Folga indefinida do persoal de limpeza de Correos polo impago dos salarios e en demanda da rescisión da contrata con JCórdoba

Responsabilizan a Correos de outorgar a concesión a unha empresa insolvente que incumpre a lexislación laboral
Nacional - 05 Set 2023

O comité de folga do servizo de limpeza de Correos compareceu esta mañá en rolda de prensa para exixir a rescisión do contrato coa empresa concesionaria JCórdoba. Os representantes do persoal, en folga indefinida desde este luns, día 4 de setembro, denuncian incumprimentos, a todos os niveis, das relacións laborais, a comezar polo pagamento mesmo dos salarios.

O persoal desta concesionaria xa se vén mobilizando en toda Galiza desde hai meses para denunciar os continuos atrasos, que agora xa son impagos, e apunta como responsable a Correos por presentar o concurso á baixa e aceptar a aínda máis baixa proposta desta empresa.

Segundo explicou o representante da CIG, Xavier Torea, os problemas comezaron xa no momento da propia licitación, á que só concorreu esta empresa debido á deficitaria oferta económica do contrato. Un concurso ao que nin sequera se presentou Sacyr, a empresa que xestionaba o servizo até ese momento.

Xunto a isto denunciou que a gañadora do concurso, SCT (Jcórdoba) para conseguir a concesión, presentou unha oferta con “baixa temeraria”, isto é, por debaixo dos custos reais do mantemento do servizo e dos salarios e que agora as consecuencias páganas as traballadoras. O pasado 1 de xuño a empresa comunicou a súa intención de non abonar os salarios alegando que o contrato non cubre os custos e agora mesmo adebeda as nóminas de xullo e agosto.

A situación afecta a aproximadamente 360 traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias e repítese en todos os lotes do servizo de limpeza de Correos que a empresa ten adxudicados no Estado.

Oscar Iglesias, presidente do comité, retrataba a situación de desesperación do persoal, que depende do seu salario para vivir e pagar facturas. “A xente esta moi mala, isto está provocando unha grande ansiedade das familias e xa hai traballadoras que tiveron que coller baixa por mor da tensión que están vivindo”.

Responsabilidade de Correos

Na rolda de prensa os representantes da CIG, CCOO, UGT e do comité, responsabilizaron a Correos, primeiro por sacar a concurso unha concesión infradotada economicamente e por adxudicarlla, despois, a unha empresa que presentou unha oferta con baixa temeraria á fronte da que está, ademais, un empresario que acumula problemas de solvencia e quebras en todas as empresas a fronte das que estivo, Rocco Arena.

Xunto a isto, acusaron a Correos de nin sequera reunirse coa representación do persoal, comité e organizacións sindicais, para abordar unha situación que consideraron insostíbel e non escoitar tampouco as demandas de rescisión da contrata por incumprimento reiterado da lexislación laboral, mais tamén a Lei de Contratos das Administracións Públicas. Unha rescisión que posibilitaría un novo concurso, que se fixera co servizo outra empresa, que o persoal fose subrogado e que volvera a cobrar con normalidade nunhas condicións dignas.

Neste sentido, explicaron que desde o mesmo día en que se fixo coa concesión SCT (Jcórdoba), en febreiro deste ano, faltan EPIs, uniformidade, non se cobren as baixas, acumuláronse os atrasos nos cobros dos salarios e, finalmente, a empresa mesmo deixou de pagar as últimas nóminas. Isto ademais de non contar con Plan de Igualdade, obrigatorio para as empresas que contratan coas administracións públicas.

Mobilizacións previstas

O comité de folga anunciou mobilizacións nas vindeiras semanas, que acompañarán á folga indefinida e que terán lugar nas principais oficinas de Correos:

- 6 de setembro, ás 11:00 horas:

               * Santiago, Rúa do Franco, 4

               * Lugo, Rúa San pedro, 5

               * Ourense, Rúa Progreso, 53

               * Vigo, Praza de Compostela

- 13 de setembro, MANIFESTACIÓN, ás 11:00 horas, desde a OP Correos A Coruña (Rúa Manuel Casas)

Están pendentes de confirmar os lugares das mobilizacións previstas para os días 20 de setembro e 4 de outubro.