Francia: Dez preguntas e respostas sobre o proxecto de reforma das pensións

Salim Lamrani -

O proxecto actual de reforma do sistema de pensións é unha regresión social sen precedentes. Non se xustifica de ningún xeito pois Francia nunca foi tan rica de toda a súa historia. Hai dous problemas principais en Francia aos cales o Goberno debería dedicarse: o desemprego e a repartición desigual das riquezas

1.- Cando foi creado o actual sistema de pensións?

 O actual sistema de pensións en Francia é un legado da Liberación, fundado polo Consello Nacional da Resistencia. Baséase no principio de solidariedade entre xeracións. Así, un país destruído e arruinado por seis anos de guerra logrou estabelecer un réxime destinado a garantir aos anciáns un nivel de pensión digno. En 1945, a creación da Seguridade Social “responde á ambición de construír un réxime de pensións que cubra a toda a poboación”. Velaquí os motivos da ordenanza de 1945: “A Seguridade Social é a garantía dada a cada un de que en todas circunstancias dispoñerá dos recursos necesarios para asegurar a súa subsistencia e a da súa familia en condicións decentes. Ve a súa xustificación nunha preocupación elemental de xustiza social e responde á vontade de librar aos nosos concidadáns da incerteza do porvir”.

2.- Cales son os principios básicos?

 O actual sistema de pensións baséase en catro principios. É obrigatorio, é dicir, que toda persoa activa cotiza de xeito automático. Funciona por repartición, o que fai que o importe total das cotizacións que os asalariados entregan cada ano serve para pagar as pensións dos actuais xubilados. É solidario e ten en conta os períodos de desemprego, de enfermidade, de invalidez, o número de fillos, as carreiras longas e as situacións problemáticas. É contributivo, pois a pensión calcúlase en función das cotizacións feitas durante a carreira profesional. A pensión de base funciona en anos e os dereitos adquiridos contabilízanse en trimestres. Trátase dun dos mellores sistemas do mundo pois a taxa de pobreza dos anciáns en Francia é unha das máis baixas do planeta.

3.- Logo hai algunha urxencia en reformar o sistema actual?

 Actualmente, o déficit anual conxuntural sitúase entre 7.000 e 17.000 millóns de euros por ano. Segundo o Consello de Orientación das Pensións, que é unha entidade vinculada ao Primeiro Ministro, resorberase demograficamente e o sistema volverase excedentario a partir de 2040. Por outra banda, cómpre lembrar que as reservas globais para as pensións do réxime xeral e do réxime privado, cuxo papel é compensar un eventual déficit, son de máis de 150.000 millóns de euros. Entón non hai ningunha urxencia. Ademais, a partir de 2025, resorberase o déficit da Seguridade Social ao cal a Caixa de Amortecemento da Débeda Social dedica 17.000 millóns de euros anuais e o Estado dispoñerá desta suma que poderá dedicar ao sistema de pensións, ata que dea co seu equilibrio en 2040.

4.- Dado que o número de pensionistas aumenta, acaso non é indispensábel a reforma?

 Evócase moito o argumento do número crecente de xubilados respecto ao século pasado. En efecto, en 1970 había tres activos por cada pensionista. Hoxe día hai 1,7 activos por cada xubilado. En cambio, o que se omite mencionar é que un asalariado de hoxe produce tanto como tres activos dos anos 70. Entón, desde un punto de vista económico, o sistema actual é aínda máis viábel que hai 50 anos. Por que entón o sistema é deficitario? Simplemente porque a repartición das riquezas producidas entre o traballo e o capital é desigualitaria. Hoxe os accionistas son remunerados moito máis que os asalariados. Nos anos 80, a remuneración dos accionistas só representaba nove días de produción ao ano. Hoxe representa 45 días e faise en detrimento do aumento dos salarios. Se se remunerara proporcionalmente tanto aos asalariados como aos accionistas, o sistema de pensións sería amplamente excedentario.

5.- Cales son os riscos do sistema por puntos que quere impoñer o Goberno de Macron?

 Co sistema actual, cada activo sabe en que momento poderá facer valer os seus dereitos a unha pensión de retiro e coñecerá o importe. Hoxe en día, fai falta cotizar 43 anos e alcanzar a idade de 62 anos para poder xubilarse cunha pensión completa. Cun sistema por puntos ninguén poderá coñecer o importe da súa futura pensión de retiro nin o momento en que se poderá deixar de traballar, pois o valor do punto poderá ser modificado pola maioría gobernamental en todo momento.

 François Fillon, ex Primeiro Ministro do Presidente Nicolas Sarkozy, deu proba de franqueza sobre o tema durante un discurso ante os grandes empresarios franceses en marzo de 2016: “Hai demasiados políticos que xogan co asunto das pensións e que prometen reformas formidábeis, por exemplo, a pensión por puntos. Non hai que facer crer aos franceses que iso vai resolver o problema das pensións. O sistema por puntos permite en realidade unha cousa que ningún político se atreve a confesar: permite baixar cada ano o valor do punto e polo tanto diminuír o nivel das pensións”.

