Folga no comercio de alimentación da provincia de Ourense por un convenio digno

As asembleas de persoas traballadoras decidiron convocar unha xornada de paro no sector para o venres 16 de maio
Ourense - 09 Mai 2025

O comercio de alimentación de Ourense vivirá este venres 16 de maio a primeira xornada de folga na historia do sector na provincia para reclamar un convenio colectivo digno. A decisión foi adoptada nas concorridas asembleas de persoas traballadoras celebradas onte en resposta á última proposta achegada pola patronal.

A principal reivindicación da parte social pasa por pactar unhas condicións laborais e sociais equiparadas ao persoal doutras provincias para rematar coa “precariedade” e a “discriminación” que padecen as persoas empregadas do sector en Ourense.
No anterior convenio (2021-2024) a suba salarial fora unicamente mediante incrementos lineais de 25 euros en cada unha das 15 pagas o primeiro ano, 27 euros o segundo e 30 euros o terceiro e o cuarto. Mentres que o IPC foi do 6,5% en 2021, do 5,7% en 2022, do 3,1% en 2023 e do 2,8% en 2024, polo que cada persoa traballadora perdeu 3838,96 euros, tal e como lembran dende a CIG. 

A patronal pretende condenar o persoal a seguir cobrando por debaixo do salario mínimo

De xeito que o soldo da categoría intermedia (caixeira/o), por exemplo, foi de 16.198 euros en 2024, cando nestes momentos o salario mínimo está en 16.576 euros, polo que os soldos no comercio de alimentación están por debaixo do SMI. Ademais, é o único sector do comercio de toda a provincia que non ten plus de antigüidade, como así o teñen os de metal ou téxtil.

Na última xuntanza da mesa de negociación, que tivo lugar o venres pasado, a parte social achegou unha proposta que contempla 18.100 euros ao ano para 2025 e 19.500 para 2026, “pero a patronal pretende unha suba menor en 2025, 18.100 en 2026, outra suba menor en 2027 e 19.500 en 2028, de xeito que condena o persoal do sector a seguir cobrando todo este tempo salarios inferiores ao SMI”. Ademais, négase a introducir unha cláusula de revisión salarial anual e pretende que o cómputo se faga no conxunto dos catro anos de duración do convenio, e sen atrasos.

Isto levou as centrais CIG, CCOO, UGT e USO a promover unha convocatoria de folga para o venres 16 que obtivo o respaldo unánime das persoas traballadoras, que acordaron tamén desenvolver mobilizacións durante a xornada. “Os ánimos da xente están moi acendidos pola actitude dun empresariado que nas últimas dúas rondas de negociación chegou a repartir en todas as tendas folletos informativos co nome e os apelidos de cada persoa traballadora ao que ía dirixido, polo que moitas delas se sentiron acosadas e presionadas”.