Francia, nova etapa

Ignacio Ramonet -

O proxecto de Macron, en vías de realización, responde ao vello soño da elites burguesas en tempos de crises: constituír unha formación política que poderiamos chamar de Gran Centro, integrando a esquerda da dereita, o propio centro e a dereita da esquerda. Nunhas palabras, como diría o conde de Lampedusa: cambialo todo para que nada cambie

A primeira sorpresa foi... que non houbo sorpresa. Por unha vez os inquéritos non erraron. No Reino Unido co Brexit ou en Estados Unidos con Donald Trump, as sondaxes equivocáranse de ve. En Francia en cambio, con semanas de antelación, as consultoras anunciaron que, na primeira volta das eleccións presidenciais do 23 de abril pasado, os vencedores serían, nesta orde: Emmanuel Macron (En Marche!) e Marine Le Pen (Front National), únicos cualificados para pasar á segunda rolda do domingo 7 de maio. E que xusto despois chegarían, tamén nesta orde: François Fillon (Les Républicains), Jean-Luc Mélenchon (France Insoumise) e Benoît Hamon (Partido Socialista). E atinaron[1].

 Semellantes resultados, nun país traumatizado pola crise social e os atentados xihadistas, constitúen un verdadeiro sismo e merecen varios comentarios.

 Primeiro, indican o final dun longo ciclo da historia política francesa comezado en 1958 co xeneral De Gaulle, a adopción da Constitución actual e a instauración de Vª República. Desde esa época, ou sexa desde hai case sesenta anos, sempre se cualificou para a segunda volta polo menos un dos dous grandes partidos franceses: o gaullista (con diferentes denominacións ao longo do tempo, RPR, UDR, UMP, LR) e o socialista. Esta vez, cousa inaudita, ningún dos dous conseguiu exceder os obstáculos da primeira rolda. En si, isto xa é histórico e demostra, como noutros países, o fondo desgaste das formacións políticas tradicionais que dominaban a escena desde a Segunda Guerra Mundial.

 Dos catro candidatos chegados na cabeza nesa primeira volta, só un, François Fillon, representa un partido tradicional; os outros tres encarnan forzas alternativas totalmente novas (En Marcha!) ou sen case representantes na Asemblea Nacional (Fronte Nacional e Francia Insubmisa).

 A derrota é particularmente espectacular para o Partido Socialista porque esta formación está no poder desde 2012, e controla os tres principais centros de decisión política: a Presidencia da República (François Hollande), a Presidencia do Goberno (Primeiro Ministro: Bernard Cazeneuve), e a Asemblea Nacional. O candidato socialista, Benoît Hamon -xefeciño dunha fracción crítica contra o Presidente Hollande e que se impuxo nas primarias fronte, entre outros, ao ex-Primeiro Ministro Manuel Valls- levou adiante unha campaña particularmente desastrosa, garrafal e errática.

 Con algunhas boas ideas (a Renda Básica Universal) pero cunha obsesión histérica antirrusa e un arrogante rexeitamento a establecer alianzas coa gran forza de esquerda, a Francia Insubmisa de Jean-Luc Mélenchon. Hamon apenas obtivo 6,36% dos votos, o peor resultado en sesenta anos do Partido Socialista. Tanto máis calamitoso canto que se uniron a el os ecoloxistas... Con tan funesto desenlace, Benoît Hamon compromete o porvir mesmo do Partido Socialista que -despois do fracaso do impopular Presidente François Hollande- corre agora o risco de se esnaquizar.

 Outro caso tráxico é o de François Fillon, candidato de Les Républicains, o partido herdeiro do gaullismo e expresión sociolóxica da ampla burguesía conservadora. Contra todo pronóstico, Fillon conseguira imporse nas primarias internas fronte a candidatos de peso como Nicolas Sarkozy (ex-Presidente, 2007-2012) e Alain Juppé (ex-Primeiro Ministro). Cun programa de castigo social moi duro. Normalmente, esas primarias eran o seu atranco principal; e unha vez vencido este, todas as enquisas o daban como futuro Presidente de Francia. Pero aí comezou o seu calvario.

 O semanario satírico «Le Canard enchaîné» publicou unha serie de revelacións sobre os «empregos ficticios» que Fillon, como deputado (e como a lei, en certa medida, llo permitía), outorgou á súa esposa e aos seus fillos. Desatouse entón contra el unha campaña de agresión mediática dunha violencia excepcional. Durante interminábeis semanas, os medios esfoláronono vivo e arruinaron a súa imaxe. En realidade, comparada coa que se practica no Estado español, a corrupción de Fillon era de baixa intensidade. E cómpre preguntarse a que se debeu tanta saña contra o candidato da dereita tradicional. Para abrirlle camiño a Emmanuel Macron quen conta co apoio decidido da maioría dos oligarcas propietarios dos medios dominantes? Para castigar a aposta de Fillon de establecer, en política internacional, unha alianza con Rusia?

