Extel intenta boicotear a folga convocada para este mércores 5 de febreiro

A empresa anuncia un sorte de diñeiro entre o persoal que non se ausente do se posto esta semana
A Coruña - 04 Feb 2020

A sección sindical da CIG denuncia que Extel está intentando boicotear a folga convocada para este mércores, 5 de febreiro, na plataforma da Coruña. A empresa acaba de anunciar que sorteará 4 tarxetas de 100€ entre todas as traballadoras e traballadores que non se ausenten do se posto esta semana. As delegadas e delegados da CIG subliñan que esta medida "é completamente ilegal, á vez que escandalosa, cunha convocatoria de folga polo medio".

Entenden que o obxectivo da empresa é "boicotear como sexa" a participación na folga, tendo en conta o éxito das anteriores convocatorias. Diante disto, dende a sección sindical xa se puxeron en contacto coa dirección para esixirlle unha rectificación e "de non ser así, tomaremos todas as medidas legais correspondentes".

Neste senso advirten á nova xerencia (a empresa foi adquirida hai pouco por ABS) "que se pensa que nos imos vender por un sorteo de 4 tarxetas de 100 euros e renunciar a loitar polos nosos dereitos é que non coñecen ás traballadoras e traballadores de Extel A Coruña".

Por iso, animan a todas as compañeiras e compañeiros a secundar "con máis forza ca nunca" a xornada de folga de 24 horas deste mércores e a concentración que terá lugar diante do Edificio Proa, ás 12 horas.

Penalización por enfermar

Cómpre lembrar que a CIG convocou un calendario de paros en rexeitamento á decisión unilateral de Extel de limitar o uso das horas médicas e eliminar os partes de repouso, obrigando así o persoal a coller unha baixa aínda que sexa dun só día (co conseguinte prexuízo económico) e empregando esta estratexia para xustificar despedimentos en base a un suposto absentismo.

A este respecto, reiteran a importancia de secundar a folga xa que ao día seguinte, o xoves 6, está prevista reunión coa empresa na que se lle demanda, entre outras problemáticas, que atenda as reivindicacións sociais a respecto do cambio de criterio nas horas médicas e nos partes de repouso e que se proceda á reincorporación das compañeiras e compañeiros "despedidos inxustamente por enfermar".