Explotación laboral e quecemento global no capitaloceno

Renán Vega Cantor - 31 Mai 2022

En termos laborais a situación dos traballadores culturais non é diferente á do sector da manufactura e ao traballo material e manual máis convencional. Estes traballadores cognitivos que se desempeñan en diversas actividades están sometidos aos mesmos procesos de precarización e explotación doutros sectores: longas xornadas de traballo, malos salarios, sen seguridade social, sen emprego fixo

 O capitalismo é unha relación social historicamente constituída na que os traballadores desempeñan un papel central, até o punto de que sen eles o capitalismo non podería existir. Se falamos de capitaloceno é indispensábel considerar os nexos entre a explotación acentuada dos traballadores e o quecemento global. Nas análises convencionais sobre o cambio climático os traballadores non existen, o cal parte do suposto implícito de que os combustíbeis fósiles xurdirían da nada. Esta premisa é falsa porque o carbón e o petróleo se extraen pola acción de traballadores e, nese sentido, son unha materialización de relacións sociais. Isto obriga a considerar o proceso de traballo, xa que os “combustíbeis fósiles requiren traballo asalariado ou forzado [...] como condicións necesarias para existir”(1). Este é o nexo xerminal entre traballo e quecemento global, mais as conexións son múltiples. Respecto diso poden sinalarse diversos asuntos, que por espazo só podemos mencionar: o desemprego que xera a mudanza climática; o papel de actividades nas que traballan millóns de seres humanos, tales como a produción de cemento, a gandaría industrial, o transporte marítimo, terrestre e aéreo na xeración de gases de efecto invernadoiro; o impacto sobre o clima mundial da industria téxtil, onde predominan formas case escravistas de traballo con formas salariais... O nexo é amplo porque non soamente é que eses combustíbeis fósiles se utilicen e consuman no proceso laboral, senón que ademais están presentes en todas as actividades do mundo actual e atinxen a todo tipo de traballos, incluíndo o chamado “traballo cultural”, un exemplo que analizamos na segunda parte deste escrito.

Impactos da calor no proceso de traballo

 O capitalismo fósil desde o mesmo momento da súa consolidación na Inglaterra da primeira metade do século XIX requiriu da concentración dun gran continxente de traballadores nas nacentes fábricas urbanas, nas cales se producía con carbón como forza enerxética fundamental que activaba as máquinas de vapor. Ese carbón traíase das minas inglesas e levábase ás cidades fabrís. É dicir, había un fluxo de enerxía que precisaba dun continxente laboral estacionado nun lugar, a fábrica, onde esa forza de traballo formalmente libre foi sometida a diversos procedementos de espolio para obrigala a recluírse alí e producir para os capitalistas. As primeiras xeracións de obreiros sufriron en carne propia o impacto orixinal do quecemento global. Así, para a nacente clase obreira británica a imposición da economía fósil veu aparellada coa deterioración da contorna en que traballaba e vivía. Nos sitios de traballo afrontaba unha calor insoportábel en lugares inhóspitos e sen ventilación, en xornadas diarias de ata quince horas, e alí mesmo o seu organismo era afectado pola concentración de gases tóxicos e o fume que desprendían as máquinas a vapor e era frecuente que, polo sobrequecemento, se producisen explosións nas que morrían ducias de traballadores. Isto enfermaba os traballadores de silicose, tuberculose, asma, cegueira, diversos tipos de cancro, anemia... O impacto do traballo fabril sobre os traballadores, ao soportaren o quecemento directo no lugar de traballo, xeraba avellentamento prematuro, insomnio, malformacións do corpo, múltiplas enfermidades e a morte repentina. Acerca do impacto da calor nas nacentes fábricas, Friedrich Engels escribía en 1845:

“A atmosfera das fábricas é habitualmente á vez quente e húmida, máis ben máis quente do necesario e se a ventilación non é moi boa, a atmosfera é moi impura, asfixiante, pobre en osíxeno, inzada de pos e de vapores do aceite das máquinas que mancha case por todas as partes o chan; os traballadores visten pouca roupa debido á calor, e arrefriaríanse automaticamente se cambiase a temperatura do local; mais nesa calor, a menor corrente de aire parécelles desagradábel, o debilitamento progresivo que se vai apoderando progresivamente de todas as funcións físicas diminúe a calor animal que debe ser entón mantida desde o exterior; e por iso o obreiro prefire permanecer nesa atmosfera calorosa da fábrica, con todas as fiestras pechadas. A iso vén engadirse o efecto do cambio brusco de temperatura cando o obreiro deixa a atmosfera moi calorosa da fábrica e bate co aire glacial ou moi frío e húmido de portas fóra, a imposibilidade para o obreiro de se protexer ben da choiva e de cambiar de roupa cando esta se molla; eses son factores que constantemente provocan arrefriados(2).

