• Nova

Folga indefinida na recollida do lixo e limpeza viaria e de praias de Vigo contra a precarización do convenio

A medida de presión dará comezo o vindeiro venres 15 de xullo
- 05 Xul 2022

O comité de empresa de FCC, concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Vigo, anunciou hoxe a convocatoria de folga indefinida para rexeitar a intención da compañía de precarizar o convenio colectivo. A medida de presión, acordada onte en asemblea pola maioría do cadro de persoal, dará comezo ás 6:00 horas do vindeiro venres 15 de xullo.

O presidente do comité, Rufino Santalices, da CIG, explicou durante a comparecencia de prensa que tras máis de 10 xuntanzas con FCC dende que en febreiro a representación sindical presentou a súa plataforma de convenio e comezaron a negociar en marzo “por desgraza para nós non foi posíbel chegar a un acordo pola actitude inmobilista da empresa”.

A decisión foi adoptada onte por maioría en asemblea de traballadores/as ante a intención da empresa de aplicar unha serie de recortes, “cando hai cinco días vén de formalizar o maior contrato do Concello de Vigo, polo que ingresará 500 millóns de euros en oito anos, coa posibilidade de ampliar outros dos anos o acordo, que se abonarían a parte”.

Santalices asegurou que a parte social puxo todo da súa parte dende o principio para facer posíbel un achegamento de posturas, pero a empresa nunca se moveu da súa posición e non entraba a valorar ningunha das propostas. “O único obxectivo que temos é non perder poder adquisitivo nin dereitos que xa temos consolidados, pero FCC pretende as dúas cousas”.

O presidente do comité de FCC incidiu en que as pretensión do persoal non son “nada fóra do normal” e pasan por igualar os salarios ao encarecemento do nivel de vida. “Pero a dirección ofrecía ao inicio un incremento salarial do 0% e despois de moito apretar logramos que o subise a un 1% primeiro e logo a 1,5% cada ano, porcentaxe que estariamos en disposición de aceptar sempre e cando se inclúa unha cláusula de revisión salarial, algo que a empresa non quere”.

Perda de poder adquisitivo

FCC pretende pactar un convenio a catro anos, polo que a suba total sería un 6%, cando o IPC no ano pasado foi do 6,5% e o deste ano supera xa o 10%. “Aceptar isto suporía unha perda importante nos nosos salarios, algo ao que non estamos dispostos/as”.

E quere eliminar dereitos adquiridos como os complementos de IT que temos (100% en caso de accidente laboral e o 100% a partir do 21º día de baixa por enfermidade común) ou a prexubilación aos 62 anos. “Non hai que esquecer que somos un colectivo que traballa na rúa e iso ten consecuencias para a saúde, por iso imos loitar con todas as nosas forzas para evitar este recorte de dereitos”.