 En todos os países onde se aplicou o sistema por puntos as pensións baixaron e a taxa de pobreza dos anciáns aumentou. Así en Suecia, desde a adopción dun sistema de pensións por puntos, a taxa de pobreza dos anciáns duplicouse en nove anos. O sistema actual de pensións é o que produce menos pobreza entre as persoas de máis de 65 anos. É dun 6,5 % mentres que alcanza un 17 % en Suecia.

6.- Cal é o modo de cálculo da pensión no proxecto de reforma? A que idade se poderán retirar os traballadores?

 A reforma prevé calcular o importe da pensión de retiro non sobre os mellores 25 anos para o sector privado e os últimos seis meses para o sector público como é o caso actualmente, senón sobre toda a carreira. A consecuencia matemática é que o importe das pensións baixará pois teranse en conta os períodos de desemprego ou de baixos salarios, particularmente ao comezo da carreira.

 Por outra banda, anúnciase que a idade para se xubilar, idade a partir da cal pódense facer valer os dereitos á pensión e que é hoxe día de 62 anos, será levada a 64 anos. Agora ben, cerca do 50 % dos activos que chegan á idade de retiro actual están desempregados. Hai 300.000 desempregados que teñen máis de 60 anos en Francia. Cal é a consecuencia do aumento da idade de xubilación? As persoas desocupadas non terán suficientes cotizacións como para pretender unha pensión completa. Convén recordar que o candidato Emmanuel Macron tomou un compromiso solemne durante a campaña presidencial: “Non tocaremos a idade de retiro nin o nivel das pensións”. Agora ben, co proxecto de modificación da idade para xubilarse e a adopción dun sistema por puntos será imposíbel cumprir esta promesa.

7.- Logo non hai outras alternativas para resorber o actual déficit conxuntural do sistema de pensións?

 Hai múltiplas posibilidades para resolver o déficit actual que, dadas as reservas financeiras dos distintos réximes de pensións -150.000 millóns de euros-, non é preocupante. Admitindo que a estimación alta relativa ao déficit se confirme, é dicir, 17.000 millóns de euros por ano -ou sexa o peor escenario-, as reservas son suficientes para aguantar 10 anos, supoñendo que non se tome ningunha outra medida. Agora ben, existen varias alternativas:

- A primeira posibilidade -e é unha vergoña que non se aplicase na Francia do século XXI- é que as mulleres sexan remuneradas do mesmo xeito que os homes. Recordemos que a cerna da nosa divisa republicana é a igualdade. Esta medida resolvería inmediatamente o déficit actual grazas ás cotizacións xeradas polo aumento salarial.

- A segunda posibilidade sería aumentar modestamente os salarios á altura dun 5 %, é dicir, 75 % por mes para un ingreso de 1.500 euros. A metade da poboación activa en Francia ten un salario mensual inferior a 1.500 euros. Iso permitiría conseguir cada ano 18.000 millóns de cotizacións para as caixas de retiro.

- Unha terceira solución sería seguir a recomendación do Consello de Orientación das Pensións de aumentar a taxa de cotización do 1 %. Poderiamos multiplicar os exemplos.

8.- Entón o déficit actual non sería o resultado de decisións políticas?

 Efectivamente, as políticas gobernamentais son en parte responsábeis do déficit actual. Así, a defiscalización das horas extras priva ao Estado de ingresos que permitirían equilibrar o sistema.

 Por outra banda, segundo o Consello de Orientación das pensións, a supresión de 120.000 postos de axentes da función pública anunciada polo Goberno ten un impacto importante no déficit do sistema de pensións: “A política do Estado é moi determinante. Se suprimen un millón de funcionarios en Francia, faranse aforros orzamentarios moi importantes, pero poñeranse os réximes de pensións cos convenios actuais en creba”. Nunha palabra, manter ou aumentar o número de funcionarios en sectores necesitados como a saúde ou a educación permitiría resolver o problema do déficit.

 Ademais, o informe Delevoye de 132 páxinas, que constitúe a base do proxecto de reforma actual, prevé tamén exonerar os altos ingresos superiores a 120.000 euros anuais de cotizacións de pensións e baixar a taxa do 28 % ao 2,8 %. Segundo o Agirc-Arrco, organismo de pensións complementario para os asalariados do sector privado, esta medida privaría o sistema de pensións de 4.000 a 7.000 millóns de euros de cotizacións cada ano. Non se pode á vez organizar o déficit e pretender loitar conta este. Ademais, os investimentos feitos nun sistema de pensións por capitalización darían dereito a unha exoneración fiscal dun 70 %, o que contribuiría a empobrecer aínda máis o Estado privándoo de ingresos.

