Ferroatlántica para a produción do último dos fornos que tiña en funcionamento en Sabón

A empresa avanza ademais a negociación dun ERTE, previsibelmente en setembro
Arteixo - 22 Xul 2022

A planta de Ferroatlántica de Sabón, pertencente ao Grupo Ferroglobe, parou recentemente o último dos tres fornos que tiña en funcionamento, co cal a fábrica situada en Arteixo encóntrase nestes momentos sen ningún tipo de actividade industrial.

Unha decisión tomada, segundo lle trasladou a empresa aos traballadores e traballadoras, polos altos prezos da enerxía, principal custo de produción desta factoría electrointensiva.

Pero esta medida non só supón a parada da produción, senón que tamén se iniciará a negociación dun ERTE, previsiblemente para setembro, tanto para a fábrica de Sabón como para a fábrica de Boo en Santander.

Armando Platas , presidente do comité de empresa, di estar  sorprendido ante tal iniciativa. Neste senso, apunta que Ferroatlántica, tras recibir a axuda da SEPI de 33 millóns de euros, bateu récords de beneficios no primeiro trimestre do ano e prevese que supere eses números no segundo trimestre. Uns resultados que se celebraron recentemente no 50 aniversario da planta ante as administracións locais, autonómicas e estatais.

Pero todo isto non impediu a deslocalización da produción a outros países onde Ferroglobe ten capacidade para fabricar Silicio.

Unha produción baseada na fundición do cuarzo extraído das minas que a Xunta de Galicia lle ten outorgada a concesión ao Grupo Ferroglobe.

É máis, dita explotación das minas se multiplicou por catro no último ano e agora mesmo ningunha das fábricas que o grupo ten no Estado español se está beneficiando desta extracción, a pesar de estar Ferroglobe espoliando os nosos recursos naturais.

Armando Platas explica que veñen tamén de solicitar unha reunión co conselleiro de Industria para trasladarlle as preocupacións do comité de empresa e do resto do cadro de persoal e demandarlle que actúe para a posta en funcionamento da fábrica.