 Outra ensinanza dos resultados da primeira volta concirne á Fronte Nacional (FN) de extrema dereita. Este partido vén gañando, ultimamente, en primeira rolda, case todas as eleccións en Francia. Mais o sistema francés de dúas voltas obriga os partidos a faceren alianzas para a segunda rolda. E a Fronte Nacional é un partido orfo, non ten case aliados[2], non pode constituír ningunha coalición importante, co cal queda desprovisto das necesarias reservas de votos para vencer o escollo da segunda rolda. Así por exemplo, nas eleccións rexionais de decembro de 2015, o FN foi o partido máis votado (27,73%) de Francia en primeira volta, pero, na segunda rolda, sen aliados, foi incapaz de conquistar a presidencia de ningunha rexión.

 O pasado 23 de abril, a súa líder Marine Le Pen non conseguiu levar o seu partido ao primeiro posto, quedou segundo cun millón de votos menos que Emmanuel Macron. Iso constituíu unha importante decepción para o seu electorado. Aínda que os medios dominantes, para mobilizar en favor de Macron, axitan o espectro dunha posíbel vitoria do FN o 7 de maio, é practicamente imposíbel que iso ocorra. O risco de ver a Marine Le Pen gañar a segunda rolda é absolutamente mínimo nun país onde, o pasado 23 de abril, o 80% dos electores non votaron por ela. Aínda que este partido, ao favor da crise, tratou de se reconverter disimulando os seus trazos máis visíbeis do neofascismo e adoptando os atributos do populismo de dereita, mantén o seu ADN racista, antisemita e xenófobo. A súa probábel derrota (unha máis...) farao entrar sen dúbida nunha crise existencial.

 Aínda que o FN tratará de desquitarse nas eleccións lexislativas do 11 e 18 de xuño próximo nas que o efecto segunda rolda terá menos impacto porque agora hai catro forzas[3] (e mesmo cinco se contamos o Partido Socialista) que se enfrontan o cal fai prever, na segunda volta, decenas de enfrontamentos triangulares e mesmo cuadrangulares...[4]

 Malia non se poder clasificar para a segunda rolda, o outro vencedor desas eleccións presidenciais é, sen discusión, Jean-Luc Mélenchon, líder de Francia Insubmisa. En 2012, Mélenchon obtivera 4 millóns de votos (11%). Esta vez alcanzou os 7 millóns (19,6%). Quedou a seiscentos mil de votos apenas da segunda volta... E para a claridade do debate, é unha mágoa. Considerado como «o mellor orador da política francesa», o dirixente insubmiso fixo unha campaña intelixente, intensa, brillante e inventiva. Con innovacións tecnolóxicas mundiais como a dos hologramas que lle permitiron estar “presente” en seis cidades á vez... E desenvolveu un programa preciso e claro[5] sobre todos os temas que interesan hoxe a unha sociedade moi castigada polo desemprego, a marxinación social e a violencia dos atentados xihadistas. Apostou pola “transición ecolóxica” e soubo recoller e expresar a indignación de moitos franceses cheos da politicaría e que, como nalgúns países de América Latina, claman: «Que se vaian todos!».

 O peso dos electores “insubmisos” será decisivo en segunda rolda. E é tamén moi probábel que esa poderosa forza electoral permita a Jean-Luc Mélenchon obter un importante resultado na «terceira volta» ou sexa as eleccións lexislativas previstas para o 11 e 18 de xuño próximo. Como cuarta forza política do país, Francia Insubmisa podería constituír un grupo parlamentario bisagra cuxo rol na nova Asemblea podería ser determinante.

 Última consideración, acerca de Emmanuel Macron (39 anos), vencedor do 23 de abril e probábel novo Presidente de Francia. Con escasa experiencia -foi conselleiro do Presidente Hollande e efémero ministro de Economía-, tivo a intuición de que o sistema político tradicional estaba comesto e ameazaba ruína. Saíu do goberno, abandonou a Hollande e lanzou, ante a incredulidade xeral, o seu movemento En Marche! (que ten as súas propias iniciais...) cando parecía que non existía espazo para unha nova forza política.

