Falando de salarios: O capitalismo, a antítese da xustiza social

Eduardo Camín - 09 Xul 2019

Asistimos día tras día ao vergoñento espectáculo do capitalismo neoliberal, comprobamos como o sacrosanto mercado é incapaz de sobrevivir por si só e necesita do Estado e os bancos centrais para sobrevivir. Fondos públicos, ao rescate das argalladas dos executivos financeiros

 En 2017, o crecemento mundial dos salarios caeu ao seu nivel máis baixo desde 2008, moi por baixo dos niveis anteriores á crise financeira mundial, salientaba un informe da Organización Internacional do Traballo (OIT). Posteriormente un novo Informe Mundial sobre Salarios 2018-19 constata que en termos reais (axustados á inflación) o crecemento mundial do salario desacelerou: pasou do 2,4 en 2016 ao 1,8 por cento en 2017.

 Ao analizar o crecemento do salario, o informe destacaba que nos países avanzados do G20 o crecemento real do salario diminuíu do 0,9 por cento en 2016 ao 0,4 por cento en 2017. Pola contra, nos países emerxentes e os en desenvolvemento do G20, o crecemento dos salarios reais flutuou entre o 4,9 por cento en 2016 e o 4,3 por cento en 2017.

 “É desconcertante observar que nas economías de altos ingresos o lento crecemento dos salarios está acompañado por unha recuperación do crecemento do PIB e unha diminución do desemprego. Ademais, as primeiras indicacións suxiren que este lento crecemento do salario continuará en 2018”, declaraba o Director Xeral da OIT, Guy Ryder.

 “Este estancamento dos salarios constitúe un atranco para o crecemento económico e a mellora dos niveis de vida. Os países deberían analizar, canda os seus interlocutores sociais, os xeitos de lograr un crecemento do salario sostíbel desde o punto de vista económico e social”, engadía.

 Agora, unha nova avaliación da OIT presenta a primeira estimación da distribución do ingreso laboral, e amosa que a desigualdade salarial segue a ser un problema estendido no mundo do traballo. Estas conclusións derívanse dunha nova base de datos que inclúe datos nacionais, rexionais e mundiais:

 O dez por cento dos traballadores perciben o 48,9 por cento da remuneración mundial, mentres que os traballadores de salarios máis baixos reciben só o 6,4 por cento, revela unha nova serie de datos da OIT. Ademais, o 20 por cento dos traballadores con ingresos máis baixos -preto de 650 millóns de persoas- perciben menos dun por cento do ingreso laboral mundial, unha cifra que apenas cambiou ao longo dos últimos 13 anos.

 Estes novos datos mostran que en xeral a desigualdade dos ingresos laborais a escala mundial diminuíu desde 2004. Porén, isto non se debe a unha redución da desigualdade nos países; en realidade a desigualdade de remuneración a nivel nacional está aumentando.

 Máis ben, é consecuencia da crecente prosperidade nas economías emerxentes, especificamente China e A India. En xeral, sinalan as conclusións, a desigualdade do ingreso segue sendo un problema estendido no mundo do traballo.

 O Conxunto de datos relativos á proporción do ingreso laboral e a súa distribución, elaborado polo Departamento de Estatística da OIT, contén datos provenientes de 189 países e baséase na maior colección mundial de datos harmonizados procedentes de estudos sobre a forza de traballo.

 Presenta ademais dous novos indicadores para avaliar as principais tendencias no mundo do traballo, a nivel nacional, rexional e mundial. O primeiro indicador ofrece, por primeira vez, cifras comparábeis a escala internacional da porcentaxe do PIB que vai aos traballadores -en vez de ao capital- a través dos salarios e as ganancias. O segundo analiza o xeito en que o ingreso laboral está distribuído.

 O informe constata que a nivel mundial a proporción do ingreso nacional que vai aos traballadores está diminuíndo, pasando do 53,7 por cento en 2004 ao 51,4 por cento en 2017.

“Os datos mostran que, en termos relativos, o incremento dos salarios laborais máis altos está asociados con perdas para todos os demais, ambos, os traballadores da clase media e os que perciben os ingresos máis baixos, están vendo diminuír parte dos seus ingresos”, suxire Steven Kapsos, xefe da Unidade de produción e análise de datos da OIT.

