Familias, alumnado e docentes reclaman máis persoal e baixar as ratios para unha atención de calidade á diversidade

Centos de persoas participaron este sábado na manifestación convocada Plataforma galega pola defensa do ensino público
Nacional - 28 Feb 2026

Centos de persoas manifestáronse este sábado en Compostela para exixirlle á Consellaría de Educación medidas inmediatas que permitan atender a cada vez maior diversidade que existe nas aulas galegas. Na mobilización, convocada pola Plataforma galega pola defensa do ensino público, participaron familias, profesorado e estudantado que reivindicaron seren escoitadas e amosaron a súa fartura pola propagada dun Goberno da Xunta que fala de inclusión, cando priva ao alumnado máis vulnerábel “dos apoios, reforzos e desdobres necesarios para a súa formación”.

Por iso, dende a Plataforma (formada entre outros colectivos pola Confederación ANPA Galegas, a CIG-Ensino e as organizacións estudantís Erguer e Sindicato de Estudantes) demandouse máis persoal e a baixada de ratios en todas as etapas educativas “para poder atender a diversidade como se merece”. 

Neste senso, denunciaron que nos últimos anos o número de alumnado con necesidades educativas medrou de forma exponencial mentres que o persoal especialista de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Orientación e persoal auxiliar coidador mantense case inalterábel. Segundo estatísticas do Ministerio de Educación, fornecidas con datos da propia Xunta, no curso 23/24 o número de alumnado con necesidades nos centros de ensino galegos desde infantil a FP supuña o 17,5% do total, en números absolutos 65.259 estudantes.

“Non se respecta o seu dereito a un ensino de calidade, non se respecta o seu dereito a formar parte da súa sociedade en igualdade de condicións, porque esa igualdade constrúese sobre todo desde a escola”, denunciouse no manifesto lido ao remate da manifestación na Praza de Praterías. As consecuencias desta falta de atención prexudican tamén ás súas compañeiras e compañeiro, que ademais “non van interiorizar a inclusión porque non a ven e se non a ven non van promover unha sociedade mellor e aí perdemos todas e todos”.

As políticas educativas non poden deixar atrás a ninguén

“Ninguén pode quedar atrás e os dereitos hai que defendelos dentro da aula, nas extraescolares, no deporte, no ocio e na rúa. Ten que ser así para acadar unha sociedade igualitaria, xusta, solidaria e implicada na defensa dos dereitos colectivos”, aseverouse. O apoio educativo que se demanda é necesario para o progreso na aprendizaxe destas nenas e nenos, “para que sexan parte indispensábel da aula, para que esa aula funcione con normalidade, e para que sexan e se sintan exactamente iguas co resto de compañeiras e compañeiros”.

No decurso da protesta fíxose referencia ás mobilizacións do profesorado, que este curso está demandando a baixada de ratios en todas as etapas e ensinanzas, máis especialistas de PT, AL, en Orientación e persoal auxiliar coidador, menos burocracia e máis humanización do ensino e máis tempo para preparar as clases, facer proxectos educativos ou organizar actividades complementarias.

Tamén as familias teñen un especial protagonismo mobilizador neste curso, con protestas cotiás en numerosos centros ao longo de todo o país en defensa dun ensino público sen recortes e para demandar máis medios humanos e infraestruturas dignas.

Pola súa banda, o alumnado está reclamando “maior oferta pública, sen discriminación polo seu estrato social e económico ou polo seu lugar de residencia”. “Esta unidade é a que nos dá a forza, a que nos permite avanzar e debemos mantela ata conseguir melloras reais”.

Finalmente, a Plataforma exixiu da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional “que escoite á comunidade educativa, que escoite a familias, docentes e alumnado e que mude o rumbo actual. Temos dereito a un ensino público inclusivo e que asegure a calidade que as nosas crianzas e a nosa rapazada necesitan”.