Francia: Que hai tras a contrarreforma das pensións?

Antonio Cuesta - 11 Dec 2019

A proxectada reforma das pensións tenta reforzar o modelo neoliberal, a orientación do cal cara á rendibilidade económica é contraria ao beneficio social, e aumenta a presión tanto sobre os traballadores activos como sobre os pensionistas

 Francia leva a cabo a súa segunda xornada de folga xeral en menos dunha semana, que veu acompañada por un paro indefinido no transporte desde o 5 de decembro, e provocou enormes complicacións nas comunicacións urbanas e interurbanas.

 A protesta non só conta cun gran apoio nas rúas, tanto por parte dos principais sindicatos como de numerosas organizacións políticas e sociais, senón tamén pola opinión pública que comparte maioritariamente as demandas esixidas polo movemento contra o proxecto de lei de reforma do sistema público de pensións.

 A estratexia do goberno francés foi tratar de dividir os traballadores mediante compensacións puntuais a distintos sectores profesionais, como prometeu facer cos médicos e os profesores, sen entrar no fondo da cuestión, que é o seu proxecto de unificar nun só réxime todas as pensións, eliminando os 42 actuais.

 A proposta forma parte do esquema neoliberal imposto a escala europea, co que se busca reducir o investimento público en políticas sociais e beneficiar o capital privado, e existen exemplos en países próximos que certifican claramente os prexuízos que supón para os asalariados.

 É o caso de Suecia, onde o poder adquisitivo dos xubilados é un 25 por cento máis baixo que o dun traballador en activo, cun nivel de pobreza entre os pensionistas do 16,8 por cento e que afecta especialmente ás mulleres, ou en Alemaña onde os ingresos medios son un 15 por cento inferior.

 O obxectivo do goberno francés é diminuír nun 20 por cento o nivel das pensións públicas, segundo explica o economista Henri Sterdyniak, director de departamento do Observatorio Francés de Conxunturas Económicas (OFCE), para tratar de facer fronte ao aumento do número de xubilados con respecto á poboación activa, previsto nun 25 por cento de aquí a 2050.

 Pero sobre todo para acabar coa “idea predominante nas altas esferas europeas de que en Francia hai demasiados impostos e demasiado gasto público”, seguindo o modelo anglosaxón, e para iso hai que reducir o gasto público, rebaixando as pensións como busca esta lei, diminuíndo as prestacións por desemprego como xa aprobou o Parlamento ou recortando o orzamento sanitario.

 En todo caso a contrarreforma anunciada agrandará a fenda á hora da xubilación entre os asalariados e os directivos ou os profesionais liberais, e tamén creará unha fractura interxeracional, pois os traballadores máis novos terán que alargar a súa vida laboral para chegar ao mínimo de anos cotizados que serán 43.

 Até o momento Francia conta cun sistema público, universal, obrigatorio e baseado nos anos de cotización e a súa progresión no tempo, privilexiando os salarios máis baixos á hora de calcular o importe da pensión, mentres que o modelo por puntos previsto elimina este principio de solidariedade asignando subsidios proporcionais á cotización, co que beneficiará ás rendas máis altas.

 Un patrón acorde cos fondos de pensións privados, que en Francia son practicamente inexistentes, e que segue a lóxica neoliberal de que “quen máis ten, máis gaña” e co que as empresas serán as principais beneficiadas, pois non se lles pedirá que incrementen as cotizacións sociais.

 O actual modelo, denunciado polo goberno como inxusto e non igualitario, permite por exemplo que o importe de todas as pensións abale entre o 72 e 74 por cento dos últimos salarios, malia existir diferentes réximes, que persoas con longas carreiras profesionais poidan retirarse aos 60 anos, ou que en determinadas profesións polo seu risco ou dureza poidan facelo a partir dos 55 anos.

 Neste sistema calquera persoa sabe ao final da súa carreira o montante da súa pensión; no modelo por puntos, si se coñecerá a cantidade que se cotizou mais non así o importe a cobrar, xa que o executivo determinará o valor de cada punto non en función do salario mínimo ou a inflación, senón do equilibrio orzamentario do Estado, polo que poderá recortar as pensións de xeito discrecional.

 Non é xa que logo un problema económico, como todos os sindicatos denunciaron repetidamente, senón ideolóxico, que pasa por alto cuestións tan obvias como que aumentando o número de cotizantes (traballadores) ou as súas achegas poderían cubrirse de xeito máis xusto as remuneracións dos pensionistas, sen afectar ao equilibrio financeiro do sistema público.

 O principal sindicato do país, a Confederación Xeral do Traballo (CGT), elaborou e presentou ao executivo unha serie de medidas nesa liña, relativas a equiparar legalmente os salarios de homes e mulleres, establecer que todas as formas de traballo están suxeitas a contribucións, incluíndo a empresarios e directivos, ou fixar medidas vinculantes ás empresas e as plataformas dixitais.

 O aforro que poderían xerar estas propostas foi cuantificado polo sindicato en “120.000 millóns de euros na próxima década”, o que permitiría facer fronte ao crecente número de pensionistas sen ter que reducir a contía das xubilacións; porén, ningunha desas razóns parece ser do interese do goberno.

 A proxectada reforma das pensións tenta reforzar o modelo neoliberal, a orientación do cal cara á rendibilidade económica é contraria ao beneficio social, e aumenta a presión tanto sobre os traballadores activos como sobre os pensionistas, que se verán obrigados a alongar a vida laboral e recorrer aos seguros privados como unha necesidade inevitábel.

 O presidente Emmanuel Macron tentou convencer con falsas promesas das vantaxes da súa proposta a unha opinión pública que se está mostrando claramente en contra dese tipo de medidas neoliberais; de aí o movemento de “chalecos amarelos”, os paros e folgas nos hospitais, e agora unha masiva mobilización nas rúas contra o seu plan de pensións que podería forzar a súa caída.

 

[Artigo tirado do sitio web Prensa Latina, do 10 de decembro de 2019]