Folga en Constellium pola imposición de novos ritmos de traballo e contra un despido represivo

A dirección da auxiliar da automoción con sede no Porriño rompeu as negociacións co comité e rescindiulle o contrato a un traballador
O Porriño - 01 Abr 2024

A práctica totalidade do cadro de persoal de Constellium Automotive, empresa auxiliar do sector da automoción con sede no Porriño, está a secundar hoxe a primeira xornada da folga indefinida convocada contra a imposición de novos ritmos de traballo e para rexeitar o despido represivo dun traballador. Coincido co para os empregados/as da transnacional alemá desenvolveron unha concentración diante das instalacións da compañía no polígono da Granxa.

Segundo explican dende a CIG, que conta coa totalidade da representación no comité (cinco delegados/as), a convocatoria de folga chega despois de que a dirección decidise romper as negociación que mantiña coa representación sindical para determinar os tempos de produción e optase por comunicar o despido dun traballador “coa intención de amedrentar o cadro de persoal”. 

A empresa está a intentar minimizar o impacto do paro indefinido e unificou as tres quendas de traballo nunha soa con persoal eventual e de ETT 

A cuestión dos ritmos de traballo quedara pendente dende a chegada da central sindical ao comité, tempo no que se conseguiron outras melloras laborais. “A representación sindical esixía mediacións reais para determinar os tempos esixíbeis por parte da empresa, o que motivou un conflito con anterioridade, tras o que se logrou que unha compañía externa fixese as medicións”. Mais algúns parámetros quedaron en mans de Constellium, que non os contemplou á hora de fixar os ritmos.

“Estívose tempo negociando, pero a empresa anunciou que a partir do día 1 de abril comezaba a aplicalos a pesar de que non se chegou a un acordo”, denuncian na CIG-Industria. O pasado sábado 23 de marzo o persoal celebrou unha asemblea para abordar a situación, acordando convocar folga a partir do día 1 no caso de a dirección non dese marcha atrás. “Quedouse de comunicarlle a decisión a Constellium o luns 25, pero o mesmo domingo 24 a empresa despide un traballador como represalia, algo que xa fixera con anterioridade”.

De xeito que o cadro de persoal opta por facer efectiva a convocatoria de folga indefinida dende as 22:00 horas deste domingo 31 de marzo (ao inicio da quenda de noite). O seguimento maioritario do paro fai que a empresa manobre para intentar minimizar o seu impacto, até o punto de que suspendeu as tres quendas de traballo e agrupounas nunha única quenda que deu comezo ás 7:00 horas e que rematará ás 19:00 horas. Mais os únicos efectivos cos que contou Constellium para continuar coa actividade foron persoal eventual e de ETT.