentos social e medio ambientalmente agresivos (megamineria , cultivos enerxéticos), instalacións de lecer para as elites da sociedade (campos do golf, grandes coutos de caza), infraestruturas para as multinacionais (centros comerciais ,cidades deportivas).

                Un dos últimos casos témolo na pretensión da empresa Real Club Celta de Vigo, que quer roubarlle o monte veciñal a veciñanza comuneira de Tameiga e os comuneiros e comuneiras das traídas de augas para instalar a súa cidade deportiva e centros comerciais. A veciñanza comuneira está loitando para impedir este roubo. Veciñanza comuneira de Tameiga e comuneiros e comuneiras da traídas de augas, que están aquí con nós, aos que saudamos e amosamos a nosa solidariedade .

             A veciñanza comuneira  que vivimos , traballamos e xestionamos o medio rural ; e que queremos seguir vivindo, traballando e xestionando o medio rural, as maiorías socias do pobo galego, dicímoslle non, non ,non a esas palabras do sr conselleiro do medio rural.     

Se a veciñanza comuneira temos o orgullo de ser comuneiros e comuneiras. Se as maiorías sociais do pobo galego, temos o orgullo de ser galegos e galegas, o monte galego ten futuro. Claro que ten futuro .

Loitemos por un monte galego con futuro!

 

Volver