Galiza desángrase cos peores datos de paro rexistrado desde 2008

Mentres, PP e PSOE abandonan os nosos sectores produtivos e condenan ao país a se converter nun deserto industrial
Nacional - 05 Nov 2019

Os síntomas de desaceleración económica que outros indicadores viñan presaxiando confírmase plenamente cos datos do paro rexistrado do mes de outubro. Son os peores desde o ano 2008, cando nos primeiros compases da crise o desemprego aumentara por encima do 7%.

Tal é así que neste mes pasado, as persoas desempregadas anotadas no SEPE en Galiza, aumentaron un 4,66%, mentres que na media estatal foi dun 3,18%, o que sitúa o número total de paradas e parados en 164.307, un total de 7.323 máis que no mes de setembro.

Situación crítica do sector industrial

En todos os sectores o comportamento foi moi negativo e medrou o desemprego por encima da media estatal. Porén, o sector industrial merece un comentario especial, na medida en que nin nos peores anos da crise se rexistrara un medre do desemprego tan alto neste mes, xa que se incrementou nun 3,41%, mentres que subiu un 2,22% na media do Estado.

Isto confirma para o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, todos os prognósticos e advertencias que desde a CIG se viñan facendo. “A ausencia dunha política industrial que defenda as nosas potencialidades estanos levando a unha desertización industrial do país. Unha situación que pode empeorar aínda máis de non atoparse solución á problemática que atravesan gran parte das empresas do sector”, alerta.

Cartelle denuncia que isto “afonda no modelo do PP que pretende converter a Galiza nun país que dependa unicamente da riqueza xerada polo sector Servizos”. Un sector “onde se dan as peores condicións laborais e onde a precariedade e a temporalidade son as máis altas”.

Por iso o secretario confederal de Emprego exixe “unha urxente política industrial que defenda o tecido produtivo do noso país e permita a creación de emprego de calidade”.

No que atinxe ao sector de Construción o incremento do desemprego foi do 2,94%, mentres que na media do Estado apenas houbo variacións e medrou un 0,01%.

Canto ao sector servizos, aínda que tradicionalmente o mes de outubro é malo, neste 2019 o aumento do desemprego foi do 4,70%. “Nin nos peores anos da crise se rexistrou un incremento desta magnitude”, subliña Cartelle, quen sinala que na media estatal o aumento foi do 3,33%, “elevado, pero máis acorde á evolución deste mes”.

Diante disto o secretario confederal de Emprego, afirma que “é tan patente a desaceleración que nin sequera neste sector se mantén o emprego xerado aos mesmos niveis que en anos anteriores”.

Contratos rexistrados

Se estes datos xa son preocupantes, aínda o é máis que, ademais, veñan acompañados dun forte número de contratos rexistrados, xa que superan os 106.000 neste último mes, dos que o 90,5% foi asinado baixo algunha das modalidades de contratación temporal.

Sobre esta cuestión Fran Cartelle denuncia que “nin un forte medre do desemprego frea a elevada contratación, o que pon en evidencia a fortísima rotación e a escasa duración dun número moi elevado de contratos”. Unha situación que atribúe ás reformas laborais das que, “esta desastrosa situación do mercado laboral é consecuencia”. Por iso exixe a súa inmediata derrogación e responsabiliza ao PSOE de “non ter interese ningún en derrogalas”.

Resulta rechamante tamén que mentres a afiliación á Seguridade Social medrou no Estado, en Galiza tamén este indicador descendeu, xa que, de media, no mes de outubro houbo 2.097 persoas afiliadas menos.

Para o CIG, tal e como explica o secretario confederal do emprego “son datos moi preocupantes, especialmente os do sector industrial cunha situación de crise alarmante, porque por unha banda o PP só utiliza esta situación para facer unha política de xestos con declaracións electoralistas que en nada mudan as políticas que provocaron esta situación, pero pola outra o PSOE nin cambiou, nin semella ter intención de cambiar, as políticas destrutivas do PP das últimas décadas para a defensa real da nosa industria e dos postos de traballo que esta xera.”