Folga de 24 horas en Unísono por fraude na contratación mediante ETT e numerosas ilegalidades laborais

A esta convocatoria, que ten carácter estatal, están chamadas/os 1000 traballadoras/es en Galiza

Vigo -

Todas as centrais sindicais con representación un Unísono, entre elas a CIG, convocan unha xornada de folga de 24 horas este luns 28 para denunciar que as contratacións nesta empresa do sector dos centros de chamadas se fan de xeito fraudulento e case en exclusiva mediante ETT, ademais doutros incumprimentos en materia de legalidade laboral por parte da dirección. A esta convocatoria, que ten carácter estatal e que incluirá concentracións ás portas dos centros de traballo, están chamadas/os unhas 1000 empregadas/os en Galiza.

Dende a sección sindical da CIG en Unísono salientan que é a primeira vez que a totalidade dos sindicatos con representación na empresa se suman a unha convocatoria de folga. En Galiza están chamadas/os a participar arredor dun milleiro de traballadoras/es, pertencentes aos tres centros de traballo que a empresa ten en Vigo. As concentracións que se celebrarán coincidindo coa xornada de folga desenvolveranse diante das tres instalacións de Unísono na cidade, situadas nas rúas Gran Vía 104 e 110 e Valencia 22, de 15:00 a 17:00 horas. 

Coincidindo coa folga haberá concentracións nos tres centros de traballo da empresa en Vigo

Entre os motivos que xustifican a convocatoria, sinalan a contratación “case exclusiva e fraudulenta” mediante ETT, “denegándose incluso reincorporacións de excedencias solicitadas alegando que non hai vacantes”; o feito de que non se lles proporcionen nin ás persoas afectadas nin á representación sindical os cambios de incentivos nos prazos legalmente previstos, “incentivos que non son claros e en moitos casos non chegan a aboarse”.
 
Outros incumprimentos da empresa teñen que ver co Plan de Igualdade, en concreto coa “imposibilidade de avanzar na negociación pola falta de vontade da dirección” e co Plan de Formación, “porque a empresa non quere sentarse nin a negociar, ademais de desaparecer os cursos presenciais”.

Incumprimento de acordos

Unísono tampouco aplica os PIF do curso 2018-2019, a partir de xaneiro 2019, por decisión unilateral da dirección, cando os PIF corresponde aceptalos por curso completo, non por ano natural. “E máis existindo un requirimento de Inspección de Traballo de Vigo de anos anteriores indicando que non se poden denegar por ligalos ao plan de formación, xa que si se conceden ten que facerse por curso completo e non por ano natural como se está a facer novamente”.

Outros aspectos que denuncian son a ineficiente limpeza e climatización dos centros de traballo; o establecemento de horarios e quendas, preferencias horarias, cambios de horario e gardas legais “incumprindo acordos do SIMA e demais legalidade”; que as vacacións son impostas pola empresa con criterios non establecidos en acordos asinados; e a que as ampliacións e reducións de xornada “son arbitrarias”, sen cumprir acordo do SIMA e do Estatuto dos Traballadores/as.

Volver