Fraude masiva e precariedade laboral en Monbus no transporte interurbano e escolar da area de Santiago

A FGAMT-CIG de Compostela anuncia que denunciará perante Inspección esta situación insostible
Compostela - 29 Abr 2022

Sen cuadrantes, pendentes do móbil para saber horarios, sen descansos entre xornadas ou con horarios imposibles. Así traballan as condutoras e condutores desde que o grupo de empresas de Monbus se fixo cargo dos concursos da consellaría de mobilidade e da consellaría de Educación do transporte interurbano e do transporte escolar na área de Santiago, segundo denuncia Inácio Pavón, da FGAMT-CIG de Compostela, que xa adianta que porán o tema en mans da Inspección e iniciarán mobilizacións se non muda a situación.

Explica ademais que para saltarse as limitacións legais que impiden crear monopolios e que unha mesma empresa supere o 50% neste sector público concesionado, “o que fixo Monbus foi mercar empresas familiares e constituír UTEs con 7, 8 ou 10 empresas, a gran maioría deste grupo, para concorrer aos concursos, de xeito que formalmente non figurara o grupo como gañador das concesión”.

Porén, é Monbus quen, na práctica, pon a totalidade de condutores/as e autobuses, o que, indica, “é facilmente comprobable só con ver os que circulan na área de Santiago”, onde “o monopolio é total” porque ademais do transporte interurbano e do escolar ten tamén o urbano e todas as infraestruturas que isto conleva.

Modificación irregular das liñas

Segundo explica Pavón, a empresa aproveitou esta circunstancia para destinar ao mesmo condutor do transporte escolar para o metropolitano. A consecuencia disto, o persoal “non é capaz de cumprir cos horarios de todas as liñas que teñen que facer” o que está xerando un grandísimo malestar en asociacións de veciños, ANPAS e mesmo familias que ven como os pequenos chegan tarde aos colexios; como nas liñas que habitualmente empregaban non se lles están respectando os horarios ou como, directamente, algunha foi suprimida “sen que a administración faga nada”.

Isto co agravante de que a administración “en ocasións está pagando dúas veces o mesmo percorrido que antes facían dúas empresas diferentes”, denuncia. E é que Monbus unificou liñas facendo coincidir horarios para aproveitar o mesmo autobús pero cobrando polas dúas concesións.

Cambio nas condicións de traballo

A cuestión é que parello a isto, desde o momento no que gañou as concesións Monbus procedeu a unha modificación masiva das condicións de traballo. “Inicialmente os responsables da empresa dicían ao persoal que tivera paciencia, que ao facerse cargo de tanto tiñan un problema de organización, pero o único que pretendían era que pasaran as datas para poder facer reclamacións e que logo quedaran consolidadas esas condicións de traballo”.

Entre outras cuestións, Pavón denuncia que non se entregan cuadrantes segundo marca o convenio, que obriga a telos a semana feita e as dúas seguintes. “Só nalgúns casos entregan cuadrante cos descansos do mes pero os servizos a realizar mándanos ao móbil o día anterior a última hora e fóra de horas de traballo co que os condutores e condutoras non poden organizar a súa vida porque non saben se traballarán de mañá ou de tarde, porén a inmensa maioría, non conta co cuadro de descansos. Ademais teñén á xente permanentemente pendente do móbil de empresa para todo, cambio de bus, liñas, horario,...”

O persoal tampouco percibe na maioría dos casos o correspondente ao plus de interrupción de xornada, nin dietas, nin horas de presenza e as horas extra que non se pagan con carácter xeral. “Un aforro sobre o custe real do servizo que a administración paga e que se embolsa a empresa”, denuncia.

Ademais moi maioritariamente só se conta como tempo traballado o horario da liña e nin se computan, nin se pagan os tempos antes e despois do servizo, como os destinados a preparar o autobús, darlle aire, posicionamento nas cabeceiras, os de repostaxe e lavado. Uns tempos que en conxunto superan a hora diaria.

A isto únese que a empresa alonga as xornadas coas horas de presenza a 13-14 horas diarias, en ocasións deixando horas tirado ao condutor nunha localidade fóra do seu domicilio e que, ao contar mal os horarios, case nunca se respectan as 12 horas entre xornada, o que Pavón considera especialmente grave, sobre todo “cando o primeiro que se fai na xornada seguinte é o transporte escolar”.

A esta listaxe de incumprimentos da legalidade en materia laboral, o representante da FGAMT-CIG de Compostela engade que tampouco se fixa o calendario de vacacións polo que, a esta altura, a maioría do persoal non sabe cando colle as vacacións este ano cando, ademais “as do ano pasado sen coller”. Isto ademais das rutas e horarios “irrealizables” que lles impoñen, sen que á empresa pareza importarlle malia as múltiples queixas polo incumprimento reiterado dos horarios das liñas.

Unha situación que consideran, desde a FGAMT-CIG de Santiago consideran que representa “unha fraude masiva que se debe poñer en coñecemento da autoridade laboral e ser denunciado publicamente”.

Presión laboral

A presión que sofre o persoal é tal que hai traballadores e traballadoras que pediron a baixa voluntaria porque non podían soportala e moito persoal, sobre uns 30 condutores/as que están de baixa, maioritariamente por estrés relacionado coas condicións laborais. Unha situación enrarecida pola ausencia de medidas de conciliación, que nunca se facilitan e que quen pode gozar delas é porque as reclamou no xulgado e polas que sofren continuas represalias na asignación dos cuadrantes e asignación de vacacións.

Unha das escusas que, segundo Pavón, emprega Monbus de forma recorrente para xustificar esta gravísima situación é que non atopa condutores. Nese sentido lembra que xa desde decembro de 2020 se vén denunciando a situación dos condutores da liña do Aeroporto de Santiago, que tras non ser subrogados e malia ter gañado as sentenzas e ser declarado improcedente o seu despedimento, a empresa se negou repetidamente a readmitir.

As condutoras e condutores, ademais destas condicións laborais teñen que realizar o seu traballo en coches vellos e caducados que “son un perigo na estrada”, di Pavón, quen asegura que “están en tan mal estado que meten auga, están sen retarder (freo auxiliar), teñen mal os freos, os cambios de marcha desfeitos ou mesmo portas que se abren en marcha.

Trato de favor das administracións

Canda isto, Inácio Pavón denuncia o emprego de instalacións municipais para as empresas do transporte interurbano, o que están estudando por se fora constitutivo dun delito de prevaricación por incumprimento dos compromisos dos pregos de condicións, porque todas as empresas tiveron que presupostar por unhas naves e taller en Santiago mentres Monbus emprega as municipais”.

O grupo Monbus e o seu empresario, Raúl López, tamén presidente do Obradoiro, atópase inmerso en varios procesos por corrupción, falsidade documental ou branqueo de capitais, entre outros e porén, é a empresa de cabeceira da Xunta de Galiza e do Partido Popular no sector.

Neste sentido, Pavón afirma que hai un claro trato de favor por parte da consellaría de Mobilidade e máis do concello de Santiago, porque permiten e amparan todas estas irregularidades. Ademais e en referencia da consellaría, o representante da FGAMT-CIG asegura que esta era coñecedora de que detrás dos concursos estaba a rede de empresas do grupo Monbus para saltar o monopolio e eliminar a competencia.

Por iso lembra que ás queixas dos usuarios e usuarias únense as das empresas pequenas que quedaron excluídas dos concursos e que terán que desaparecer”. Empresas que, como di Pavón, “tampouco todas cumprían co seu persoal, pero polo menos cumprían co servizo, pero Monbus nin iso, para a que, polo visto, existe impunidade total”.