Frigolouro usa participantes en programas formativos para cubrir postos na liña de produción e vacacións

É persoal sen contrato e que non recibe contraprestación, polo que presentaron denuncia na Inspección
O Porriño - 07 Xul 2021

Os sindicatos maioritarios no comité de Frigolouro (CCOO, UGT e CIG) presentaron unha denuncia diante da Inspección de Traballo tras constatar que a empresa cárnica con sede no Porriño está a botar man do persoal que participa nun programa formativo autonómico para cubrir postos na liña de produción e vacacións. Dende a FGAMT-CIG sinalan que se trata dun mecanismo da Xunta para beneficiar as grandes empresas a costa de afondar na precariedade laboral.

As centrais con representación en Frigolouro (a excepción do STIF, sindicato de empresa) presentaron unha demanda diante da autoridade laboral o pasado luns ante o uso “ilícito e indebido” de dous programas formativos no que participan 57 persoas alleas á empresa: un de operario/a de matadoiro e outro de operario/a de sala de despece porcino.

Segundo constatou a representación sindical, e así o aseguraron hoxe na rolda de prensa celebrada no local de CCOO en Vigo, a compañía do grupo Coren está a situar a algunhas destas persoas en postos de produción, “realizando as funcións sen a presenza dos dous ou máis formadores/as que por motivos de seguridade e para garantir a calidade do proceso formativo establecen os propios programas”.

Neste senso, lembran que Frigolouro adoita contratar entre 30 e 40 persoas debido ao aumento da produción por estas datas, mais nesta ocasión estas contratación non se fixeron porque a empresa está a utilizar os participantes nestes programas formativos para cubrir os postos. “Usan a este persoal, que non lle ten custes, como man de obra barata para colocalo nas liñas de produción”

Por iso entenden que se trata dunha actuación ilícita, “xa que estas persoas non teñen vinculación con Frigolouro mediante un contrato de traballo, non perciben contraprestación algunha e non están de alta na Seguridade Social”. Como consecuencia, Frigolouro non está a abonar as cotizacións pertinentes, o que supón “unha clara actuación fraudulenta cos organismos públicos”.

Todas estas cuestións fóronlle trasladadas á empresa por parte da representación do cadro de persoal, que fixo caso omiso ás queixas. Ademais, o inspector da Xunta que supervisa estes/as traballadores/as asegurou a semana pasada que ían tomar cartas no asunto, “pero cremos que o único que pretendía era que non presentásemos a denuncia diante da autoridade laboral, porque todo sigue igual”.

Precariedade a beneficio das grandes empresas

Pola súa banda, dende a FGAMT-CIG denuncian que este tipo de programas formativos non son máis que un mecanismo da Xunta para favorecer as grandes empresas, “a costa de afondar na precariedade laboral”.

Dende a central sindical lembran que estes programas de dous meses de duración establecen a obrigatoriedade para as empresas de contratar ao 40% dos participantes, “pero só durante seis meses”.

Consideran que no caso de Frigolouro hai persoal o suficientemente formado para traballar na empresa, “mais prefiren acollerse a este tipo de programas para aforrar un elevado número de contratacións neste período no que rexistran un incremento da produción”.