Folga indefinida na limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo polos incumprimentos da empresa

Urbaser vulnera o prego de condicións e o convenio e négase a negociar un novo acordo digno
Vigo - 08 Abr 2022

O comité de empresa de Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo, anunciou hoxe unha convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro luns 18 de abril ante os incumprimentos da empresa. Dende a representación sindical denuncian que a compañía vulnera o prego de condicións do concurso e o convenio colectivo, ademais de negarse a negociar un novo acordo laboral que garanta unhas condicións económicas e sociais dignas.

Representantes da CIG, CCOO e UGT compareceron xunto aos cinco membros do comité de empresa (3 representantes da CIG, 1 de CCOO e 1 da UGT) para trasladar a decisión adoptada de xeito unánime polas traballadoras/es nunha asemblea celebrada o pasado luns. A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explicou que os principais incumprimentos do prego de condicións teñen que ver coas horas de traballo, xa que na actualidade existe un déficit de 150 horas semanais, “o que provoca unha sobrecarga de traballo, sen que a empresa contrate máis persoal para facerlle fronte”.

No que ten que ver co convenio colectivo detallou que Urbaser non respecta as melloras sociais e económicas pactadas dende hai anos. “Fai traslados de persoal dun centro a outro e non substitúe as traballadoras/es que marchan da empresa, cando ten que facelo con empregadas/os que non están a xornada completa”, enumerou.

Ao mesmo tempo, lembrou que a representación sindical e a dirección da empresa levan dende 2020 negociando un novo convenio, “pero neste tempo presentaron ofertas económicas e sociais que non se achegan ao que nós propoñemos”. O incremento salarial que pretende Urbaser é insuficiente a pesar de que o persoal leva dende 2029 sen suba salarial. “Con todo, queren incremento cero para 2020 e 2021”, lamentou. Outra das pretensións do cadro de persoal é que a compañía complete a cuarta paga, que nestes momentos é a metade do resto de pagas.

Outra cuestión na que non hai acordo é a redución de xornada, “aspecto moi importante para nós tendo en conta que se trata dun sector altamente precarizado e feminizado (máis do 90% das arredor de 60 persoas que integran o cadro de persoal son mulleres), por non falar de que máis da metade teñen contratos a tempo parcial”. Isto tradúcese nunha gran diferenza salarial con respecto ás persoas que están a xornada completa. “Reclamamos que se reduza de 36,5 horas a 35 porque suporía que o persoal a tempo parcial vise incrementado o seu salario, ademais de favorecer a creación de emprego”.

Finalmente, censurou que a pesar de que a representación sindical solicitou en máis de 15 ocasións poder manter unha xuntanza co concelleiro responsábel do servizo “non tivo nin a delicadeza de contestarnos; volvemos reclamarllo hai uns días pero negouse”, rematou.