 Ao analizar a distribución do salario medio entre os países, constata que a parte recibida pola clase media (o 60% dos traballadores de nivel medio) descendeu entre 2004 e 2017, pasando do 44,8 ao 43 por cento). Ao mesmo tempo, a proporción recibida polo 20% das persoas mellor remuneradas aumentou, do 51,3 ao 53,5 por cento. Os países onde as persoas de rendas máis altas viron a súa parte do salario nacional aumentar de polo menos un punto porcentual inclúen a Alemaña, Indonesia, Italia, Paquistán, o Reino Unido e EUA.

 Os países máis pobres tenden a rexistrar niveis de desigualdade dos salarios moito máis altos, o cal exacerba as dificultades das poboacións máis vulnerábeis. Na África subsahariana, o 50 por cento os traballadores no nivel máis baixo da escala reciben só o 3,3 por cento dos ingresos laborais, mentres que na Unión Europea reciben o 22,9 por cento do ingreso total pagado aos traballadores.

 Por outra banda, Roger Gomis, economista do Departamento de Estatística da OIT, sinalou que “A maioría dos traballadores do mundo subsiste cun salario notabelmente baixo e para moitos ter un emprego non significa gañar o suficiente para vivir. A nivel mundial, o salario medio dos traballadores na metade inferior da distribución dos ingresos é de apenas 198 dólares mensuais e o 10 por cento máis pobre tería que traballar tres séculos para gañar o mesmo que gaña o 10 por cento máis rico nun ano”.

 A publicación desta nova serie de datos cumpre cunha recomendación do Informe da Comisión Mundial sobre o Futuro do Traballo da OIT, que puxo de manifesto a necesidade de crear novos indicadores para medir de xeito máis preciso os progresos en materia de benestar, sostibilidade do ambiente e igualdade e de adoptar un enfoque centrado nas persoas. Os novos datos serán utilizados para seguir os progresos cara á realización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) de Nacións Unidas.

Aquelas promesas e unha sobrada realidade

 Apenas silenciados os ecos da Conferencia do Centenario e a súa declaración de boas intencións, a realidade do sistema ponnos de manifesto a dificultade de avanzar nos desafíos impostergábeis da xustiza social. Estas dúas palabras xuntas –“xustiza social”- é algo indiscutido, e impostergábel.

 O sentido lexítimo e controlábel da expresión “xustiza social” é o que sobrevén á xustiza cando se ten en conta que a persoa non é só individual, senón que a vida humana é á vez social e colectiva. É dicir, que non se trata do individuo illado, senón nun sistema de usos sociais que exercen a presión sobre cada un.

 Polo tanto, a inxustiza sobrevén cando unha fracción pequena da sociedade dispón da maioría dos recursos e non permite o acceso a eles a unha maioría de seres ou non se aumenta a riqueza todo o posíbel porque os dirixentes teiman en manter un sistema económico ineficaz e desta forma mantense a maioría nun nivel de pobreza innecesario que se podería superar.

 Non se debe perder de vista que o nervio da xustiza social consiste nas posibilidades da vida. O inxusto é atoparse desde o comezo da vida, por nacer nun lugar ou outro da sociedade predestinado a un destino persoal máis ou menos favorábel.

 En realidade, asistimos día tras día ao vergoñento espectáculo do capitalismo neoliberal, comprobamos como o sacrosanto mercado é incapaz de sobrevivir por si só e necesita do Estado e os bancos centrais para sobrevivir. Fondos públicos, ao rescate das argalladas dos executivos financeiros.

 Peor aínda: máis aló das declaracións no marco da OIT, as solucións reais que aplicasen, os gobernantes do planeta prolongan, en calquera caso, a lóxica inmanente do beneficio ampliado como condición de supervivencia estrutural; privatización de fondos públicos, prolongación da xornada laboral, despedimento libre, diminución do gasto social, desgravación fiscal aos empresarios e os fondos voitres.

 A dependencia, o subdesenvolvemento, o desemprego, a marxinalidade, o analfabetismo e a pobreza non son lacras do pasado, como algúns dirixentes pretenden obviar; en realidade a fraxilidade das súas economías sometidas aos vaivéns do gran capital, continúan ameazando unha gran parte dos pobos.

 As políticas neoliberais cos seus efectos alienantes dominan practicamente todo o escenario mundial. Entón a tan pregoada “xustiza social” non é máis que un marco teórico de boas intencións, cuxa retórica serve para aliviar algunhas das súas promesas estampadas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel das Nacións Unidas.

 

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 6 de xullo de 2019]