Folga no ensino por unha volta segura ás aulas

Nacional -

Foi necesario iniciar mobilizacións no ensino e a convocatoria de dúas xornadas de folga –o 10 de setembro en Primaria e o 16 de setembro en Primaria e Secundaria–, para que a Xunta de Galiza reaccionase e mudase o seu protocolo inicial. Cambios que se cinxen aos centros de ESO, Bacharelato e FP –e que manteñen unha interpretación restritiva do chamado distanciamento físico, porque seguen a medir desde o centro dos corpos e non desde os extremos–, mais que deixan á marxe as escolas de idiomas, as ensinanzas de réxime especial, a educación infantil, primaria e especial.

Unha “irresponsabilidade”, para a CIG-Ensino, que obriga a manter as accións de protesta, porque a Consellaría non unifica a distancia de seguridade en todos os ciclos e négase a reducir ratios, incrementar docentes ou atender cuestións como a vulnerabilidade dos colectivos de risco. Mantén ademais a descarga de toda responsabilidade nos equipos directivos e no profesorado e pon en risco o dereito ao uso de comedores, transporte escolar ou programas e actividades extraescolares. 

A CIG-Ensino denuncia a incompetencia, improvisación e falta de entendemento e de busca de consensos da Consellaría

A CIG-Ensino denuncia ademais a “incompetencia, improvisación e falta de entendemento e de busca de consensos” da Consellaría, porque, alén de eludir a adopción de medidas para garantir unhas aulas moito máis seguras, tampouco previu o escenario en caso de ter que regresar á teledocencia.

“Calquera interrupción parcial ou temporal das aulas neste inicio de curso (corentenas, suspensión de aulas para un grupo, nivel ou colexio completo) non poderá ser atendida xa que nada se preparou; estamos igual que estabamos en abril”, afirma Suso Bermello.

Se esa suspensión fose máis prolongada, advirte, “estariamos diante dunha crise educativa de enorme transcendencia para unha parte do noso alumnado: aquel castigado pola fenda dixital como consecuencia do seu lugar de residencia, sendo Galiza un país con grandes déficits de conectividade a internet no rural, ou da súa condición social”.

Nesta loita o profesorado conta co apoio de miles de familias alarmadas pola situación creada pola pandemia e irresponsabelmente desatendida polo Goberno galego, nun conflito no que as medidas, as que se toman cunha simple fita métrica e as que se adoptan ou desbotan desde o Consello da Xunta, son protagonistas de excepción.

Volver