Francia: A absolutamente impredicíbel elección presidencial

Immanuel Wallerstein -

O complicado sistema francés busca favorecer os dous partidos principais do establishment. E é común que funcione. Comporta, con todo, que todo mundo é chamado a votar dúas veces. Esta vez foron catro veces a votar, primeiramente nas dúas voltas das primarias e despois dúas veces nas eleccións presidenciais

 Hai un ano, en Francia, as eleccións presidenciais para 2017 parecían claras. Había tres partidos de importancia: Os republicanos (LR), de centro dereita; os socialistas, de centro esquerda (PS) e a extrema dereita, a Fronte Nacional (FN). Dado que en Francia hai normalmente dúas voltas con só dous candidatos que van á segunda volta, a cuestión chave é sempre cal dos tres será eliminado na primeira.

 Parecía seguro nese momento que o FN estaría na segunda volta, encarnando un sentimento anti-establishment. Parecía igualmente seguro que se o presidente François Hollande buscaba a elección, perdería de mal xeito. Isto significaba que o candidato de LR estaría na segunda volta. Isto sería certo en especial se LR escollía a Alain Juppé e non o ex presidente Nicolas Sarkozy. A maioría da xente pensaba que Juppé tiña máis probabilidade de atraer os votantes socialistas e de centro que Sarkozy, e como tal maior probabilidade de gañar a presidencia.

 Entón, a visión xeral de hai un ano era que os partidos do establishment prevalecerían e que Juppé gañaría. Que incorrectas resultaron estas expectativas. Se a elección de Trump en Estados Unidos e a vitoria do Brexit no Reino Unido foron inesperadas, palidecen ante a inesperada situación en Francia. Hai seis plausíbeis candidatos para as eleccións presidenciais, e todos eles (si, todos eles) alegan ser anti-establishment. É máis, quen serán os dous dos seis que estarán na segunda volta segue sendo até o de agora a incógnita de todos. Entre agora e o 23 de abril de 2017, a primeira volta das eleccións presidenciais, o electorado parece extremadamente volátil.

 Velaquí por que. O complicado sistema francés busca favorecer os dous partidos principais do establishment. E é común que funcione. Comporta, con todo, que todo mundo é chamado a votar dúas veces. Esta vez foron catro veces a votar, primeiramente nas dúas voltas das primarias e despois dúas veces nas eleccións presidenciais. Isto significa que un votante na primeira volta das primarias tería que anticipar o resultado da terceira elección (a primeira volta das presidenciais) para decidir por quen votar na primeira volta das primarias. O resultado desta tarefa imposíbel é que os resultados das primarias poden ser moi sorprendentes, e de feito así o foron.

 As primarias do LR foron as primeiras, e ocorreron o 20 e o 27 de novembro de 2016. Nesta primaria de votantes de dereita e centro-dereita houbo tres candidatos principais. Os dous con maior respaldo eran Sarkozy e Juppé. O terceiro, moi atrás nas enquisas, era François Fillon. Fillon fixo unha campaña algo anti-establishment enfatizando os males das malversacións financeiras, das cales Sarkozy foi acusado e Juppé foi convicto no pasado. Tamén foi ultra conservador en aspectos sociais, apelando ao voto católico.

 Fillon sorprendeu a todo mundo. Nas enquisas ía en terceiro lugar con só 10% dos votantes. Na votación acadou 30 puntos e chegou en primeiro lugar. A súa vitoria foi tan decisiva que Sarkozy, que chegou en terceiro, o apoiou (aínda que só fose por danar a Juppé). E Fillon prevaleceu facilmente sobre Juppé na segunda volta, dous a un.

 Logo viñeron as primarias da esquerda. Anticipando unha derrota humillante, Hollande retirouse da carreira desde antes das primarias. O seu primeiro ministro, Manuel Valls, de inmediato entrou na carreira e esperábase que gañase, polo menos na primeira volta. Valls plantouse como o candidato do establishment, apoiado pola á dereita da esquerda francesa e caladamente por Hollande.

 Dous antigos ministros de Hollande competiron como candidatos de esquerda contra Valls. Arnaud Montebourg renunciara debido ás políticas de austeridade de Hollande. Benoît Hamon foi despedido por Hollande porque se opoñía a estas políticas dentro do gabinete. Ambos sentían que Hollande e Valls traizoaran a esquerda. Esperábase que Montebourg ficase segundo tras Valls, e talvez gañase na segunda rolda.

 Nada disto ocorreu. Valls quedou segundo, non primeiro, e Hamon, non Montebourg, foi quen gañou nesas primarias. Hamon rexeitara apoiar o realizado por Hollande e Valls no seu tempo no goberno e insistiu en discutir novas políticas futuras, ofrecendo unha proposta alternativa. De súpeto, a esquerda dentro da primaria de esquerda parecía forte. Hamon recolleu o respaldo de moitas diferentes faccións da esquerda e foi capaz de facer tropezar a Valls na segunda rolda con case 58% da votación.

