Galiza con voz propia en Madrid para recuperarmos os dereitos!!!

Nacional -

O día 10 de novembro celébranse novamente eleccións ao Congreso dos Deputados e Deputadas. Como clase traballadora galega temos a necesidade de mudar a crítica situación económica, industrial, laboral e social que padece o noso País. Por iso, nesa data, temos a oportunidade de recuperarmos a voz de Galiza apostando por forzas políticas propias, nacionalistas e de esquerdas, que defendan os nosos intereses sen hipotecas, sen obediencias a Madrid. Forzas políticas que defendan con contundencia o noso dereito a vivir e traballar na nosa Terra.

Asistimos ao desmantelamento da nosa industria, ao peche e deslocalización de empresas, á emigración e ao empobrecemento xeneralizado da clase traballadora, ante a inacción dos gobernos de Feijóo e de Sánchez.

A situación de Alcoa, Ferroatlántica, Barreras, Vulcano, Endesa, as auxiliares de Navantia, Meirama, Poligal ou R Cable exemplifican, xunto con outras, a crítica situación. Galiza camiña cara a se converter nun deserto industrial. Ante isto, o PP de Feijóo limita a súa acción de goberno a lanzar un discurso electoralista, propagandístico e fraudulento no que aparenta ser reivindicativo contra o goberno de Madrid cando a realidade é que, cos seus feitos, demostra que non ten vontade de facer nada para frear a grave situación de emerxencia nacional e social que atravesamos.

Unha falta de vontade que no caso do goberno do PSOE de Sánchez é manifesta. Tivo a oportunidade de mudar as políticas do PP, de derrogar as reformas laborais de 2010 e 2102, a Lei Mordaza, a reforma das pensións ou a reforma da negociación colectiva. Porén, no canto diso, demostrou que non ten intención de mudar as políticas do PP e que prefire manter o modelo económico e de relacións laborais imposto so pretexto da crise. Un modelo lesivo para a clase traballadora galega, mais tamén para a nosa industria e para o conxunto dos nosos sectores produtivos.

Tomar a iniciativa

Temos, ante isto, que tomar a iniciativa como clase traballadora e apostar por quen atenda as nosas demandas sen máis ataduras que o mandato do pobo galego. Demandas que pasan pola derrogación desas reformas, mais tamén por unha viraxe radical das políticas neoliberais executadas polos distintos gobernos. Políticas que provocaron máis precariedade, máis temporalidade, máis desemprego, rebaixas salariais e o empobrecemento xeneralizado da clase traballadora galega.

A posibilidade de recuperar os nosos dereitos laborais e sociais depende de que acreditemos, en verdade, nas nosas propias capacidades colectivas para nos organizar e mobilizar, como clase traballadora e como pobo galego, apostando nesta eleccións do 10-N por forzas políticas propias, galegas, que defendan firmemente os nosos intereses sen submisións nin obediencia a Madrid.

A CIG, primeira forza sindical en Galiza, é o exemplo de que a autoorganización, construíndo un sindicato galego, nacionalista e de clase -xunto coa loita e a mobilización-, é a vía para avanzar na defensa e conquista de dereitos, para alcanzar políticas alternativas para termos emprego, salarios e pensións dignas na nosa Terra.

Volver