Francia: Reforma das pensións baixo o prisma do modelo sueco

Michel Husson - 23 Set 2019

Co novo sistema bascúlase cara a outro funcionamento: o que se fixa é o importe total dos recursos mentres que a idade e a taxa de reemprazo se converten en variábeis de axuste. Pásase das "prestacións definidas" (sábese o que se vai recibir) ás "cotizacións definidas" (só se sabe o que se aboa)

 O sistema por puntos proposto para Francia difire do sistema sueco pero asume os mesmos principios. Por iso é esclarecedor achegar os termos do debate francés á realidade sueca.

A cláusula agochada das reformas

 A comparanza é tanto máis lexítimo na medida que o programa presidencial de Emmanuel Macron opta por un sistema de contas nocionais e reivindícase tanto da experiencia sueca como das propostas de Antoine Bozio e Thomas Piketty. Pero en ambos os casos hai unha cláusula agochada.

 En calquera sistema de reparto, xa sexa un sistema de anualidades (como o sistema francés actual), por puntos ou de contas nocionais, o equilibrio financeiro do sistema depende de tres parámetros: o tipo de cotización, a idade de xubilación e a taxa de reemprazo. O Consello Asesor das Pensións (COR) expuxo todas as combinacións posíbeis. Isto é o que Xavier Timbeau, Gérard Cornilleau e dous altos funcionarios anónimos recordan con razón nunha tribuna na que propoñen esta cuestión fundamental: "Quérese aumentar as cotizacións á seguridade social, atrasar a idade de xubilación ou reducir as pensións"?

 A pregunta non se fará deste xeito, xa que o cambio a un sistema por puntos ou de contas nocionais acompáñase da introdución subrepticia dunha constrición suplementaria: o tipo de cotización debe permanecer constante. As tres dimensións do COR pasan a dúas. E no anexo matemático á proposta de Antoine Bozio e Thomas Piketty, todas as variábeis (poboación activa, salario medio) varían co tempo, agás unha: o tipo de cotización.

 Pola súa banda o informe Delevoye propón que "o tipo de cotización dos asalariados e asimilados se fixese no 28,12%" e sexa implícitamente constante. En Suecia está fixado da mesma forma no 18,5% do ingreso de actividade.

 Trátase aquí dunha verdadeira inversión de lóxica. Até o de agora prevalecía unha lóxica de necesidades: fixábanse a idade e a taxa de reemprazo, e despois deducíase o tipo de cotización que aseguraba o equilibrio do réxime. Co novo sistema bascúlase cara a outro funcionamento: o que se fixa é o importe total dos recursos mentres que a idade e a taxa de reemprazo se converten en variábeis de axuste. Pásase das "prestacións definidas" (sábese o que se vai recibir) ás "cotizacións definidas" (só se sabe o que se aboa).

 A parte do ingreso nacional destinada ás persoas pensionistas debe permanecer constante, mesmo aínda que o seu número aumente en proporción á poboación. Esta é a opción moi clara do caso sueco, xa que ata a traxectoria prevista está orientada á baixa até o 2070. Xa que logo, non hai necesidade dun modelo matemático complicado para entender que iso só pode conducir a un empobrecemento relativo das persoas pensionistas.

 Esta é pois unha verdadeira opción de sociedade e a habilidade consiste en presentalo como un simple problema técnico a resolver de forma astuta. No debate sobre idade [de xubilación] ou duración [do período de cotización necesario para poder acceder á xubilación] están presentes importantes cuestións sociais, como mostraron Michaël Zemmour e Guillaume Duval, pero que se sitúan despois desta cuestión fundamental.

A beleza dun sistema

 A reforma sueca preséntase frecuentemente como exemplo dun longo e exitoso proceso de concertación. Nun libro que describe a xénese da reforma sueca a partir de entrevistas cos seus protagonistas, Anette Nyqvist insiste na fascinación exercida pola "beleza dun sistema capaz de se regular de forma perfectamente transparente". Mais, paradóxalmente, é un tecnócrata que estivo na orixe da reforma quen se mostra máis lúcido: "todos os riscos se transladan á persoa asegurada. Esa foi a gran idea".

 Isto é o que confirman tres economistas da Comisión Europea na súa avaliación do sistema sueco. É certo que saúdan "o automatismo e a neutralidade ozamentaria", pero, con todo, sinalan as súas implicacións: "os mecanismos de axuste que aseguran a viabilidade orzamentaria transferiron a carga financeira dos cambios de lonxevidade ás persoas pensionistas. Aínda que as persoas máis acomodadas poderán compensar unha pensión pública máis baixa mediante pensións profesionais ou privadas, as persoas menos acomodadas poderían ver caer a súa pensión por baixo dun nivel axeitado".

O resto a vivir

 Idealmente sería necesario coñecer de antemán a idade de falecemento de cada persoa asegurada para que o total das pensións cobradas até o seu pasamento se correspondese coas cotizacións que realice durante a súa vida activa: en resumo, a contributividade perfecta. Infelizmente, esa información non está dispoñíbel e hai que recorrer a unha esperanza de vida media; esa é exactamente a lóxica do sistema sueco. Se se trata dunha persoa que ten 3,5 millóns de coroas rexistradas na súa conta nocional e se xubila aos 65 anos, o baremo establece que lle quedan 20 anos de vida, que se reducen a 16,85 anos para ter en conta as revalorizacións futuras; xa que logo, a súa pensión anual será de 148.000 coroas (2,5 millóns divididos por 16,85).

 Ese baremo non distingue nin o sexo, nin as profesións realizadas. Ademais, as persoas non respectan sempre a esperanza de vida de referencia que se lles atribúe. Acontece mesmo que algunhas morren antes da data prevista e deixan tras elas "ganancias herdadas". Ese capital non utilizado transmítese ás súas compañeiras ou compañeiros de cohorte, de tal forma que ten lugar unha transferencia. "Os que viven durante máis tempo que a media [máis ben os cadros que os obreiros] reciben máis que o valor do seu propio aforro-pensión", explica o informe Orange da Axencia sueca de pensións.

 Mais no sistema de puntos que propón o Informe Delevoye a esperanza de vida desempeñaría un papel (por outra banda como no sistema actual): a famosa idade-pivote -avanzará máis ou menos rápidamente- segundo un reparto das ganancias de esperanza de vida -a 2/3 en duración de vida activa e a 1/3 en duración de vida de xubilación-.

 Como as mulleres viven de media durante máis tempo que os homes, ese método de cálculo podería a priori compensar as outras fontes de desigualdade. Pero en Suecia estase lonxe diso: "o 57% das mulleres percibe o mínimo vellez contra o 16% dos homes". O documento ministerial, do que están extraídos estas cifras, limítase a constatar con fatalismo que as "tendencias históricas do mercado de traballo fan que a participación das mulleres e os seus ingresos do traballo sexan máis baixos".

Un euro cotizado...

 O principio de "un euro cotizado debe abrir os mesmos dereitos de xubilación" é o calco da versión orixinal da Axencia sueca de pensións: "unha coroa de pensión por cada coroa cotizada".  Esta invocación a unha suposta xustiza individual é, por retomar a feliz fórmula de Justin B no seu blog, unha "posta en escena dos retrocesos sociais".

 E o debate sobre as modalidades da reforma (idade, duración...) é decididamente a árbore que agocha a fraga, é dicir, a parte das pensións na renda nacional, de onde se desprende todo o resto.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 23 de setembro de 2019]