• Nova

Folga indefinida na limpeza hospitalaria de Pontevedra para reclamar unhas condicións laborais dignas

A concesionaria négase a pactar un convenio que garanta dereitos sociais e poder adquisitivo
Pontevedra - 18 Abr 2022

O comité de empresa de Acciona, concesionaria do servizo de limpeza dos hospitais pontevedreses Provincial e Montecelo, anunciou hoxe unha convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro luns 2 de maio para reclamar unhas condicións laborais dignas. O cadro de persoal desenvolverá tamén mobilizacións esta mesma semana e a seguinte para forzar a compañía a pactar un convenio colectivo que garanta dereitos sociais e poder adquisitivo.

Así o anunciou hoxe en rolda de prensa Diana Rodríguez, integrante da Executiva nacional da CIG-Servizos, que deu por rotas as negociacións con Acciona para renovar o convenio ante a imposibilidade de lograr un acordo que dignifique as condicións laborais do persoal. “A comisión negociadora está farta da actitude da empresa concesionaria”, denunciou. 

O paro indefinido dará comezo o luns 2 de maio e haberá protestas tanto esta semana como a seguinte

A responsábel sindical explicou que as conversas arrincaron en outubro, e neste tempo os avances foron “practicamente inexistentes”, sobre todo en cuestións tan importantes como o cuadrante anual. “Precisamos un cuadrante anual para distribuír mellor os descansos e evitar que os empregados/as teñan que traballar até 11 días seguidos como acontece na actualidade”, sinalou. Tamén indicou que existe unha problemática sen resolver a respecto das funcións de limpadoras/es e especialistas, “porque moitas limpadoras/es están a facer funcións de especialista e non se lles está a abonar o plus”.

Rodríguez fixo fincapé tamén nas diferencias que existen na cuestión económica, xa que consideran que a última oferta da empresa é directamente un insulto. “Propoñen un plus anual de 120 euros para 2022; de 180 para 2023; e de 240 para 2024. Pero a metade deste complemento está ligada ás baixas do persoal, xa que no caso de que collan máis de 30 días ao ano, media que vén sendo habitual pola penosidade do traballo que desenvolven, só cobrarían a metade”. Polo que unha persoa que estea de baixa máis de 30 días este ano só vai ingresar 60 euros deste complemento. No caso de que a baixa sexa inferior a 30 días a redución será proporcional.

Mobilizacións

Incidiu en que o que pretende a parte social é que se recoñeza o traballo que fan as limpadoras/es, “que teñen que estar en contacto moitas veces con pacientes con enfermidades contaxiosas, especialmente durante a pandemia, na que este servizo foi considerado esencial”.

Por todo isto, as asembleas de traballadoras/es celebradas nos dous hospitais decidiron convocar folga indefinida e mobilizacións, a primeira delas este xoves 21 cunha concentración diante dos hospitais Provincial e Montecelo ás 10:00 horas. Mentres que o mércores 27 terá lugar unha manifestación que sairá dende o hospital Provincial ás 18:30 horas e rematará na praza da Peregrina.