Francia: folga xeral contra a reforma das pensións

Maite Ubiria -

A folga deste xoves 5 de decembro no Estado francés marcará -o número e a diversidade dos convocantes así o auguran- un primeiro gran fito mobilizador co fin de frear a reforma de pensións que Emmanuel Macron quere aprobar antes do verán de 2020

 A convocatoria do 5 de decembro ten a súa pequena historia. Foi tras unha exitosa xornada de protesta dos traballadores da rede de transporte da rexión parisina (RATP) cando se marcou no calendario unha data un tanto afastada, pero elixida cuns claros obxectivos. Tratábase de condicionar o período de concertación decretado polo Goberno para tentar pactar a reforma das pensións, de permitir a suma de adhesións non só de sindicatos, senón tamén empresa a empresa, e de saír á rúa coa «décimo terceira paga» (a extra) xa ingresada para poder asumir o custo dunha folga que aspira a ser locomotora dun movemento sostido de resistencia.

 En plena campaña comunicativa do presidente francés, Emmanuel Macron, para tratar de presentar como unha reacción corporativista -léase insolidaria- o malestar xerado pola súa proposta de establecer un réxime único de pensións, os cinco sindicatos da rede de transporte do área parisina -Unsa, FO, CGC, Solidaires et SUD- lanzaron un pulso o pasado 13 de setembro.

Capitalización das loitas

 Esa forte protesta sectorial desembocou nunha nova aposta: encher as rúas cunha gran mobilización para rebater ese proxecto co que Macron quere transformar nun sistema universal o crisol de réximes de pensións (42) existente no Estado francés e ao que se aferran moitos cidadáns para os que esas caixas gardan ademais dun capital un valor simbólico: o da capitalización das conquistas sociais logradas a partir da II Guerra Mundial.

 Os procesos de liberalización que, sector a sector, se aplicaron na economía hexagonal desde a década dos 80 deron en desfigurar bastante eses réximes e máis aínda a percepción social.

 Os grandes medios de comunicación, obxecto á súa vez de desembarcos de capital privado, alentaron un discurso que equipara os logros que se inscriben en convenios laborais con privilexios, e que presenta esas caixas que recadan achegas de traballadores e patróns en pouco menos que plans de pensións á carta.

 Ese marco discursivo, ao que, cos seus máis e os seus menos, desafía a convocatoria do 5D, obvia outros datos bastante máis relevantes para entender a desconfianza cidadá.

 Segundo recolle un informe publicado en maio por Oxfam, desde o inicio da última crise económica os grupos económicos que engrosan o CAC 40 (equivalente francés do Ibex 35) repartiron entre os seus accionistas dous terzos dos seus beneficios; iso en detrimento dos investimentos e, sobre todo, dos traballadores. Con eses 47.000 millóns de dividendos, as multinacionais galas sitúanse á cabeza do ranking mundial.

 Co ascensor social pechado por avaría e a máquina de acumulación (en poucas mans) da riqueza funcionando a pleno gas, Macron abriu tras o verán as portas a un diálogo social sobre pensións -ao que só se sumou a CFDT- pero sen renunciar ao seu plan de que a reforma supere o trámite parlamentario no verán de 2020.

 Porén, a folga do 13 de setembro no transporte parisino serviu para apuntar cara a un programa alternativo.

Puntual ou indefinida

 Os traballadores da rede de transporte público da capital, afeitos a lidar coas críticas cada vez que organizan paros, xa que esas protestas xeran, indubidabelmente, afeccións nos usuarios, optaban por dar cita para o 5 de decembro. E acompañaban esa iniciativa, que se oficializou o 18 de setembro tras unha marcha en París, cunha primeira alusión á posibilidade de afrontar unha protesta indefinida.

 Desta forma, subliñaban, o Goberno tería tempo de responder á queixa lanzada polos empregados da RATP (quinta compañía de transporte colectivo máis importante, en 2014 contaba con 58.000 empregados en todo o mundo) e os outros axentes sociais dispoñerían, á súa vez, de marxe daboando para decidir sobre a súa implicación na mobilización se, como ocorreu, non se producían xestos por parte do Executivo.

