Folga indefinida no Consorcio Editorial Galego para reclamar o pago dos salarios pendentes

A empresa de distribución de libros con sede en Redondela leva dende maio sen abonarlle as nóminas ás súas cinco persoas traballadoras
Vigo - 24 Ago 2026

A CIG vén de convocar folga indefinida no Consorcio Editorial Galego a partir do luns 31 de agosto para reclamar o pago dos salarios pendentes, xa que a empresa con sede en Redondela dedicada á distribución de libros a nivel galego leva dende o mes de maio sen abonarlle as nóminas ás súas cinco persoas traballadoras.

O cadro de persoal adoptou esta decisión tras padecer problemas de cobro dos soldos dende comezos de ano, sen que a dirección teña dado explicacións sobre a situación económica que atravesa a compañía, tendo en conta que algunhas editoriais clientes xa comezaron a retirar os seus fondos de libros da instalacións do Consorcio Editorial Galego. 

O paro indefinido comeza o vindeiro luns 31 de agosto

Coa convocatoria de folga, que dará comezo ás 0:00 horas do vindeiro luns 31 de agosto, tamén se lle quere reclamar á empresa fundada en 2003 o mantemento de todos os postos de traballo e esixirlle o cumprimento do convenio colectivo.