 En realidade, o éxito de Macron débese máis ás circunstancias que aos seus propios méritos. Porque unha serie de acontecementos imprevistos foron eliminando os seus principais rivais potenciais. No seo do Partido Socialista, o seu competidor máis perigoso, Manuel Valls, foi desbotado nas primarias. E o candidato designado, Benoît Hamon, considerado como demasiado á esquerda e como «traidor» a Hollande, non podía seducir o conxunto dos socialistas, e por conseguinte non era un contrincante nocivo para Macron.

 Logo, na formación de dereitas Les Républicains, o candidato que máis sombra podía facerlle, Alain Juppé, perdeu. E o vencedor, François Fillon, foi destruído polos escándalos de corrupción. A todo iso veu engadirse o descarte do Presidente François Hollande cando anunciou que non se presentaría ás eleccións.

 Que adversarios lle quedaban a Macron? Esencialmente dous: Marine Le Pen e Jean-Luc Mélenchon. Nin o poder financeiro, nin o poder empresarial, nin o poder mediático podían aceptar, por distintas razóns, a ningún destes dous candidatos. Por iso, a partir de febreiro pasado, todo o formidábel peso dos poderes fácticos deu en poñerse ao servizo de Emmanuel Macron. En particular, os medios dominantes -en mans dun feixe de oligarcas multimillonarios- lanzáronse nunha frenética campaña en favor do líder de En March !, fornecéndolle ademais un soporte financeiro considerábel. De tal xeito que Macron, orador bastante mediocre e cun programa aínda máis confuso para disimular o seu carácter furiosamente ultraliberal, foi impoñéndose nas enquisas como o probábel vencedor.

 Se a súa vitoria na primeira volta, como acabamos de analizar, se debe en parte ás circunstancias e á eliminación conxuntural dos seus rivais, por outra banda tamén é o resultado do que Macron significa. Nun sistema que se derruba e no que os partidos tradicionais son varridos[6], o líder de En Marche! declárase sen ambaxes “europeísta”, neoliberal e librecambista. Defende decididamente a “uberización” da economía e aposta polo social-liberalismo. O seu proxecto, en vías de realización, responde ao vello soño da elites burguesas en tempos de crises: constituír unha formación política que poderiamos chamar de Gran Centro, integrando a esquerda da dereita, o propio centro e a dereita da esquerda. Nunhas palabras, como diría o conde de Lampedusa: cambialo todo para que nada cambie.

 Abonda con ver, despois da vitoria de Macron o 23 de abril, a eufórica embriaguez de todos os fanáticos do social-liberalismo[7] e a espectacular suba das Bolsas para entender con clareza o que significa, politicamente, ese triunfo de Emmanuel Macron: unha revancha das castes, dos poderosos do sistema.

 Pero unha restauración é apenas un respiro no medio dunha crise. A xente non dixo aínda a súa última palabra.

____________________________________________________________________________

Notas

[1] Os resultados oficiais son os seguintes : Emmanuel Macron 24,1% ; Marine Le Pen 21,3% ; François Fillon 20,01% ; Jean-Luc Mélenchon 19,58% ; Benoît Hamon 6,36%.

[2] O 29 de abril pasado, fíxose público un acordo para a segunda volta entre Marine Le Pen e Nicolas Dupont-Aignan, líder dun diminuto partido soberanista Debout a France (Arriba Francia) que obtivo apenas 4,7% na primeira rolda. É a primeira vez que a Fronte Nacional consegue un acordo electoral con outra forza política. Marine Le Pen anunciou que, en caso de gañar as eleccións do 7 de maio, nomearía a Dupont-Aignan Primeiro Ministro.

[3] En Marche!, Front National, Les Républicains e France Insoumise.

[4] A lei electoral, en Francia, precisa que, nos comicios presidenciais, pasan á segunda volta unicamente os dous candidatos que obtiveron o maior número de sufraxios. En cambio, nas eleccións lexislativas, pasan á segunda rolda todos aqueles que obtiveron polo menos 12,5% dos votos ou sexa, teoricamente, até oito candidatos...

[5] Léase: http://es.rfi.fr/francia/20170420-jean-luc-melenchon-el-outsider-con-la-corbata-roja

[6] O 23 de abril, a metade do electorado votou a favor de dirixentes “antisistema” que piden a saída de Francia da Unión Europea ou polo menos a renegociación dos Tratados europeos.

[7] No Estado español, por exemplo, o xornal El País, órgano oficial do social-liberalismo, publicou, ao día seguinte da vitoria de Macron na primeira volta, un editorial significativamente titulado: «A esperanza Macron» (24 de abril 2017).

____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 2 de maio de 2017]

 

Volver