Folga xeral de mulleres o vindeiro 8M

As asistentes ao IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG decidiron convocar un paro de 24 horas

Nacional -

O vindeiro 8 de Marzo haberá folga xeral de mulleres. Así o acordaron centos de delegadas no IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG. Será un paro de 24 horas para dar resposta aos ataques do patriarcado porque “non imos permitir que fosen de farol o pasado 8M e que todas as promesas que fixeron nos días posteriores quedasen finalmente en nada”.

A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, chamou a todas as compañeiras organizadas en colectivos feministas a “loitarmos xuntas neste día de protesta, reivindicación e loita, situando Galiza no mapa mundial da folga de mulleres. Nós como traballadoras intensificaremos o esforzo divulgativo nos centros de traballo, convocaremos asembleas nas empresas, informando e convencendo da necesidade de irmos á folga, mais tamén man a man coas asociacións e colectivos dos que formamos parte para lograr que o 8M supere en participación o anterior, e o que é máis importante, teña repercusións legais e sexamos quen de erradicar as discriminacións, o machismo e a violencia que temos que facer fronte dentro e fóra do ámbito laboral polo feito de sermos mulleres”.

As delegadas da CIG acordaron trasladar a proposta aos organismos da CIG, sendo ratificada por unanimidade no Consello Confederal celebrado o pasado 3 de decembro.

Volver