Folga indefinida na recollida do lixo de Vigo ante os intentos da empresa de eliminar dereitos consolidados dende hai 20 anos

O paro en FCC para reclamar un convenio digno dará comezo o domingo 24 de maio ás 6:00 horas
Vigo - 12 Mai 2026

O comité de empresa de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, anunciou hoxe a convocatoria de folga indefinida a partir das 6:00 horas do domingo 24 de maio en resposta aos intentos da empresa de eliminar dereitos laborais consolidados dende hai 20 anos. A asemblea de persoas traballadoras aprobou onte por unanimidade a medida ante a pretensión da compañía de pactar un convenio colectivo que empeoraría as condicións de traballo.

O presidente do comité de empresa, Suso Diz, da CIG, explicou durante a comparecencia diante dos medios de comunicación que tivo lugar esta mañá na nave da empresa na estrada de Camposancos que a convocatoria chega tras a ruptura das negociacións para renovar o convenio, que caducou o 31 de decembro do ano pasado. “A dirección négase a aceptar as principais demandas da parte social, pero ademais está empeñada en eliminar dereitos fundamentais para nós como a xubilación parcial, que temos recoñecida en convenio dende hai máis de 20 anos”.

Neste senso, sinalou que máis do 80% do traballo que desenvolven as arredor de 600 persoas empregadas é físico, “polo que a xente chega aos 60 anos moi cansada fisicamente”. Ao que ao sumar o progresivo deterioro do servizo como consecuencia da non cobertura de baixas, o que se traduce nunha sobrecarga laboral para o conxunto do cadro de persoal. “Polo que temos que deixar moi claro que isto non vai só de cartos, senón de saúde”.

Por iso outra das reivindicacións da parte social ten que ver co reparto do traballo, reducindo a xornada do persoal a tempo completo para ampliala no caso do persoal a tempo parcial, “o que permitiría descargar as persoas que máis traballan”. Pero a empresa négase a entrar a negociar estas cuestións. “É a primeira vez que nos atopamos cunha posición tan intransixente da empresa a pesar de que levamos xa uns cantos convenios negociados”, lamenta.

Chantaxe da dirección

En consecuencia, e tras a ruptura das negociacións despois de cinco reunións, o comité de empresa decidiu propoñer unha convocatoria de folga indefinida que foi ratificada por unanimidade na asemblea celebrada onte e na que participaron máis de 300 persoas traballadoras. “O persoal non está disposto a ceder á chantaxe da dirección, que na última xuntanza chegou a plantexar que ou renunciamos á xubilación parcial ou non seguía a negociar, algo que para nós é inasumíbel”.

En canto á suba salarial, reclamamos actualizar salarios a IPC, ao que a empresa tamén se negou rotundamente. “Pretenden tamén que perdamos poder adquisitivo, e así é moi difícil que poidamos chegar a un acordo”. En consecuencia, a representación sindical entende que a empresa non ten vontade de negociar e opta polo conflito.