Folga nas escolas infantís 0-3 de xestión privada en demanda dun convenio digno e salarios xustos

Nacional - 13 Out 2023

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP denuncian unha vez máis o inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3, e convocan 4 xornadas de folga e mobilizacións polas rúas galegas: dúas na segunda quincena do mes de outubro, os días 19 e 25,  e  outras dúas na primeira quincena de novembro, os días 8 e 15, en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta.

As organizacións sindicais convocantes manifestan o malestar coa marcha das negociacións, que se iniciaron hai máis dun ano, nas que as patronais non souberon estar á altura das necesidades do sector. Tamén denuncian o incumprimento do compromiso acadado en xullo "e a ruptura da unidade sindical para volver ao entreguismo, por parte de UGT, USO e FSIE que deixan tiradas as traballadoras dun dos sectores máis precarizados do noso país, que apenas cobran o Salario Mínimo Interprofesional e que non ven recoñecida a enorme responsabilidade social que ten o seu traballo".

A “escusa” dada por estas tres centrais sindicais, que actúan con total entrega á patronal como xa amosaron coa sinatura do que foi o XII convenio actual, é que “non ven unha convocatoria de folga de tantos días e neste momento”.

A patronal non ten vontade de chegar a acordo

Nas 10 reunións da mesa negociadora, as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas. Así mesmo, rexeitaron múltiples propostas feitas pola parte social no resto do articulado, no referente a melloras laborais e sociais, ben non respondendo ou mesmo propondo involucións en dereitos que non teñen xustificación dada a precariedade actual do convenio no seu conxunto.

A actitude das organizacións patronais pon de manifesto a falta de vontade negociadora co ánimo de atrasar e evitar afrontar a necesaria actualización dos salarios, que actualmente se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido. Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.

Manifestacións en Vigo e A Coruña

Por estes motivos, as tres centrais sindicais convocan catro xornadas de folga, sendo a primeira o próximo xoves, 19 de outubro. Ese día haberá unha manifestación en Vigo ás 12h, dende o MARCO ate a Porta do Sol, e outra, tamén ás 12h, na Coruña, dende a Praza de Pontevedra até o Obelisco.

Unha vez máis, CIG, CCOO e SNEP denuncian o inmobilismo e o involucionismo das patronais, "que está a causar unha constante perda de poder adquisitivo para as traballadoras e a permanente intención de recortar os seus de dereitos laborais e sociais. Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras. Chamamos á responsabilidade das patronais para que reconsideren a súa postura e negocien de forma xusta e construtiva coas traballadoras do sector".

Tamén facen un chamamento ás demais organizacións sindicais que rexeitaron a unidade de acción sindical "sen xustificación sensata, desoíndo á maioría social que din representar, dándolles as costas e querendo escoitar a unha patronal irresponsable, que fai oídos xordos do clamor social que lles esixe un cambio de rumbo, o cal é o único camiño para pechar este conflito dun xeito digno. Calquera outra solución será vender miserablemente ao persoal traballador".