 As transformacións sociais e ambientais sentíanse tamén no espazo exterior da fábrica, porque as cidades industriais (á cabeza das cales estaba Manchester, denominada Algodonopole) eran porcas, contaminadas e daban orixe a microclimas artificialmente cálidos. Os ríos que as atravesaban estaban cheos de inmundicias. Os traballadores vivían en tobeiras insalubres, antihixiénicas e sen auga potábel. Entrementres, e como unha clara segmentación espacial de clase, os capitalistas vivían en barrios retirados da cidade, onde se refuxiaban para fuxir da sucidade, a contaminación e a miseria que producían as súas fábricas.

 A localización dos barrios obreiros formaba parte dun proxecto urbano, no cal se configurou unha segmentación socioespacial coa finalidade de separar os lugares de traballo e de residencia dos obreiros, con respecto aos sitios onde habitan a clase media e a alta burguesía. Así, os barrios obreiros situábanse na cidade porca e abandonada. A segmentación espacial sustentábase nunha lóxica de clase implacábel: que a contaminación afectase aos traballadores en forma directa, posto que o fume chegaba aos barrios obreiros, pero non alcanzaba aos lugares onde vivía a burguesía. O trazado urbano onde se situaban os barrios obreiros era caótico, cunhas casas enriba doutras, e non existía un sistema de sumidoiros nin lugares para depositar o lixo. Para completar, aí construíronse unhas vivendas estreitas e sen ventilación.

 Isto foi resultado directo dunha estratexia que buscaba obter p maior beneficio posíbel, a custa do abandono dos traballadores e todo aquilo relacionado coas súas condicións de reprodución (vivenda, alimento, vestiario, saúde, sono...), co que eran reducidos a un estado de animalidade.

 As condicións que soportaron as primeiras xeracións de traballadores de Inglaterra como resultado directo do quecemento que produce a utilización de combustíbeis fósiles agora espalláronse polo mundo enteiro. Nestes momentos en China, o novo taller do mundo, A India, Bangladesh, Camboia, Centroamérica, México, Brasil... xeneralizouse o capitalismo fósil, que require, como no nacente caso inglés, da combinación dunha explotación intensiva dos seres humanos coa utilización de petróleo e carbón, cuxo uso é o factor principal que explica o aumento de temperatura en todo o planeta.

 Os millóns de traballadores (varóns adultos, nenos, mulleres...) dos “novos países industrializados” son os primeiros que soportan o quecemento global, neste caso a nivel micro e local, posto que se sente nos lugares onde traballan e viven. Respecto diso poden mencionarse algunhas imaxes, tomadas entre miles, das fábricas da morte e as cidades hiperdegradadas. As fábricas, con características similares ao Manchester decimonónico, existen, están dispersas en diversos lugares do mundo, logo de que se trasladaron de Europa e Estados Unidos a outros lugares. As cidades, se é que se pode chamar así a unha agrupación caótica de chabolas entre sumidoiros e lameiras fedorentas, similares á Manchester de hai 175 anos, florecen como fungos no inverno.

 Sobre a persistencia das fábricas satánicas, asoladas pola calor, poden citarse algúns fragmentos contemporáneos de diversos espazos xeográficos. Por exemplo, en Firozabad, a capital de cristal da India, cunha poboación de 350.000 habitantes, uns 50.000 rapaces producen apreciadas pulseiras de cristal, moi apetecidas polas mulleres dese país e do exterior. Prodúcense nestas condicións:

“Os nenos realizan todo tipo de traballos. Transportan o vidro derretido nunha longa barra de ferro, situada apenas a medio metro dos seus corpos; retiran o vidro derretido dos fornos, que están a unha temperatura de entre 1.500 e 1.800 grados centígrados, mentres poñen en perigo os seus curtos brazos que case tocan o forno; axustan e recocen as argolas de vidro, preto dunha pequena chama de queroseno, nun cuarto que case non ten ventilación para evitar que un simple sopro de aire poida apagar a chama. O chan da factoría está sementado de anacos de vidro e os nenos traballan arriba e abaixo transportando o ardente vidro derretido sen zapatos que protexan os seus pés. Hai cables eléctricos ao descuberto colgando por todas as partes porque os donos da factoría non se molestaron en instalar cables illantes”(3).

