Falta man de obra

Manuel Mera - 25 Set 2023

No segundo trimestre había 119.700 persoas no paro, que multiplican por oito a oferta de emprego seica non cuberta pola patronal. Se a estes desempregados sumamos aqueles que non figuran por distintas razóns, por exemplo, porque estando no paro son fixos-descontinuos, ou están realizando cursos de formación ocupacional... as cifras de paro real son máis altas

 O presidente da patronal galega, aproveitando un cumio da Unión Europea en Compostela, expúxolle ao Comisario de Emprego, Nicolás Schmit, os distintos atrancos que coida afectan ao desenvolvemento empresarial na nación galega. Destacou, segundo os medios, a necesidade de reducir impostos, e a despoboación e falta de man de obra. Nesta última cuestión fixo referencia a que hai 15.000 empregos que non se poden cubrir.

 En fin, que a patronal é unha vítima. Pode selo nalgún caso, mais se temos en consideración a realidade estes son a excepción en relación co emprego. Véxase que a CEG non vincula coa falta de oferta a  calidade do emprego ofrecido, tanto respecto da xornada como do salario, algo que ten a súa importancia, sendo un dato preocupante que a natalidade sexa moi inferior á mortalidade, e a taxa de emigración siga sendo moi alta. A mocidade non marcha por sede de aventura, deixando atrás familia e amigos, aínda que unha minoría poida poñer en primeiro plano esta cuestión, senón que emigra pola pouca e mala oferta de emprego.

 No segundo trimestre había 119.700 persoas no paro, que multiplican por oito a oferta de emprego seica non cuberta pola patronal. Se a estes desempregados sumamos aqueles que non figuran por distintas razóns, por exemplo, porque estando no paro son fixos-descontinuos, ou están realizando cursos de formación ocupacional... as cifras de paro real son máis altas. Polo tanto a patronal galega carece de argumentos cando di que falta man de obra. Unha de cada dez persoas está parada! Non é unha situación conxuntural.

 O discurso da patronal busca aumentar a man de obra de reserva, debilitando o movemento obreiro, para reducir custos e aumentan beneficios. Trátase de incentivar a entrada de inmigrantes, no caso galego de ser posíbel descendentes de persoas emigradas, especialmente de “retornados”.  En realidade a maior parte dos inmigrantes non son retornados, porque nunca viviron aquí; son sinxelamente venezolanos, arxentinos, colombianos, cuxos país ou nais, avós e avoas, son galegos... sei do que falo, fun emigrante moitos anos na Arxentina desde pequeno, fillo e neto de emigrantes (en Cuba e na Arxentina) e a maioría da miña familia por parte de pai nunca retornou, mais moitos dos seus fillos/as teñen a cidadanía, fano por se teñen que emigrar, é lóxico.

 Do que se trata é de non enganarnos; máis da metade dos inmigrantes viven en condicións arrepiantes por debaixo da liña de pobreza e realizando horas extras que non cobran ou polas que non se paga á seguridade social. Esta precariedade tamén abrangue os nacidos no país, e non é un problema de formación profesional, senón por pura e dura explotación, que moitas veces se disfraza de supervivencia da empresa e do emprego, e máis cinicamente coa escusa de que se quere beneficiar a Galiza. O que contradín os datos económicos, porque o investimento no exterior das empresas residentes galegas multiplica varias veces a entrada de capital de fóra, xerando emprego no exterior.

 Sen dúbida este é un tema delicado e agravado coa globalización neoliberal, consecuencia da sobreexplotación laboral da periferia, que se incrementa canto maior é o grao de dependencia (como moi ben ten analizado Rui Mauro Marini). Ante todo, trátase de denunciar as razóns reais da patronal para substituír o emprego de residentes por foráneo (non facendo da excepción a regra xeral). Trátase de fomentar políticas de integración dos/as inmigrantes, para evitar que sexan utilizados como ariete contra as conquistas laborais, e consigan traballos dignos. Trátase de denunciar e loitar contra unhas relacións económicas impostas desde as metrópoles, o imperialismo, que marca o valor de formación dos prezos de acordo cunha escala que depende do poder económico, político, militar de cada país... Este é o único xeito de evitar unha emigración forzada, para fuxir de situacións de miseria impostas polo capital, porén tamén que se degraden as condicións laborais na periferia máis próxima (como é o caso galego) así como no propio centro do sistema. 

 Non falta man de obra, hai miles de miles de galegos/as no desemprego así como traballando no resto do Estado. Cómpren mellores salarios e condicións laborais (esencialmente nos mesmos sectores nos que a patronal afirma que falta man de obra). Esta é a esencia do problema e a cuestión a solucionar.

 

[Galiza, 25 de setembro de 2023]