Galiza pode ser a zona máis afectada pola “brutal restruturación” anunciada polo Santander

O banco, que obtivo 3752 millóns de euros de beneficios o ano pasado, anunciou un ERE que destruirá 3713 empregos
Nacional - 16 Mai 2019

A sección sindical da CIG no Banco Santander denuncia a intención da entidade de destruír 3.713 empregos. Unha restruturación “brutal” que pon de manifesto a “avaricia desmedida” dun banco que obtivo beneficios multimillonarios en 2018. A CIG advirte de que Galiza pode ser a zona máis afectada xa que banco, na xuntanza celebrada en Madrid, non o desmentiu e advirte de que defenderá todos e cada un dos postos de traballo.

O ERE afectará a 3.713 persoas e pecharán 1.150 oficinas, 57 xa a partir do 21 de xuño, 1 delas en Galiza, segundo se informou nesa xuntanza na que a CIG preguntou pola afectación a nivel galego, que non foi negada.

A existencia de tres redes a nivel galego, Santander, Pastor e Popular, fará que a restruturación sexa especialmente dura en Galiza”

A sección sindical alerta de que a existencia de tres redes a nivel galego, a do Santander, Pastor e Popular “fará que a restruturación sexa especialmente dura aquí”. Por iso xa demandou, no seu día, o mantemento do Banco Pastor, opción que tería permitido manter un maior nivel de emprego. “Pero a dirección desbotou a nosa proposta, sen que a Xunta de Galiza movese un dedo”.

Peches previstos

A entidade prevé ter pechadas, a 31 de decembro deste ano, 1.129 oficinas universais, das que a carga de traballo de 200 pasaría a ‘axentes comerciais’ e 21 de banca privada, todas de orixe Banco Popular. Isto afectará, segundo a sección sindical da CIG, a 2.847 persoas na rede comercial, a 588 na rede de apoio e a 278 nos servizos centrais, onde habería 15 unidades afectadas.

Malia a representación da CIG preguntar polo impacto a nivel galego, a resposta do banco foi que facilitarían con posterioridade os datos de impacto por territorios con posterioridade. “Non será na seguinte reunión do 16 de maio, onde o Banco quere facer a presentación da ‘empresa de colocación’ que se encargará de buscar traballo ao persoal despedido”.

A sección sindical da CIG advirte de que aínda “estamos ante o inicio do proceso, onde as empresas normalmente inflan as cifras para poder alegar que negociaron, pero en todo caso a restruturación será brutal”.

Alerta de que a proposta do banco levaría á destrución de todo o emprego das oficinas  que van pechar “cando a día de hoxe xa sufrimos unha sobrecarga abusiva” e reitera que defenderá todos e cada un dos postos de traballo.