Francia: despois da tormenta, chega o naufraxio

Albert Alexandre -

A reacción pola dereita que a viraxe cara ao socialiberalismo do PSF supuxo co crecemento da Fronte Nacional, ten o seu parangón positivo pola esquerda: a Nuit Debout e o enfrontamento dos sindicatos maioritarios á Lei Khomri

A tormenta

 O pasado mes de xullo o goberno socialista de Françoise Hollande con Manuel Valls á cabeza, aprobou a controvertida lei laboral que conseguiu poñer en pé de guerra a gran parte da sociedade francesa.

 A chamada Lei Khomri que implica unha forte redución da capacidade de resistencia da clase obreira e que acaba cun fito das conquistas sociais en Francia, a xornada laboral de 35 horas, saíu aprobada o pasado mes de maio na Asemblea Nacional pola vía impositiva grazas ao artigo 49.3. Mediante esta disposición o executivo socialista evitaba unha votación nun parlamento no que non ten maioría e no que algúns dos propios representantes socialistas non apoiaban o novo marco legal laboral. A Lei Khomri pasou entón ao Senado onde a oposición nas súas múltiples formas realizou máis de mil emendas, para volver á Asemblea Nacional máis tarde e ser aprobada novamente grazas ao artigo 49.3.

 Mentres iso transcorría, as manifestacións do movemento da Nuit Debout e os sindicatos franceses maioritarios sucedíanse nas rúas, coas estatísticas confirmando a escasa popularidade da reforma laboral. Máis dun 70 por cento dos cidadáns franceses están en contra dunha lei que non dista demasiado da redactada polo Partido Popular no ano 2012.

 Ante a protesta social o goberno decidiu actuar empregando a forza e amparándose no estado de urxencia declarado por el mesmo para responder aos atentados yihadistas ocorridos no país durante os últimos tempos. Iso para efectos prácticos supón, por exemplo, un forte despregamento de policías e militares nas rúas das principais cidades de Francia ou a orde desde o goberno de rexistros domiciliarios. A última vez que o estado de urxencia foi declarado en Francia (aínda que non na totalidade do territorio) foi no ano 2005 cando se produciron fortes disturbios nas banlieures.

 Pódese aprobar unha lei en contra da cal están 7 de cada 10 francesas? Nas democracias neoliberais quen goberna unicamente debe render contas cos cidadáns cando hai citas electorais. Veremos, pois, como responde o pobo francés nos comicios presidenciais do país datados para o 23 de abril (primeira volta) e para o 7 de maio (segunda volta). De momento, un Partido Socialista nas súas horas máis baixas convocou eleccións primarias entre os días 22 e 29 de xaneiro.

 Hollande podería nesa data intentar converterse de novo en candidato electo; porén, o actual presidente francés non contará nesta ocasión coa pátina da que gozaba cando foi elixido máximo dirixente do país. Daquela, era visto desde Europa como a esperanza para poñer freo ás políticas de austeridade ditadas desde Bruxelas e Berlín. El, Hollande -xunto con Renzi en Italia-, foi o artífice do esborrallamento das esquerdas socialdemócratas no Vello Continente e un dos maiores responsábeis da humillación inflixida sobre a soberanía de Grecia.

 É probábel que nun futuro, cando lle pregunten a Angela Merkel cal foi o seu maior logro político en Europa, parafraseando a Margaret Thatcher, diga: Françoise Hollande.

O naufraxio

 Europa perdeu un referente político de esquerdas que como xa fixeron outros tantos partidos da contorna e a súa mesma ideoloxía nas últimas décadas, virou das teses socialdemócratas cara ao socioliberalismo. Para o PSF, para efectos prácticos, iso significa perder o seu substrato de votantes proletarios para se converter nun partido da clase media liberal (algo que sucederá no Estado español cando o PSOE perda o gran sur). Unha estratexia beneficiosa en tempos de bonanza económica pero moi limitante en períodos de crises.

 A outra cara desta derivada política tomada por Hollande (que xa tomaron Schröder en Alemaña e Blair en Gran Bretaña), non é outra que o crecemento da Fronte Nacional de Marine Le Pen. En Francia cada vez é máis constatábel unha maior simpatía dunha clase obreira sen referentes hexemónicos cara ao partido ultradereitista e xenófobo. Máis, cando a Fronte Nacional asumiu as bases da protesta contra a reforma laboral e mesmo intentou levar a cabo achegamento ao movemento Nuit Debout que non resultaron frutíferos.

 Obviamente o naufraxio de Francia non se pode explicar sen ter en conta o choque aberto entre os franceses musulmáns e os non musulmáns; este sempre ben encirrado pola retórica fascista de Le Pen. Trátase dun problema sociolóxico que aínda que algúns tentar enfocar como un choque cultural, ten as súas raíces na exclusión que vive unha minoría nas chamadas banlieures.

 A ameaza está clara: a fractura dunha república, neste caso a Vª, cuxo proxecto estaba fortemente enraizado nas conquistas sociais da clase obreira, pero que non puido estender estas conquistas aos verdadeiros parias, os migrantes nin á xente nova. En honor á verdade, debemos dicir que o ataque ao edificio social francés iniciouse con Sarkozy e os seus intentos de desmitificar o maio francés en favor dun estado neoliberal con todas as letras.

O naufraxio?

 A reacción pola dereita que a viraxe cara ao socialiberalismo do PSF supuxo co crecemento da Fronte Nacional, ten o seu parangón positivo pola esquerda: a Nuit Debout e o enfrontamento dos sindicatos maioritarios á Lei Khomri.

 Podemos falar de certa esperanza de mudanza nestes dous axentes que, malia tensións, aínda permanecen unidos. Cómpre lembrar que [...] en Francia os sindicatos entraron en conflito directo co goberno. Pola súa banda, a Nuit Debout está moi lonxe de articular unha proposta partidista ao modo de Podemos no Estado español.

 Ademais disto, non podemos perder de vista o pouco seguimento que as loitas contra a reforma laboral están tendo nos barrios marxinais do país onde as cifras de abstención son altísimas. Francia ten fortes rémoras do seu pasado colonial que dirimir, para que os migrantes se sintan incluídos en calquera proposta política, sexa de esquerdas, dereitas ou centro.

 Queda pouco tempo para salvar as naves. Pouco tempo entre o presente e as eleccións presidenciais francesas. Demasiado pouco tempo para que o movemento de indignación e cambio se poida converter en algo máis que unha proposta contestataria. E todo isto tendo en conta que o futuro para as traballadoras francesas se albisca, coa nova lei do traballo, moi negro.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘AraInfo’, do 21 de agosto de 2016]

Volver