 Por fin, actualmente, a parte do PIB dedicada ás pensións é dun 13,8 %, ou sexa 330.000 millóns de euros. No curso da historia, a porcentaxe do PIB dedicado ás pensións sempre se adaptou ás flutuacións da composición demográfica para asegurar un nivel de pensión decente. Era dun 5 % en 1960, un 9,4 % en 1975, un 11,6 % en 2000, un 13 % en 2007 e será dun 14 % en 2025. O Consello de Orientación das Pensións apunta sobre o tema que “á parte dos gastos de pensións no PIB non flutuarán de modo significativo, calquera que sexan os escenarios económicos”, é dicir, mesmo en caso de crecemento moi baixo. Agora ben, o Goberno tomou a decisión de limitar esta parte a un 14 % até despois de 2025 mentres que a parte dos pensionistas pasa dun 22 % en 2025 a un 27 % en 2060. A consecuencia inevitábel será unha diminución das pensións. Ao contrario, habería que axustar a parte do PIB á evolución demográfica. Así, se se dedicase un 16 % do PIB ao sistema de pensións, o déficit desaparecería de modo automático.

 Outro exemplo: a evasión fiscal cústalle cada ano 100.000 millóns de euros a Francia. Se o país tomase medidas para loitar contra esta praga, iso resolvería todos os problemas de déficit da nación e permitiría investir masivamente para resorber o desemprego e aumentar os salarios. O que xeraría mecanicamente unha diminución dos gastos do Estado en termos de subsidios para o desemprego e un aumento dos ingresos grazas aos impostos conseguidos mercé aos postos de traballo creados. Estes novos asalariados, cun ingreso, consumirían máis, o que enchería os libros de pedidos das empresas, as cales contrataría á súa vez novos traballadores para responder á demanda, o que crearía un círculo virtuoso que faría máis igualitaria a sociedade francesa.

9.- Entón non hai que crear un réxime universal e suprimir os réximes especiais?

 O argumento do réxime universal non é sostíbel pois o Goberno xa aceptou o feito de que varias categorías, tales como os policías, os militares, o persoal aéreo, os camioneiros e outros conservarán o seu réxime específico grazas ás mobilizacións destes sectores. En realidade, os réximes especiais -hai 42- só concirnen ao 3 % da poboación activa. Non se pode seriamente pretender desmantelar un sistema que funciona perfectamente só porque un 3 % dos traballadores teñen un réxime especial, o cal moitas veces se xustifica polas particularidades da súa profesión. Por que, se esta reforma é sinónimo de progreso social -segundo afirma o Goberno- privar a estas categorías deste privilexio? Esta afirmación non resiste ao sentido común.

 Algúns réximes especiais son deficitarios por razóns demográficas cun aumento do número de pensionistas, pero tamén por mor de decisións políticas. Collamos o caso da compañía de ferrocarrís SNCF. Hai 30 anos había 300.000 traballadores neste sector. Hoxe só hai 150.000 porque o Estado decidiu proceder a unha redución drástica do número de asalariados malia as necesidades reais. Entón é normal que sexa deficitario, xa que hai un 50 % de cotizantes menos. Outra vez, non se pode ser responsábel do déficit e logo apuntalo co dedo para xustificar o desmantelamento do sistema actual.

10.- Cal é o obxectivo real desta reforma?

 En realidade trátase dunha reforma ideolóxica que ten como obxectivo promover o desenvolvemento dun sistema de pensións complementario por capitalización, ao cal a poboación activa recorrerá loxicamente por mor das incertezas xeradas por un sistema por puntos. En efecto, se os asalariados e funcionarios non saben cal será o importe da súa pensión de retiro, os que teñen a posibilidade subscribirán un contrato de pensión por capitalización nos bancos, fondos de pensións e organismos de seguros. Trátase de permitir a estas entidades privadas, que cobizan desde hai moitos anos os centos de miles de millóns de euros que representa o sector das pensións, que fagan grandes beneficios.

 O propio informe Delevoye confesa que non hai ningunha urxencia económica en reformar o sistema actual. É importante citalo, páxina 6: “O noso sistema de pensións permite garantir aos nosos xubilados un nivel de vida satisfactorio, tanto en comparación co resto da poboación francesa como da situación que existe nos nosos veciños europeos. Grazas aos esforzos feitos nos últimos 25 anos, está hoxe en día preto do equilibrio financeiro”.

 En conclusión, o proxecto actual de reforma do sistema de pensións é unha regresión social sen precedentes. Non se xustifica de ningún xeito pois Francia nunca foi tan rica de toda a súa historia. Hai dous problemas principais en Francia aos cales o Goberno debería dedicarse: o desemprego e a repartición desigual das riquezas.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 15 de xaneiro de 2020]

Volver