Folga na empresa aeronáutica ourensá Coasa polo bloqueo da plataforma anexa ao convenio
O cadro de persoal da empresa aeronáutica ourensá Coasa está chamado a dúas xornadas de folga este xoves 13 e o venres 14 polo bloqueo por parte da dirección das negociacións da plataforma anexa ao convenio, que mellora lixeiramente as condicións de traballo.
A medida de presión coincidirá coa celebración do congreso internacional do sector en Ourense, aínda que se podería estender a todos os martes e xoves de xuño se a compañía non recapacita. E é que, tal e como explican dende a representación da CIG en Coasa, “levamos en conversas dende novembro, e a dirección non fai máis que dilatar as negociacións facendo ofertas moi distantes ás nosas propostas”.
A dirección dilata as negociacións con ofertas moi distantes ás nosas propostas
A última proposta da parte empresarial remóntase ao pasado 28 de maio, e foi levada a votación por decisión de CGT e UGT, que suman 7 dos 13 representantes no comité. “A CIG deixou claro dende o primeiro momento que non iamos asinala, e que nos parecía unha tomadura de pelo incluso levala a unha votación nas instalacións da empresa e non a unha asemblea”.
A proposta foi finalmente rexeitada por máis dun 80% do persoal, polo que o comité optou por convocar as dúas xornadas de folga.