 E o mesmo acontece co traballo dos adultos, como se mostra nas fábricas das multinacionais que funcionan en China, naquelas en que se producen os máis sofisticados artefactos microelectrónicos. Unha desas empresas é Foxconn, ligada a Apple, cun cadro de persoal de 1.4 millóns de traballadores. Nesta xigantesca fábrica explótase intensivamente a homes e mulleres. Un obreiro describe o réxime laboral ao que está sometido:

“Non hai horario de traballo fixo. Unha xornada de traballo de doce horas é o mínimo. Fannos traballar a fume de carozo e sen parar trinta horas seguidas ou máis. De día e de noite [...] a quenda máis longa foi de corenta horas sen parar [...]. É esgotador porque temos que estar todo o tempo de pé para alistar o denim. Sempre nos doen as pernas. No chan do taller non hai lugar para sentar. As máquinas non paran durante a pausa do mediodía. Un grupo de tres traballadores fai quenda para comer un por vez [...]. Unha grosa capa de po cobre o chan. O corpo pónsenos negro de tanto traballar alí dentro día e de noite. Cando saio do traballo e cuspo, cuspo saliva negra”(4).

 No referido ás cidades, existen miles no mundo que, desde o punto de vista sanitario, son “pouco máis que sumidoiros tupidos e zumegantes” nas que “A intimidade constante co lixo do veciño é unha das fronteiras máis claras da división social. Do mesmo xeito que a habitual presenza de parasitos no corpo dos pobres, vivir no medio da merda, como ben sabía a burguesía vitoriana, delimita realmente a existencia de dúas humanidades”(5).

 Mencionemos un só exemplo dunha cidade de recente industrialización e que soporta condicións similares ás de Manchester no século XIX, Ningho, na costa este de China: “Practicamente todos os fogares dos migrantes nos dous lugares urbanos ocupan un só cuarto. Na maioría, dúas ou tres persoas comparten un cuarto que ten entre 10 e 20 metros cadrados. A media é de 2.53 persoas por cuarto, e o espazo medio per capita é de 6.76 metros cadrados [...]. Separadamente das ateigadas vivendas hai unha grave escaseza de instalacións sanitarias. A maioría das casas non están conectadas á rede de sumidoiros e as instalacións dos escusados son moi deficientes. Os case 5.000 migrantes que residen en Changfeng só teñen acceso a seis letrinas con trinta e catro retretes, os 2.000 migrantes de Jinjacao só teñen dúas latrinas con dezasete retretes. [...] Case a metade dos migrantes ten que facer cola para ir ao baño durante 10 ou 20 minutos nas horas punta da mañá, outro 35 por cento esperan entre cinco e dez minutos”(6).

 O que se debe salientar é que isto se presenta nos lugares que producen as mercadorías que se consumen no capitalismo mundial. Alí consúmense esas mercadorías, pero non se pregunta de onde veñen e como se produciron. Aínda que dos nexos entre produción e consumo non haxa consciencia, o certo é que a precarización das condicións laborais e existenciais dos traballadores é a fonte de acumulación de capital por parte dunha minoría mundial e esa é a raíz fundamental do quecemento global. En resumo: “Ríos máis limpos para os quen viven ao grande, cheirentos sumidoiros alí onde a xente non ten cartos; o desigual intercambio ecolóxico faino posíbel. [...] O ceo azul sobre os centros de consumo deste mundo débese en maior medida á externalización dos custos ecolóxicos ás periferias deses centros”(7).

