Gabadi pretende que o persoal traballe sábados e domingos mentres negocia un ERE para 36 traballadores

A CIG demanda a retirada do expediente e buscar alternativas aos despedimentos

Ferrol -

A CIG demanda a Gabadi que retire o ERE a través do que pretende despedir 36 traballadores/as indefinidos/as, tendo en conta que non existen causas produtivas nin organizativas para unha medida destas características, cando a empresa lle está trasladando ao persoal a necesidade de traballar sábados e domingos e subcontrata tarefas con empresas externas.

Na actualidade, explica Serxio Martínez, da CIG-Industria de Ferrol, Gabadi conta con máis de 50 traballadores/as eventuais, subcontrata traballos con outras empresas e, tal e como reflicte o rexistro de xornada do último ano, o número de horas extraordinarias realizadas é elevadísimo.

"A pesar de todo isto, a dirección mantén o discurso de que é indispensábel realizar despedimentos, ao mesmo tempo que propón negociar inaplicacións das condicións de traballo recollidas no convenio colectivo e a necesidade de adoptar medidas no ámbito da mobilidade", advirte.

Diante disto, a CIG entende que non existe causa para despedir compañeiros/as mentres se subcontraten traballos, "por exemplo, a Moncina, empresa na que se aplica un convenio máis baixo que o de Siderometal da Coruña" e mentres Gabadi recorre á contratación a través de empresas de traballo temporal "coa única finalidade de precarizar as condicións laborais do persoal".

Por estas razóns, a CIG pide a retirada do ERE e amosa a súa disposición a negociar outras medidas e explorar outras opcións alternativas aos despedimentos.

Volver