 A terceira razón tiña que ver coa «importancia da campaña do Nadal», o que permitiría perturbar máis os plans do Goberno. Os sindicatos evocaban outra chave tampouco menosprezábel: a finais de novembro-primeiros de decembro a maioría dos seus empregados teñen xa nas súas contas correntes a «paga 13» ou «extra», o que sempre axuda á hora de facer o sacrificio económico que implica abordar unha xornada de folga que aspira a facer desistir a Macron dunha reforma percibida, en certo xeito, como a última trincheira.

 A data lanzada desde o transporte parisino foi asumida por outros sectores profesionais. Xa o 16 de outubro, ás portas da entrada en vigor doutra reforma, a da prestación do desemprego, oito organizacións sindicais e xuvenís se sumaban ao chamamento. CGT, FO, FSU, Solidaires, FIDL, MNL, UNL e Unef apelaban a unha xornada de folga que LAB secunda en Iparralde. Os sindicatos estatais evitaban, en todo caso, a mención expresa a un paro indefinido.

 Primeira falta de sintonía que Macron aproveitou para lanzar chiscadelas aos traballadores independentes (autónomos) co ánimo que agudizar as contradicións entre traballadores con ou sen nómina.

 Porén, o síntoma de que algo novo se xestaba chegou o 3 de outubro, cando a asemblea de asembleas do movemento dos «chalecos amarelos» anunciou, en Montpellier, que empurraría xunto aos sindicatos.

 Referente do último pulso longo nas rúas, capaz de arrincar ao «presidente dos ricos» algunhas concesións para «mellorar o poder adquisitivo da maioría», a aposta dese heteroxéneo movemento proporcionaba un novo ingrediente cara a fortalecer unha resposta na rúa á altura do desafío.

 Desde aquelas, as pezas foron encaixando unha a unha, até esbozar unha mobilización que se presenta moi importante.

 O paro deixarase sentir fortemente nese termómetro chave que é o transporte. Nada menos que once centrais sindicais chaman ao paro deste xoves en Air France e, de forma máis global, CGT, FO, SUD e Solidaires apoian o chamamento en todo o sector de transportes. A apuntar que mesmo CFDT apoia o paro na ferroviaria SNCF.

 No ámbito educativo, profesores de secundaria e instituto apoian, por vía dos seus respectivos sindicatos, unha chamada á mobilización que fan súas as organizacións estudiantís e xuvenís. Con máis impacto na rede pública, a convocatoria prendeu con forza nas aulas.

 O 5 de decembro será tamén unha «xornada morta» nos pazos de xustiza, apoiada por maxistrados e avogados, e no sector sociosanitario espérase un eco relevante, xa que tanto a reforma de hospitais como os recortes no sector de residencias levaron xa nos últimos meses aos seus traballadores a encadear as protestas.

Xubilados que traballan

 Tamén as seccións de sindicalistas veteranos están en pé de guerra. A proposta de pensión mínima de 1.200 euros netos (a demanda respecto ao Smic ou salario mínimo é de 1.800) ábrese paso no debate entre denuncias sobre a situación que atravesan 460.000 pensionistas do Hexágono (en total hai 16 millóns), obrigados a seguir traballando máis aló da idade de xubilación.

 O movemento de folga deixarase sentir tamén no servizo de Correos (La Poste), na eléctrica EDF e na función pública, principalmente na súa escala territorial, xa moi mobilizada contra os recortes postos en marcha polo Goberno Macron.

 Coa tractorada dos agricultores en París como precedente e a chamada, xa a partir da fin de semana, do sector do transporte de mercadorías a bloquear as principais autopistas -incluída a A63 que conecta o norte e o sur de Euskal Herria- como seguinte punto de referencia, o 5D promete deixar unha imaxe de converxencia.

 A gran incógnita é se esa folga dará inicio a un movemento de longa duración, capaz de condicionar a un Macron, forte no cumio e pouco ancorado na base, cara a un 2020 marcado polas eleccións municipais que terán lugar na primavera.

Principais puntos da reforma

 Emmanuel Macron comprometeuse a implementar un sistema por puntos universal no marco dunha reforma na que non se tocaría nin a idade de xubilación nin o nivel das pensións», segundo asegurou en campaña.

 Estas son algunhas das medidas propostas polo alto comisario Jean-Paul Delevoye, que tentan conxugar esas promesas coa prioridade de facer fronte ao déficit das pensións que, segundo previsións oficiais, pode abalar entre os 8.000 e 17.000 millóns no horizonte teórico de entrada en vigor da reforma, o ano 2025.

