Folga indefinida no transporte de RSU de Sogama

Os traballadores do transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Sogama levan en folga indefinida desde o día 15 de abril. Unha folga coa que se pretende denunciar ese modelo precarizador que o PP impuxo, demandar a readmisión dos 8 traballadores despedidos, o cesamento das represalias e unhas condicións laborais dignas e iguais para todo o cadro de persoal. Unha folga por dignidade, secundada polo 100% do persoal, que desenvolveu xa innumerábeis mobilizacións.

O vindeiro 12 de maio celebrarán en Ordes a manifestación que estaba convocada para 27 de abril e que a Xunta Electoral prohibiu nun alarde de insensibilidade social e mesturando demandas laborais e campaña electoral.

Hai tres anos Sogama entregoulle a concesión de transporte dos contedores de RSU a unha UTE formada por Copasa, Renfe e Logirail no que foi o contrato público máis elevado na pasada lexislatura do Goberno de Núñez Feijóo, con 140 millóns de euros.

Porén, desde o primeiro día, esta UTE subcontratoulle o servizo a Transportes Pacholo SL, empresa do Carballiño sen experiencia no transporte de RSU e que nese momento se atopaba en concurso de acredores. A operación incluíu tamén a sinatura dun convenio propio, un mes antes de coller a concesión, que rebaixaba nun 40% os salarios existentes no transporte de Sogama.

Pacholo presionou o persoal desde o inicio para que incumprise as normas de tráfico, horarios e mesmo as normas de seguridade e saúde no traballo co obxectivo de desregular as relacións laborais e abaratar o custo do servizo.

Un laudo recoñece a subrogación

Nos últimos meses os empregados procedentes da anterior contrata conseguiron mellorar as súas condicións laborais a través dun laudo arbitral que ditaminou a existencia de subrogación. A partir de entón o empeño da empresa foi dividir a este colectivo dos demais traballadores que fosen contratados por Transportes Pacholo, e no marco da denuncia desta situación, como escarmento, prodúcense agora os oito despidos.

Esta decisión está deseñada e, como mínimo, aceptada, tanto por Sogama como por Copasa –que é a empresa galega que, segundo os papeis de Bárcenas máis contribuíu ao financiamento ilegal do PP– e é nese marco no que se desenvolve a folga, que se manterá mentres non se readmitan os despedidos e cese o acoso laboral.

Volver