Carril demanda garantías reais de protección social e a reincorporación das persoas traballadoras temporais despedidas non incluídas nos ERTES

Reclama das administracións que se faga efectivo o pago das prestacións e os salarios pendentes de cobrar

Nacional -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reclamou esta mañá, nunha entrevista na Radio Galega, garantías reais de protección social, sen exclusións, e a reincorporación aos seus postos de traballado de todas as persoas temporais que foron despedidas e que non estaban incluídas nos ERTES. Ademais demandou das administracións que se faga efectivo o pago das prestacións e os salarios pendentes de recibir por miles de traballadores e  traballadoras.

Carril criticou a vía dos ERTES como fórmula para garantir que as persoas traballadoras quedaran na casa. Fronte a iso considerou que a día de hoxe está demostrado que a fórmula pola que apostaba a CIG -dun permiso especial ante o deber inescusábel de atender a persoas maiores e menores e atender á emerxencia sanitaria, xunto coa creación dun fondo público que compensara ás empresas esas nóminas polas persoas que estiveran na casa- “tería sido máis xusta e máis eficiente do punto de vista do gasto público, porque tería permitido que todos os traballadores e traballadoras, tiveran contrato indefinido ou temporal, puideran quedar na casa e cobrar os seus salarios”.

Asegurou que isto “tería evitado todo o abuso que se produciu”, porque ademais, utilizando os ERTES recorreuse a “unha fórmula perversa, que ten o pecado orixinal de ter nacido nunha reforma laboral, que a día de hoxe tiña que estar derrogada, e da que estamos vendo as consecuencias na estragueira que deixou de centos de miles de despedimentos de traballadoras e traballadores temporais, sen moitas das axudas, e dunha incerteza nas datas e contías de cobro, da que viñamos alertando desde hai semanas que se ía producir diante da avalancha que houbo, sen falar de que moitos destes ERTES son fraudulentos porque se están utilizando dunha maneira perversa e están prexudicando enormemente a importantes sectores da clase traballadora”.

Unha situación diante da que concluíu que esta fórmula -que non utilizou ningún Estado europeo- foi “inxusta e equivocada” para afrontar esta situación.

Prohibir os despedimentos “cando xa non había a quen despedir”

Ademais denunciou que “se arbitraron medidas como a de prohibir os despedimentos cando xa non había a quen despedir, porque xa todo o mundo estaba despedido, como evidencian os datos de desemprego”. Por iso lamentou a actuación do goberno español, mais tamén a do goberno galego, ao que lembrou que se lle trasladaran desde a CIG estas cuestións na primeira xuntanza celebrada xa o 11 de marzo.

O secretario xeral da CIG reclamou ás administracións “que se faga efectivo o pago do paro e do salario aos traballadores e traballadoras que están pendentes de recibir ese salario e esas prestacións por desemprego”. E demandou ademais “que se corrixan as inxustas medidas que se foron tomando, referidas a protección social sen exclusións e garantías reais para que as persoas non se atopen nunha situación máis vulnerábel da que xa teñen, con garantías de emprego real”.

Carril incidiu especialmente na necesidade de que se lle dea unha “garantía de reincorporación aos despedidos e despedidas que non están nos ERTES”. Unha cuestión para a CIG urxente e necesaria como a de que se garanta tanto o emprego como os dereitos sociais con medidas lexislativas.

Diante desta situación alertou ademais de que “canto máis se tarden en corrixir as inxustas medidas que se foron tomando, máis difícil vai ser a saída, para que esta sexa xusta para todas as traballadoras e traballadores e para o conxunto das maiorías sociais”.

Reinicio da actividade con garantías de seguridade e protección social

Preguntado polo plan esbozado pola Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, dun regreso á normalidade en dúas fases: a industria nun horizonte de verán e ocio, espectáculo e cultura a finais de ano, Carril apuntou que “volver ao traballo sen garantir a seguridade das persoas, con mecanismos de control estritos, desde este luns, foi porque non se quixo paralizar toda a actividade agás os servizos esenciais”. Polo tanto considerou que calquera proposta que se faga de cara ao futuro “ten que seguir tendo como elemento fundamental protexer a seguridade dos traballadores e traballadoras, tanto no que respecta á seguridade canto as condicións nas que volven aos seus postos de traballo, como a seguridade do punto de vista de que as persoas non queden excluídas, no máis absoluto desamparo social”.

Para Carril isto é “o urxente e perentorio” para, a partir de aí, recuperar a actividade protexendo ás persoas traballadoras e protexendo que poidan ter dereito a traballar dignamente e a ter un salario. Ademais denunciou que os ministros, nomeadamente Yolanda Díaz, “unha cousa é o que din, outra cousa é o que interpretan e outra cousa é o que escriben despois no Boletín Oficial do Estado”.

Pactos da Moncloa

Ante a proposta de reeditar os Pactos da Moncloa, o secretario xeral da CIG considerou que “non é neutral que se faga unha xestión desta crise aplicando unha suspensión das competencias das autonomías, nin que se faga nunhas coordenadas para nada de esquerda desde o goberno e moito menos desde a Xunta”.

Valorou que a CIG pode concordar con que os acordos son necesarios, pero cuestionou o que foron os Pactos da Moncloa porque serviron como antesala para lexitimar moitas das medidas que provocaron un deterioro das condicións de vida da clase traballadora e o desmantelamento de sectores produtivos importantes. Por iso asegurou que “antes de falar e de invocar grandes acordos, sería interesante ir corrixindo as políticas que se fan no día a día, desinstalarse de gobernar dunha forma unilateral e sen atender a moitas das reclamacións e peticións que se teñen feito”.

Contra a socialización das perdas

Denunciou que esta foi a forma de proceder tanto do goberno galego, como do goberno español que actuaron “por decreto, facendo caso omiso das demandas sociais”. Por iso rexeitou “pretender emendar todo iso invocando grandes acordos ou chamando a un diálogo social que o que fai é lexitimar políticas que son moi negativas, porque socializan as perdas e, desde logo, non garanten benestar, nin ingresos, nin emprego digno ao conxunto das traballadoras e traballadores”.

Ademais cuestionou que se lance unha proposta como a de reeditar os Pactos da Moncloa sen saber sequera os contidos dos que falan porque “se son os de todos os días” estarán dirixidos a manter un sistema e unhas medidas económicas que priorizan a mercantilización dos servizos públicos e defenden que o privado é mellor. Fronte a isto apostou por poñer toda a economía ao servizo do público e por “garantir políticas públicas que son as máis xustas e as máis eficientes”.

Neste sentido subliñou que son esas as políticas que precisa Galiza porque “non hai que esquecer que temos que enfrontar unha crise derivada dunha crise sanitaria pero tiñamos unha crise anterior: económica, industrial, demográfica moi crítica e por iso a nós aínda se nos fai máis costa arriba”.

Volver