 Hai outras dúas persoas na carreira. Unha é Emmanuel Macron, antigo ministro de Hollande, que pensou que as súas políticas eran insuficientemente pro-neoliberais, e que formou o seu propio partido, En marche!. Macron negouse a entrar nas primarias da esquerda. Presentou o seu programa, moi neoliberal en materia económica pero ao mesmo tempo moi progresista en todas as cuestións sociais.

 A outra persoa na carreira é Jean-Luc Mélenchon, que por anos se propuxo a si mesmo como a esquerda da esquerda. El chámalle ao seu partido "A France insoumise" (a Francia insubmisa) implicando a aqueles na esquerda que resisten e que non permitirán ser sometidos. Por esta razón rexeitou, descualificando como non de esquerdas, a todos os que serviron no goberno de Hollande, aínda se despois foron cesados ou renunciaron.

 Macron asume que o seu programa pode apelar aos votantes de clase media no espectro da esquerda. Despois das primarias da esquerda, moitos votantes de Valls que se anoxaron pola postura esquerdista de Hamon, inicialmente ameazaron con apoiar a Macron. Xa que logo, Macron parecía implicar unha ameaza para Fillon na primeira volta das presidenciais. Mélenchon non se fixo ilusións de gañar esta vez, pero prepárase para o futuro. É moi pouco probábel que responda ao chamado de Hamon a unirse con el na esquerda.

 De súpeto ocorreu un suceso importante. Fillon foi denunciado como alguén que finxiu ser parangón de honestidade financeira. puxera a súa esposa e os seus dous fillos na nómina gobernamental de algo que se demostrou era traballo ficticio. Isto non é unha práctica pouco común en Francia, pero os montos de diñeiro neste caso eran tan grandes e a acción tan contraria aos alegatos de Fillon como candidato, que LR comezou unha gran discusión en torno a un chamado Plan B para reemprazar a Fillon por outra persoa.

 Pero resultou que reemplazar a Fillon sería aínda peor para LR que deixalo como candidato. Isto é así porque non hai un candidato individual que sexa obvio. E o esforzo para escoller a un deles podería desgarrar a LR. Ademais Fillon contraatacou pedindo perdón polas súas malas accións, e asegurando que aínda podía gañar. O Plan B desapareceu e Fillon mantense como candidato de LR. A cuestión é cantos votantes perdeu para a primeira rolda das eleccións presidenciais debido ás súas transgresións.

 Entón, como dixen, todos afirman ser anti-establishment. En realidade Fillon e Macron están preto de xogar ese papel. Isto deixa a Hamon como o que ten maior número de credenciais para representar un cambio real. Pero se quere gañar a primeira volta das presidenciais debe manter en liña o partido socialista (até o de agora estao facendo), atraer os votantes de Mélenchon, atraer a votantes ecoloxistas (tamén o está facendo) e atraer os centristas. Isto é bastante difícil. Marine Le Pen, do FN, estivo recibindo 25% das enquisas constantemente durante máis dun ano. Parece estar nunha meseta, pero é alta. Agora está intentando atraer a simpatizantes de Fillon desilusionados. Macron está subindo nas enquisas, e tamén Hamon. Mélenchon non está cedendo. E como dicían os debuxantes: o establishment son os outros.

 Se Hamon gaña, iso será un suceso mundial importante. Será a primeira carreira electoral importante en Europa (ou nalgunha outra parte para o caso) en que un candidato de esquerda, de esquerda aberta, gañe. Isto revertiría a tendencia mundial de candidatos ou partidos que se moven cara á dereita.

 Conforme os problemas económicos continúan expandiéndose, a idea de que un poida gañar con posicións de esquerdas pode de novo volverse lexítimo. É algo equivalente ao que ocorrería se Bernie Sanders gañase as primarias demócratas en Estados Unidos. Pero recorden, todo isto depende agora de que os votantes adiviñen quen serán os candidatos na segunda volta das presidenciais. Asumindo que Le Pen obteña 25%, iso deixa un 75% para dividirse entre os outros cinco candidatos.

 A primeira volta das presidenciais non será até o 23 de abril de 2017. Isto é un tempo relativamente longo para que os votantes tomen unha decisión difícil. As enquisas mostran que a intensidade do apoio é moi fina, en especial para Macron. É por iso que podemos esperar gran volatilidade nas enquisas. Non hai xeito de asegurar quen obterá o probábel 20% necesario para estar na segunda volta das presidenciais o 7 de maio de 2017.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 4 de marzo de 2017]

 

Volver