Extel desconta do salario a unha traballadora vítima de violencia de xénero o tempo por acudir ao servizo médico

A actuación da empresa supón unha grave vulneración dos dereitos que amparan ás mulleres que sofren violencia machista

A Coruña -

A empresa de atención telefónica Extel volve dar exemplo da peor praxe patronal, nesta ocasión sancionado economicamente a unha traballadora vítima de violencia de xénero por acollerse ás medidas de protección que prevé a lei para estas situacións. E así, Extel descontou da nómina de setembro da teleoperadora a contía correspondente polo tempo ocupado en acudir ao servizo de psicoloxía do Sergas.

Esta actitude da empresa (que detraeu da nómina da traballadora 47,16€) supón unha gravísima vulneración dos dereitos recollidos na lei de medidas para a protección integral contra a violencia de xénero, do dereito á integridade física e moral da afectada, e do dereito á igualdade e non discriminación por razón de xénero, por canto Extel sanciona a traballadora por acollerse, precisamente, ás medidas de protección estabelecidas para afrontar a súa situación como vítima dunha violencia que acontece polo simple feito de ser muller.

Ademais, a empresa avala as condutas machistas ao aplicar unha “vitimización secundaria” da traballadora, por canto penaliza economicamente a asistencia ás sesións médicas ás que debe acudir ante o cadro de violencia de xénero que padece.

Deste xeito a empresa desnaturaliza os obxectivos que persegue a lei de medidas contra a violencia de xénero no referido á adopción de medidas de acción positiva para facer reais e efectivos os dereitos das vítimas e ao tempo pon trabas á difícil loita que supón para as mulleres vítimas de violencia machista enfrontarse a tal condición.

Até o momento, Extel non tiña efectuado ningún desconto no soldo da traballadora polas ausencias por acudir á consulta médica. Porén, agora, a pesar das xustificacións presentadas pola traballadora, a dirección teima en reterlle os 47,16 euros do salario de setembro, véndose na obriga de recorrer á tutela xudicial para reclamar que Extel cumpra co dispostos na normativa vixente.

Cómpre subliñar que esta non é a primeira vez que Extel atenta contra os dereitos desta traballadora, pois en recentes datas a empresa foi condenada xudicialmente por vulnerar os seus dereitos fundamentais. Por iso, na demanda que a traballadora vén de presentar solicitando o cese inmediato da conduta da empresa e a reposición da cantidade do salario detraída, tamén se solicita ao xulgado que condene a Extel a abonar unha indemnización a afectada por danos morais.

Volver