 Cómpre facer unha aclaración sobre as estatísticas de gases de efecto invernadoiro e a súa procedencia. Adoito, sinálase que China está á cabeza dos países máis contaminantes e que produce CO2 e outros gases de quecemento global. Esta afirmación agocha a realidade de fondo, na cal China é o principal centro de produción mundial, mais esa produción consómese no resto do mundo, principalmente en Estados Unidos e nos países de Europa occidental. Isto é ben poñelo de relevo porque indica que este modelo exportador chinés xera produtos que benefician as principais multinacionais, propiedade de capital estadounidense ou europeo, e ese proceso é xerador de quecemento global. Deste xeito, que todo sexa chinés, como se di popularmente nos feiróns de calquera rúa no mundo enteiro, non significa que China en forma exclusiva sexa a xeradora de gases de efecto invernadoiro. Ese é un proceso de intermediación, dado que se descentralizou a produción para impoñer no sur do mundo a precarización laboral e a contaminación, á vez que as mercadorías que se producen e transportan a través dos xigantescos barcos de colectores, consumen combustíbeis fósiles a gran escala. “Así que, aínda que a nosa roupa, a nosa electrónica de consumo e os nosos mobles estivesen feitos en China, o certo é que o modelo económico estaba feito principalmente nos Estados Unidos de América”(8).

 Outro asunto que se debe considerar radica no impacto negativo que ten o quecemento global nas actividades laborais ou, máis exactamente, a redución da produtividade. Mentres que tanto se fala das virtudes da revolución informática, o certo do caso é que non se manifestou no aumento da produtividade, e a razón básica estriba en que eses efectos pretendidamente positivos foron contrarrestados polo quecemento global. Isto é mesmo elemental, como o sabe calquera persoa que traballa baixo un sol abrasador ou nunha oficina na que non hai ventilación. Un só día de traballo nesas condicións é esgotador. Se trasladamos estas experiencias individuais ao plano macroeconómico e as multiplicamos por millóns de seres humanos observamos un estancamento e descenso da produtividade. Todo isto indica que a mudanza climática é “unha crise envolvente, que afecta a todos e cada un dos aspectos do noso modo de vida neste momento no planeta”(9). Por suposto, o sufrimento ou os eventuais beneficios que orixinen a calor entre os habitantes e traballadores nun territorio determinado é desigual: as zonas máis calorosas do mundo son as que xa máis padecen o quecemento global, como A India ou Paquistán. Mesmo, nalgunhas rexións dos Estados Unidos calcúlase que, por mor do aumento da temperatura, se van a reducir os ingresos até nun 20 por cento.

O traballo cultural

 Na actualidade difúndese a propaganda que as tecnoloxías da información son a expresión da pretendida urxencia dunha sociedade “posmaterial”, de “servizos”, na cal o traballo é cada vez menos importante, os traballadores que se desempeñan nesas actividades xa non soportarían a explotación, senón que serían unha nova clase media de prósperos emprendedores e creadores (algúns denomínana a “clase creativa”) e, para completar esta, esas tecnoloxías non serían contaminantes e contribuirían a diminuír o quecemento global. Como unha cousa é a propaganda e outra a dura realidade, imos analizar neste parágrafo o xeito como se combinan a explotación dos traballadores culturais ou cognitivos e as modificacións climáticas.

 Para comezar, mencionemos a xeito de exemplo o suposto carácter revolucionario da informática; non faltou quen afirmaba que o teléfono móbil, até antes de que se xeneralizase o smartphone, garantiría a eliminación plena de refugallos, porque non se usa papel, e sería o medio axeitado para terminar coa corrupción e a pobreza. Estes mesmos apoloxistas do teléfono móbil sosteñen que “África está no medio dunha revolución tecnolóxica e nada ilustra este feito [máis] que a proliferación dos teléfonos móbiles”, malia que sexa máis a cantidade de africanos que “teñen acceso a teléfonos móbiles que a auga potábel limpa”(10). O mundo do traballo cultural e cognitivo sería aquel en que traballadores e consumidores vivirían nunha harmonía plena gozando do que fan, en beneficio mutuo, sen explotación e sen ningún tipo de friccións e con cero emisións de carbono.