 Un sistema por puntos: Os 42 sistemas de pensións que coexisten no Estado francés darían paso a un único sistema de puntos que se aplicaría a todos os traballadores, sexan empregados, funcionarios, independentes, profesionais liberais, agricultores... Os «réximes especiais», como os vixentes aínda en SNCF e RATP, serán suprimidos.

 Taxa de cotización: Os asalariados do sector privado, dos réximes especiais e os funcionarios cotizarán co 28,12% dos seus ingresos brutos, taxa de cotización que cubrirá o empregador nun 60% e o traballador nun 40%. Esténdese así o cálculo xa vixente no sector privado ao sector público -queda por resolver como se terán en conta para o cálculo as primas a funcionarios e traballadores de convenios especiais-. O mesmo índice se aplicará aos independentes (autónomos) que ingresen até 40.000 euros anuais. Para ingresos de 40.000 a 120.000 redúcese a taxa ao 12,94%.

 Idade de xubilación. Mantense a posibilidade de se acoller á xubilación a partir dos 62 anos, pero esa non será a idade de referencia para obter unha pensión «ao 100%». Así, penalizarase ou premiarase con arredor dun 5% por cada ano de menos ou de máis traballado. Iso co obxectivo de que a idade real de xubilación con todos os dereitos adquiridos se atrase a 64 anos no horizonte de 2025. A xubilación anticipada manterase no caso de «profesións de risco», como militares ou funcionarios públicos que presten «altos servizos» ao Estado.

 Valor de compra e de liquidación do punto. Ao principio da reforma, 10 euros cotizados darán dereito a obter un punto. Os puntos acumulados indexaranse de acordo á evolución dos salarios e non á inflación. O valor de servizo do punto, é dicir, o valor no momento da liquidación, debería situarse en torno ao 0,55, en función das evolucións económicas e demográficas, o que significa que 100 euros cotizados garantirían 5,5 euros de pensión/ano durante toda a xubilación.

 Revalorización das pensións. Unha vez que os puntos adquiridos se transformen en xubilación, as pensións serán revalorizadas segundo o IPC, «cara a preservar o poder adquisitivo».

 Regra de ouro. O sistema formula un orzamento constante: cando entre en vigor equilibrarase o peso de entradas e gastos/investimentos, así como a achega de solidariedade (20% do total do investimento/gasto). Impoñerase, así, unha regra de ouro de equilibrio «para perennizar a evolución financeira do sistema». Esa regra deberá garantir que o saldo sexa positivo ou á vez por períodos de cinco anos.

 Solidariedade. Os períodos de paro, maternidade, invalidez e enfermidade darán dereito a recibir puntos de solidariedade que, a priori, deberían ter o mesmo valor que os atribuídos por actividade laboral.

 Cotizacións modestas. O sistema universal garantirá un mínimo de pensión de xubilación para quen tivo ingresos máis modestos. Ese mínimo ascenderá ao 85% do salario mínimo ou Smic neto (1.204 euros en 2019) -fronte ao 81% actual- e ao 75% no caso dos agricultores -estímase que un 40% das persoas dese sector verán aumentados os seus ingresos- que verán mellorada a súa situación do mesmo xeito que os obreiros-artesáns, comerciantes ou persoas que traballen a tempo parcial -o 29,5% en 2019 para as mulleres, dunha porcentaxe global do 18,5%-.

 Por fillas-fillos. Proponse unha mellora do 5% por descendente, desde o primeiro fillo. Esa bonificación pode ser compartida polos dous proxenitores pero será atribuída por defecto á nai.

 Viuvez. Un dispositivo de reversión única substituirá os 13 que existen actualmente. Iso debería garantir ao cónxuxe supervivente un nivel de ingresos estimado no 70% do total das pensións percibidas pola parella. Medida só aplicábel a parellas casadas.

 Período de transición. O sistema universal aplicarase como moi axiña ás persoas nadas en 1963. O sistema garantirá o 100% dos dereitos adquiridos a 1 de xaneiro de 2025. Isto quere dicir que serán contabilizados de acordo ás regras dos antigos réximes e transformadas en puntos.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 4 de decembro de 2019]

Volver