Francia: non é o 68 mais si o parece

Carlos Aznárez - 31 Mai 2016

Se esta mobilización popular non fose suficiente para o pulso que libra coas políticas neoliberais representadas por Hollande, os sindicatos saben que teñen outra chave de presión, e é o reforzo das medidas de forza que xa se anuncian durante a celebración da Eurocopa

 Como naqueles gloriosos días de maio do 68, agora, 48 anos despois, toda Francia está na rúa, demostrando que os seus traballadores e traballadoras ten un punto de paciencia fronte á voracidade capitalista, que xa foi superado dabondo. A razón fundamental destas xigantescas mobilizacións, inzadas de centos de enfrontamentos corpo a corpo cos xendarmes enviados polo Goberno de François Hollande, é unha controvertidísima reforma laboral que xa no mes de febreiro, cando aínda non se presentara no Parlamento, recibira o rexeitamento das organizacións sindicais. Hollande non quixo escoitar a queixa dese momento, e con total desprezo pola vontade popular puxo primeira coa seu habitual fachenda.

 Non é para menos o que agora acontece: o texto desta lei, que o mandatario di estar disposto a defender até “as últimas consecuencias”, contempla a primacía da negociación directa entre empresario e traballador, por riba do código de traballo e os convenios colectivos; establece un teito nas indemnizacións por despedimento improcedente e impón as condicións que xustificarían o despedimento económico. O texto vai na liña das reformas que Bruxelas esixe a Francia e tanto o primeiro ministro Manuel Valls como Emmanuel Macron, ministro de Economía, a defenderon porque outorga flexibilidade ás empresas. Ademais, coma se fosen o arxentino Mauricio Macri ou o brasileiro Michel Temer, os que estivesen falando, aseguran que “é beneficiosa para a xente nova e dá máis garantías aos traballadores”. Sen dúbida, son tempos en que as medidas máis brutais se tentan vender nun paquete ben enfeitado, acompañado de xestos que edulcoren a traxedia.

 O anuncio da devandita normativa legal causou conmoción nas esmorecidas centrais sindicais francesas, que viñan arrastrando crise tras crise, un comportamento non acorde ás demandas dos seus afiliados, en especial a reformista Confederación Francesa de Traballadores (CFDT), que só atinou a pedir suaves cambios na lei, sobre todo no que fai á retirada do límite das indemnizacións. Porén, as outras entidades do movemento obreiro, con máis intuición ou historicamente viradas á esquerda, non dubidaron que tal provocación do Goberno non podía ter outra resposta que a loita organizada e na rúa. Tanto a CGT como Forza Obreira, FSU e SUD comezaron a reunirse con organizacións estudantís e movemento sociais para preparar o “levantamento xeneralizado”, como o definiu un veterano dirixente obreiro. Fronte ás primeiras escaramuzas sindicais, o Goberno apurou o trámite e este mesmo mes de maio en lugar de poñela a debate no Parlamento, aplicou de urxencia unha lexislación que lle permite dar por válido o texto sen maiores modificacións e sen necesidade de que os deputados a discutan. Ou sexa, paso directo ao Senado e en pouco tempo retorno a Deputados, onde se houber obxeccións sería aprobada ‘manu militari’.

 A lei, que provocou que o 70 por cento da poboación mostre de distintos xeitos o seu descontento, conta obviamente, co apoio total do núcleo duro do Movemento de Empresas de Francia (Medef), dirixida pola millonaria dereitista Laurence Parisot, aínda que paradoxalmente os principais partidos de dereita se opoñen, xa que a consideran moi ‘suave’ para a realidade que vive o capitalismo francés.

 Cansos de esperas e argucias que retardaban definicións que os favorezan, e convencidos de que a lei é só o comezo dunha política destrutora de todos os lazos de solidariedade social e preservación das conquistas históricas da clase obreira, as centrais sindicais decidiron pór o pelello en xogo nun enfrontamento a gran escala. Desde ese momento, xa se produciron oito grandes xornadas de protesta nacional. En termos concretos, isto significou masivas manifestacións de obreiros, estudantes e loitadores sociais diversos que tanto na capital francesa como nas grandes cidades están dispostos a demostrarlle ao goberno falsamente socialista que a forza dos de abaixo non é algo que se poida pasar doadamente por alto.

 Así as principais terminais petroleiras e centrais nucleares quedaron paralizadas, mentres que se producen numerosos bloqueos nas principais autopistas, acompañados da aparición dun fenómeno que non é exclusivamente europeo senón que percorre todo o mundo: miles de mozos bótanse ás rúas, encarapuzados para defender a súa identidade fronte á represión, e producen choques de gran dimensión cos policías e xendarmes gobernamentais. Reaparecen as coñecidas imaxes do Che Guevara entre o fume das barricadas, acompañadas de puños no alto e maldicións ao imperialismo ianqui, á socialdemocracia francesa e mesmo vivas ao Comandante bolivariano Hugo Chávez. Outra vez, os pobos saben de que lado do camiño está cada protagonista.

 Á calor destas protestas tamén comeza a adquirir potencia un movemento como o Nuit Debout, xurdido a consecuencia da gran mobilización do 31 de marzo na Praza da República, e que recorda moito aos mellores tempos dos ‘indignados’ madrileños. Trátase dun núcleo xuvenil, informal e «sen etiquetas», que se propón construír unha "converxencia das loitas". Organizado en comisións (coordinación, loxística, recepción e sanidade, comunicación, etc.), as tomas de decisións fanse po ao 30% das gasolineiras do país. A situación levou o goberno a facer uso das reservas das que dispón o país.

 Se esta mobilización popular non fose suficiente para o pulso que libra coas políticas neoliberais representadas por Hollande (ao que xa se lle pide a renuncia en cada acto na rúa), os sindicatos saben que teñen outra chave de presión, e é o reforzo das medidas de forza que xa se anuncian durante a celebración da Eurocopa, o inicio da cal está anunciado para o 10 de xuño. Para ese momento, as centrais sindicais sosteñen que se chegará ao clímax do enfrontamento, e supoñen que o Goberno terá que afrouxar na súa teimosía ou ‘arderá o país’ polas catro bandas. O desafío está feito e non é menor o que se poida derivar deste. Por unha banda, saber se o movemento de protesta ten aguante suficiente como para, dentro da gradualidade que se impuxo, obter unha vitoria, ou se pola contra, como ocorreu noutras oportunidades, as políticas de ‘amolecemento’, cooptación ou directamente o auxe represivo a nivel masivo, non devén nun novo retroceso. As espadas están no alto, e polo de agora, a rúa segue sendo o termómetro da inmensa resposta que xera o capitalismo coas seus provocacións.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘TeleSur’, do 27 de maio de 2016]