Fidel: o seu legado

Atilio Borón -

Fidel morreu, mais o seu legado -como o do Che e o de Chávez- vivirá para sempre. A súa exhortación á unidade, á solidariedade, ao internacionalismo antiimperialista; a súa reivindicación do socialismo, de Martí...

 A desaparición física de Fidel fai que o corazón e o cerebro pugnen por controlar o caos de sensacións e de ideas que desata o seu tránsito cara á inmortalidade. Recordos que se arremuiñan e se superpoñen, mesturando imaxes, palabras, acenos (que xestualidade a de Fidel, por favor!), entoacións, ironías, pero sobre todo ideas, moitas ideas. Foi un martiano a carta cabal. Acreditaba firmemente naquilo que dicía o Apóstolo: trincheiras de ideas valen máis que trincheiras de pedras.

 Sen dúbida que Fidel era un gran estratega militar, comprobado non só na Serra Mestra senón na súa coidadosa planificación da gran batalla de Cuito Cuanevale, librada en Angola entre decembro de 1987 e marzo de 1988, e que precipitou o derrubamento do réxime racista de África do Sur e a frustración dos plans de Estados Unidos en África meridional. Pero ademais era un consumado político, un home cunha fenomenal capacidade para ler a conxuntura, tanto interna como internacional, cousa que lle permitiu converter a súa querida Cuba -a nosa Cuba en realidade- nunha protagonista de primeira orde nalgúns dos grandes conflitos internacionais que axitaron a segunda metade do século vinte.

 Ningún outro país da rexión logrou algo sequera parecido ao que conseguiu Fidel. Cuba brindou un apoio decisivo para a consolidación da revolución en Alxeria, derrotando o colonialismo francés no seu último bastión; Cuba estivo xunto a Vietnam desde o primeiro momento, e a súa cooperación resultou de enorme valor para ese pobo sometido ao xenocidio norteamericano; Cuba estivo sempre xunto aos palestinos e xamais dubidou acerca de cal era o lado correcto no conflito árabe-israelí; Cuba foi decisiva, segundo Nelson Mandela, para redefinir o mapa sociopolítico do sur do continente africano e acabar co apartheid. Países como Brasil, México, Arxentina, con economías, territorios e poboacións máis grandes, endexamais lograron exercer tal gravitación nos asuntos mundiais. Pero Cuba tiña a Fidel...

 Martiano e tamén bolivariano: para Fidel a unidade de América Latina e, máis aínda, a dos pobos e nacións do daquela chamado Terceiro Mundo, era esencial. Por iso crea a Tricontinental en xaneiro de 1966, para apoiar e coordinar as loitas de liberación nacional en África, Asia e América Latina e o Caribe. Sabía, como poucos, que a unidade era imprescindíbel para conter e derrotar o imperialismo norteamericano. Que na súa dispersión os nosos pobos eran vítimas indefensas do despotismo de Estados Unidos, e que era urxente e imprescindíbel retomar as iniciativas propostas por Simón Bolívar no Congreso Anfictiónico de 1826, xa anticipadas na súa coñecida Carta de Xamaica de 1815.

 En liña con esas ideas Fidel foi o gran estratega do proceso de crecente integración supranacional que comeza a xermolar na nosa América desde finais do século pasado, cando atopou na figura de Hugo Chávez Frías o mariscal de campo que necesitaba para materializar as súas ideas. A colaboración entre estes dous xigantes da nosa América abriu as portas a un inédito proceso de cambios e transformacións que deu por terra co máis importante proxecto económico e xeopolítico que o imperio elaborara para o hemisferio: o ALCA.

 Estratega militar, político pero tamén intelectual. Raro caso dun xefe de estado sempre disposto a escoitar e a debater, e que endexamais incorreu na soberbia que tan a miúdo cega o entendemento dos líderes. Tiven a inmensa fortuna de asistir a un intenso pero respectuoso intercambio de ideas entre Fidel e Noam Chomsky acerca da crise dos mísiles de outubro de 1962 ou da Operación Mangosta, e en ningún momento o anfitrión prestou oídos xordos ao que dicía o visitante norteamericano. Unha imaxe imborrábel é a de Fidel participando en numerosos eventos escenificados en Cuba -sexan os encontros sobre a Globalización organizados pola ANEC; os da Oficina de Estudos Martianos ou a Asemblea de CLACSO en outubro do 2003- e sentado na primeira fileira da platea, cun pequeno caderno e un lapis, escoitando durante horas os conferencantes e tomando coidadosa nota das súas intervencións. Ás veces pedía a palabra e abraiaba ao auditorio cunha síntese maxistral do dito nas catro horas previas, ou tirando conclusións sorprendentes que ninguén imaxinara. Por iso, dicíalle ao seu pobo “non crean, lean”, fiel reflexo do respecto que sentía polo labor intelectual.

 Do mesmo xeito que Chávez, Fidel un home cultísimo e un lector insaciábel. A súa paixón pola información exacta e polo miúdo era inesgotábel. Recordo que nunha das reunións preparatorias da Asemblea de Clacso do 2003 díxonos: “lembren que Deuos non existe, pero está nos detalles” e nada, por insignificante que parecese, debía ser librado ao azar. Na Cimeira da Terra de Río (1992) advertiu ante o escepticismo ou o sorriso irónico dos seus mediocres colegas (Menem, Fujimori, Bush pai, Felipe González, etcétera) que a humanidade era “unha especie en perigo” e que o que hoxe chamamos cambio climático constituía unha ameaza mortal. Como un aguia que voa alto e ve lonxe advertiu vinte anos antes que os demais a gravidade dun problema que hoxe está na boca de calquera.

 Fidel morreu, mais o seu legado -como o do Che e o de Chávez- vivirá para sempre. A súa exhortación á unidade, á solidariedade, ao internacionalismo antiimperialista; a súa reivindicación do socialismo, de Martí, a súa creativa apropiación do marxismo e da tradición leninista; a súa advertencia de que a ousadía dos pobos que queren crear un mundo novo inevitabelmente será castigada pola dereita cun atroz escarmento e que para evitar tan fatídico desenlace é imprescindíbel concretar sen demora as tarefas fundamentais da revolución, todo isto, en suma, constitúe un acervo esencial para o futuro das loitas emancipatorias dos nosos pobos.

 

[Artigo tirado do sitio web TeleSur, do 27 de novembro de 2016]

 

Volver