Folga na recollida do lixo do Porriño pola parálise na negociación do convenio

A CIG convoca catro xornadas de paro para os días 9, 10, 11 e 12 de xullo
O Porriño - 18 Xun 2026

O persoal do servizo de recollida do lixo e punto limpo do Concello do Porriño vén de anunciar a convocatoria de catro xornadas de folga para o 9, 10, 11 e 12 de xullo pola parálise na que se atopan as negociacións do convenio colectivo. Dende a representación sindical, da CIG, denuncian o “desleixo e a falta de responsabilidade” do Goberno local, que aínda non contestou á solicitude de xuntanza rexistrada o pasado 28 de maio para abordar a problemática laboral e intentar desbloquear o conflito.

A asemblea de persoas traballadoras de Servicios Concellos Galegos, concesionaria da recollida do lixo no Porriño, apostou polos paros e as mobilizacións ante o nulo avance das negociacións do convenio e a falta de resposta do alcalde á solicitude de xuntanza, polo que a central sindical acusa o rexedor de “querer desentenderse” dun servizo público esencial. 

A folga prolongarase dende as 22:00 horas do 8 de xullo até as 22:00 horas do 12

Tras varias xuntanzas coa dirección da empresa, esta escúsase en que o Concello non ten actualizados os prezos do servizo e no “desorbitado” incremento da cota de Sogama -que a compañía ten que asumir, tal e como figura no prego de condicións do concurso de adxudicación- para negarse a aceptar as propostas de melloras laborais achegadas dende a parte social.

En concreto, as principais diferencias teñen que ver coa suba salarial, co descanso semanal e entre xornadas, coa compensación de festivos, co exceso de xornada e coa sobrecarga de traballo que padece o cadro de persoal, integrado por 15 persoas.

En consecuencia, as persoas traballadoras optaron por convocar catro xornadas de folga (dende as 22:00 horas do 8 de xullo até as 22:00 horas do 12) e mobilizacións para forzar a empresa e o Goberno local a asumir as súas responsabilidades e demandar un convenio digno que permita unha mellora das condicións laborais.