Ferroatlántica recolle fracaso tras fracaso na busca de apoios entre os comités ao seu ilegal plan industrial

A representación social acorda novas mobilizacións e solicitará unha xuntanza con Industria
Cee - 25 Xan 2017

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas mantivo este mércores unha reunión cos alcaldes da comarca para aclarar a situación na que se atopa o conflito, "fronte ás informacións interesadas vertidas pola empresa, co obxectivo de xerar confusión". No decurso da entrevista, o Comité informou "dos fracasos" que está a recoller Ferroatlántica no seu intento de conseguir o apoio dos comités dos distintos centros de traballo ao seu ilegal plan industrial.

Explican que, ao igual que os traballadores/as da Costa da Morte, o resto dos comités do Estado e Galiza entenden que ningún proxecto industrial nin ningún investimento nas fábricas pode depender da venda dos principais activos e a descapitalización da empresa, e que esta operación pon en risco o futuro das factorías. "Pola contra, o financiamento deste plan ten que abordase a través dun plan plurianual de reinversións en todas as actividades que o grupo explota", subliñan.

Novo calendario de protestas

Previamente á xuntanza cos alcaldes, o Comité e as centrais sindicais mantiveron unha reunión na que se acordou o calendario de mobilizacións para o mes de febreiro. Deste xeito, a concentración convocada para este venres 27 de xaneiro, seguiranlle outras dúas os días 10 e 24 de febreiro. Como é habitual, as protestas serán ás 18:30 horas diante da fábrica de Brens.
A partir de aí, se a empresa teima na súa intención de vender as centrais, avanzarase na convocatoria de folga.

Nesa mesma liña manifestáronse hoxe os alcaldes da comarca, reiterando o seu apoio á postura defendida polos traballadores/as, no sentido de que non é negociábel ningún proxecto industrial que non se sustente no respecto ao actual marco legal, e polo tanto Ferroatlántica debe desistir no seu intento de segregar e vender as centrais.

"Pero como xa é habitual, advertiron dende o Comité aos alcaldes, o grupo empresarial utiliza de xeito obsceno os medios de comunicación para enmascarar o fracaso dos seus plans, e non dubida en mentir abertamente ao afirmar que a operación 'se atopa en negociación avanzada cos sindicatos'". Unha afirmación que consideran unha auténtica "desvergoña", negando con rotundidade que exista ningunha clase de negociación coa empresa.

Solicitarase unha reunión coa Consellaría

Neste contexto, o Comité vai solicitar unha reunión coa Consellaría de Industria para coñecer "que hai de certo" nos supostos contactos que Brookfield (o presunto fondo de inversións interesado en adquirir as centrais) tería mantido coa administración galega, se houbo movementos a nivel administrativo por parte de Ferroatlántica e cal é a resposta da Xunta, "tendo en conta que no seu momento asegurou que non autorizará a desvinculación das actividades enerxética e de ferroaliaxes".

Na mesma liña, os alcaldes comprometéronse a realizar xestións ante o Presidente da Xunta de Galiza de cara a discernir se se ten producido algunha novidade real en relación co que afirma a empresa ou se existe algún contacto dunha posíbel compradora.