Fronte sindical das nacións do Estado español

CIG, ELA e I-CSC preparan un manifesto coas demandas prioritarias ao novo Goberno

Nacional -

A CIG está a impulsar unha fronte xunto coas principais organizacións sindicais das nacións do Estado español -Galiza, Euskal Herria e Catalunya- para presentar, no decurso deste mesmo mes, un manifesto conxunto no que se recollan as demandas prioritarias ao novo Goberno. Requirimentos que contemplan desde a derrogación das reformas laborais, das pensións ou da negociación colectiva, até a exixencia de que se revogue a chamada lei mordaza ou se dea primacía á política para resolver os conflitos nacionais.

Esta fronte sindical promóvese nun contexto de intensificación dos encontros da CIG cos sindicatos nacionais e tras das xuntanzas celebradas coa Intersindical-Confederació Sindical Catalana (I-CSC), coa que a nosa central sindical asinou un protocolo de colaboración, o pasado 18 de decembro, e con ELA, en Bilbo, na que se definiron unhas liñas de actuación común entre as organizacións sindicais maioritarias de Galiza e Euskal Herria, o pasado 18 de novembro.

Os sindicatos nacionalistas alertan da grave deterioración das condicións laborais pola submisión dos gobernos -tanto do Estado español como autonómicos- á axenda neoliberal e ás súas políticas de austeridade. Políticas que deron nun incremento do desemprego e a emigración; que incrementaron a precariedade e a pobreza e que, no caso de Galiza, teñen aínda máis graves consecuencias dada a alarmante crise industrial que padecemos.

Canda isto, para as organizacións sindicais soberanistas é especialmente preocupante a deriva antidemocrática, represiva, autoritarista e españolista deste último decenio no Estado español, que alimentou un gravísima auxe da extrema dereita.

Por iso, demandan do Goberno de Pedro Sánchez a reversión das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva; a extensión de políticas que garantan a igualdade de xénero; a recuperación do poder adquisitivo dos salarios e das pensións, dos servizos públicos e os dereitos sociais.

Isto, xunto cunha axenda democratizadora que contemple a inmediata derrogación da Lei mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal, que criminaliza o movemento social e sindical, a folga e as mobilizacións. Unha axenda que free o neofascismo que agroma no Estado español e que permita abordar os conflitos nacionais co diálogo político e non coa xudicialización e represión actuais.

Volver