 Máis aló deste conto de fadas, a realidade é completamente diferente. En termos laborais a situación dos traballadores culturais non é diferente á do sector da manufactura e ao traballo material e manual máis convencional. Estes traballadores cognitivos que se desempeñan en diversas actividades están sometidos aos mesmos procesos de precarización e explotación doutros sectores: longas xornadas de traballo, malos salarios, sen seguridade social, sen emprego fixo. Claro, nese sector hai unha segmentación entre unha minoría de exitosos e a ampla maioría de “perdedores”. Un exemplo simple o confirma: “Durante a rodaxe do filme The Mexican  en San Luís Potosí, México, falouse moito dos dez mil dólares investidos para obter auga de manancial para Brad Pitt e Julia Roberts, cuxos salarios ascendían aos 40 millóns de dólares. Os dos traballadores mexicanos da construción empregados pola produción alcanzaban 12 dólares diarios”(11). A gran maioría dos traballadores que traballa na informática e sectores similares ou que, a raíz da pandemia da Covid-19, se viron absorbidos polo teletraballo (docencia, traballos de oficina, deseño...) soportan a precarización e a explotación, como o resto dos traballadores. Xornadas extenuantes e interminábeis, sen noites nin fins de semana, pegados aos smartphones, tabletas e computadores, cun redobrado control e vixilancia no proceso de traballo, sen soldo de ningunha especie en moitos casos, con contratos lixo ou de cero horas como os do sistema Uber son a dura realidade do traballo cultural. Aínda máis, detrás dese traballo cultural aparentemente benigno e creativo agóchase un traballo manual duro, sometido ás peores formas de explotación, como sucede nos lugares onde se producen os computadores e móbiles.

 E as cousas son máis horríbeis se se recorda que para que funcione o mundo informático se precisa de gran cantidade de persoas que traballan de forma precarizada. Así, a moderación do contido de Facebook e Google realízana 100.000 traballadores en Filipinas que se dedican a facer procuras de contido de medios de información e de almacenalas na nube. Así mesmo, na India miles de traballadores intelectuais traballan nas “semigranxas” dixitais con salarios de fame de día e de noite, sentados fronte a un ordenador, para realizar o extraordinario traballo de apertar o botón de gústame nas páxinas onde se solicita aos visitantes que digan se lles presta ou non a información que lles forneceron(12).

 Así, a precariedade e explotación que caracteriza o traballo cultural é tan notoria que o capitalismo o asume como un modelo digno de imitar e de impoñer en todo o mundo laboral: traballadores sen soldo, sen lugar de traballo, listos para producir en calquera momento cando o dispoñan os donos do negocio, onde todo o risco o asumen eles e o capitalismo goza dunha flexibilización absoluta, con cero compromisos laborais. Por iso: “Se hai algo en común entre os artistas e os traballadores da tecnoloxía, é que ambos son parte dunha forza de traballo cada vez máis precaria que traballa baixo a aparencia da ‘creatividade’”(13). Pero saiamos do ámbito laboral e examinemos o impacto ambiental e os efectos sobre o quecemento global do traballo cultural.

 Para comezar, suponse que utilizar computadores e tecnoloxía informática non xera ningún tipo de contaminación, sinxelamente porque como as aparencias enganan, non vemos, como nas industrias clásicas, o fume negro das chemineas por ningures. Isto levou a certos despistados, como o Consello Australiano para as Humanidades, as Artes e as Ciencias Sociais, a dicir que vivimos nun mundo “poscheminea”, onde os labores informáticos non xerarían residuos nin utilizarían carbono senón códigos virtuais(14).

 A realidade nada ten que ver con esas especulacións, porque o traballo informático é un dos sectores que máis está quentando o planeta e iso dáse nos máis diversos niveis. En termos de consumo de electricidade está estabelecido o incremento exponencial polo uso de computadores e trebellos microelectrónicos. Así as cousas, o uso compulsivo do smartphone, o enchufado obsesivo á wifi -polo medo a quedar sen datos- disparou o consumo de electricidade.

 Con relación ao traballo cultural das grandes vedettes do espectáculo e da virtualidade, como Bill Gates e compañía, destácase o incremento das viaxes aéreas como parte do turismo académico ou artístico, o cal quenta o planeta de forma directa. Lémbrese respecto diso que “cada billete de avión de ida e volta entre Nova York e Londres lle custa ao Ártico tres metros cadrados de xeo”(15).

 A iso cómpre engadir que os dispositivos microelectrónicos se constrúen con materiais moi tóxicos, entre eles metais pesados (chumbo, cobalto, mercurio, cadmio, cobre...), que logo regresan ao medio natural en forma de refugallos. E cando son inservíbeis, devólvense como refugallos ao Sur do mundo, para contaminar a nenos, homes e mulleres que, en China, A India, Bangladesh, México, Brasil... reciclan computadores e televisores. Este é un claro exemplo do que é o clasismo ambiental: empréganse os produtos microelectrónicos no Norte e polas clases dominantes e medias no Sur e logo regresan os refugallos aos pobres do sur do mundo. Só o Estado de California, en Estados Unidos, exportou en 2006 a sete países un millón de toneladas de refugallos electrónicos.

