Folga e mobilizacións contra os despedimentos e o acoso laboral en SCANIA Ponteareas
O persoal do centro de traballo de SCANIA Hispania en Ponteareas está a desenvolver unha intensa loita contra a política de despedimentos, acoso e discriminación que aplica a empresa dende a chegada dun novo xerente. Durante toda esta semana teñen lugar xornadas de folga, mentres que para este xoves día 30 hai convocada unha manifestación polas rúas da localidade ás 19:00 horas para esixir a dimisión do xerente.
Dende a CIG explican que o conflito coa empresa remóntase a hai aproximadamente ano e medio coincidindo coa chegada do novo xerente dende o grupo de automoción Pérez Rumbao. “Dende entón comezan os problemas de conciliación porque non permiten cambios de quenda e pola actitude e o trato prepotente desta persoa”, denuncian dende a central sindical. Neste tempo a empresa intentou tamén aplicar unha modificación substancial das condicións de traballo, que foi rexeitada polo conxunto do cadro de persoal, o que obrigou a dirección a dar marcha atrás.
O clima laboral foi empeorando até o punto de que SCANIA decidiu despedir dúas persoas traballadoras, ademais de impoñer sancións a varias outras. Paralelamente, comezou unha campaña de acoso e discriminación que provocou baixas médicas e abandonos voluntarios da empresa.
En consecuencia, as persoas delegadas de persoal decidiron promover un calendario de folga e de mobilizacións que conta con respaldo total do persoal do taller. Os paros de 24 horas iniciáronse o pasado 13 de abril e continuaron o 17, 20 e 24, rexistrando un seguimento do 100% (unicamente entran a traballar 2-3 persoas de administración contratadas precisamente polo xerente).
Ademais, o pasado venres desenvolveron unha manifestación en Ponteareas. A convocatoria de folga estendeuse tamén a todos os días desta semana, e para este xoves 30 esta prevista unha nova marcha a pé na localidade para reclamar a dimisión do xerente, que arrincará da piscina municipal ás 19:00 horas e que rematará diante do Concello, na Praza Maior.