Gabadi presenta un ERE para despedir persoal indefinido ao tempo que está subcontratando traballos

A representación social rexeita a medida que afectaría a 36 dos 176 traballadores/as
Ferrol - 09 Mar 2021

A representación sindical en Gabadi (5 delegados/as CIG e 4 de UGT) rexeita o ERE extintivo para 36 traballadores indefinidos/as que vén de presentar a empresa alegando causas produtivas e organizativas.

Enteden que a decisión carece de xustificación tendo en conta que na actualidade a empresa conta con máis de 50 empregados/as eventuais que están a realizar prolongacións de xornada e ao tempo subcontrata traballos con outras compañías.

Dende a representación social lembran que esta "non é a primeira vez que a empresa presenta un despido colectivo e, curiosamente, moitos dos traballadores despedidos no seu momento por Gabadi foron contratados inmediatamente por outra empresa da súa propiedade".

A compañía (situada no Polígono de Río do Pozo, en Narón, e dedicada fundamentalmente á habilitación de buques) conta nestes momentos con 176 empregados/as e caracterízase pola elevada rotación á que somete ao seu persoal.