 Por iso, “O phone que usamos para nos vincularmos con outros ou a tableta que usamos para lermos as noticias é parte dun ciclo que afecta a natureza e produce consecuencias para moitos dos seres humanos que contribúen a crear estes artefactos. O debate debe transcender a explotación e os salarios miserábeis nas maquilas e ensembladoras e visibilizar tamén os efectos sobre a saúde dos traballadores, mais, sobre todo, do planeta”(16).

Fin

 Explotación laboral e quecemento global no capitaloceno son dous elementos estreitamente vinculados, cunha chea de derivadas na vida cotiá dos traballadores, entre outros moitos aspectos que cómpre analizar. Neste ensaio só consideramos dúas cuestións: unha a referida aos efectos directos e inmediatos do quecemento global no proceso de traballo que están relacionados co xurdimento e expansión do capitalismo fósil desde mediados do século XIX en Inglaterra. O que alí se produciu, logo xeneralizouse ao resto do mundo, con idénticas consecuencias sociais e ambientais, sendo a consecuencia directa as modificacións de temperatura nos lugares de traballo. Neste sentido, pode concluírse que os que primeiro viven o quecemento global a nivel micro son os traballadores e os que primeiro o sufriron foron os traballadores das minas de carbón, que extraían a enerxía que ía quentar o mundo, polo interese da nacente burguesía industrial en obter grandes beneficios e acumular capital fósil.

 Un segundo aspecto que se considera, a xeito de exemplo, é o do traballo cultural ou cognitivo, dado que sobre o mesmo existe unha mitoloxía pouco crítica que o vincula á ausencia de explotación e, ademais, sostén que as industrias culturais, ligadas dalgunha forma á dixitalización, non son contaminantes, xeran cero emisións, están libres dos efectos nocivos da industria con cheminea. Esta é unha falacia, porque tras as aparencias o que se agocha é unha realidade sórdida de precarización laboral e de explotación intensificada dos traballadores ao mesmo tempo que esas industrias culturais son xeradoras de tantos gases de efecto invernadoiro como os sectores manufactureiros tradicionais.

 En síntese, para entender o capitaloceno precísase vincular analiticamente a explotación dos traballadores co aumento da temperatura a nivel mundial.

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) Andreas Malm, Capital fósil. El auge del vapor y las raíces del quecemento global, Capitán Swing, Madrid, 2020, p. 40. 

(2) Federico Engels, La situación de la clase obrera en Inglaterra, Marxists.org, 2019, pp. 227-228.

(3) Unicef, Estado mundial de la infancia. Trabajo infantil, Xenebra 1998, p. 37.

(4) Ching Kwan Lee, “Against the law: Labor Protests in China’s Rulbelt and Sunbelt”, Berkeley, 2007, p. 235. Citado en Tristram Hunt, El gentleman comunista. La vida revolucionaria de Friedrich Engels, Editorial Anagrama, Barcelona, 2011, p. 365.

(5) Mike Davis, Planeta de ciudades miseria, Editorial Foca, Madrid, 2007, pp. 184-186.

(6) Citado en Jan Breman, Fuerza de trabajo paria en Asia, Traficantes de Sueños, Madrid, 2015, p. 257.

(7) Stephan Lessenich, La sociedad de la externalización, Editorial Herder, Barcelona, 2019, p. 106.

(8) Noemi Klein, Esto lo cambia todo. El capitalismo contra el clima, Paidós, Barcelona, 2015, p. 111.

(9) David Wallace-Wells, El planeta inhóspito. La vida después del calentamiento, Debate, Bogotá, 2019, p. 139.

(10) Citado en Toby Miller, El trabajo cultural, Gedisa, Barcelona, 2018, p. 35.

(11) Ibid., p. 41.

(12) Nick Srnicek, Capitalismo de plataformas, Caja Negra Editora, Bos Aires, 2018, p. 85; Josep Burgava, La manada digital. Feudalismo hipertecnológico en una democracia sin ciudadanos, El Viejo Topo, Barcelona, 2021, pp. 263-264.

(13) Ibid., p. 151.

(14) Ibid., p. 60.

(15) D. Wallace-Wells, op. cit., p. 138.

(16) T. Miller, op. cit., p. 170.

_____________________________________________________________________________

*Publicado en papel na Revista Cepa, Nº. 33, Bogotá, maio-xullo de 2022

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 16 de maio de 2022]