Folga indefinida en BorgWarner contra os incumprimentos de convenio e os despidos
O comité de empresa de BorgWarner Emissions System Spain (CIG, UGT, CGT, USO e CCOO), con centros de traballo en Zamáns (Vigo), Porto do Molle (Nigrán) e no polígono da Granxa (Porriño), vén de convocar folga indefinida dende o 9 de marzo para rexeitar os incumprimentos do convenio colectivo e os despedimentos. O paro indefinido está a ser refrendado nas distintas concentracións que se celebran estes días nos tres centros de traballo.
Dende a representación sindical denuncian os reiterados incumprimentos de BorgWarner dende a sinatura do convenio colectivo, concretamente dende o último ano. “A empresa leva aplicando nestes últimos seis meses unha política de desprezo total ás condicións pactadas no convenio e executando despidos individuais obxectivos entre o persoal técnico, como o dun traballador técnico de prevención o pasado 13 de febreiro, que a empresa pretende xustificar como despido obxectivo alegando causas económicas por baixada da facturación. O comité de empresa non ve xustificado o informe elaborado ao abeiro do artigo 15 do convenio colectivo.
A maiores desta situación, a dirección vulnera varios aspectos do convenio colectivo, cunha total ausencia de comunicación á representación legal das persoas traballadoras (RLPT) ao aplicar de xeito unilateral cambios en xornadas laborais, calendario pactado para o 2026 e modificacións substanciais das condicións de traballo, ademais de incumprir a lexislación laboral en canto a realización de horas extra do persoal da quenda de noite e de fin de semana, “o que supón un serio dano para a saúde para as persoas traballadoras”.
O comité quere lembrar que esta multinacional vén percibindo nestes anos unha gran cantidade de cartos públicos tanto a través do Goberno español e da Xunta de Galiza como doutras administracións a través de fondos procedentes do PERTE para proxectos relacionados co vehículo eléctrico. “Non entendemos a postura radical e incumpridora que toma a dirección actual da empresa cara as persoas traballadoras, polo que decidimos iniciar medidas de acción sindical para reverter a situación”.