Grandal: "O Pacto de Estado por Ferrol carece de proxectos concretos para saír da grave crise na que está sumida a comarca"

Critica que a Xunta busque rédito político cun "documento de deberes, pero sen solucións no inmediato"
Ferrol - 26 Mai 2021

Os secretarios comarcais de CIG, CCOO e UGT compareceron esta mañá en rolda de prensa para avaliar a xuntanza que tivo lugar na día de onte coa Xunta de Galiza, na que o conselleiro de Economía lles presentou o 'Pacto de Estado por Ferrol'. Unha proposta que, describiu Manuel Anxo Grandal, recolle "cen medidas futuríbeis, marca traballos para outras administracións, pero que está na liña do que nos leva pasado historicamente nesta comarca: carece de proxectos concretos para saír da crise na que estamos sumidos/as".

O secretario comarcal da CIG-Ferrol explicou que dende a Consellaría de Industria se "fala de posíbeis proxectos, mais sen concretalos e que serían para desenvolver no longo prazo". Grandal cualificou o documento presentado pola Xunta de "reparto de deberes, pero que non trae consigo nin unha soa partida económica nin solucións no inmediato".

Un plan, polo tanto, incapaz de reverter o desmantelamento industrial, o desemprego, o aumento da pobreza e a perda de poboación na comarca, pois incluso "admiten que non hai alternativa no curto e medio prazo". Neste senso, Grandal denunciou que a Xunta pretenda "facernos cómplices ás organizacións sindicais dunha disputa política, na que xa lles advertimos que non imos caer".

Travesía no deserto durante anos

Na súa intervención, o secretario comarcal da CIG-Ferrol referiuse tamén ás reunións mantidas nas últimas semanas coa Deputación da Coruña e o novo delegado do Goberno en Galiza, que "máis alá de recoller as nosas inquedanzas e reclamacións  non trasladaron ningún compromiso".

Para o representante sindical resulta gravísimo que os gobernos español e galego admitan sen ruborizarse "que esta comarca ten que pasar unha travesía no deserto durante anos, co que isto supón". Lembrou que a Xunta ten as competencias en materia de industria en Galiza "e como responsábeis de industria é esperpéntico que se dediquen a pór deberes ás demais administracións sen tratar de liderar ou resolver ningunha cuestión".

Fronte a esta inacción, na xuntanza de onte, as centrais sindicais volveron esixir a creación dunha mesa con representación das administracións e dos sindicatos na que discutir "de todas as problemáticas", mais abordando as prioridades: como a falta de carga de traballo e investimentos no sector naval (motor económico do que depende a comarca) ou avanzar nunha transición enerxética xusta, que ten que comezar pola sinatura do convenio de transición das Pontes.

Sobre o sector naval, Grandal aseverou que a Xunta debería estar á fronte da reclamación da construción do dique cuberto para as instalacións da Ría de Ferrol, "algo que tamén lle demandamos ao presidente da Deputación da Coruña e ao delegado do Goberno español, porque de nada serve que queiran pór en marcha plans de formación cando o persoal da industria auxiliar está na rúa, sen perspectivas de traballar e mesmo algúns operarios/as pretos a esgotar xa as prestacións por desemprego".

O sindicalista tamén foi moi crítico coa postura do alcalde de Ferrol, ao que acusa de estar "obsesionado" con proxectos (a eólica, as centrais de hidróxeno etc.) que xeran un volume de emprego moi baixo e polo tanto non resolver a situación.

Necesidade de seguir na mobilización

"Atopámonos na mesma situación que hai meses, sen solución para estes sectores e cos gobernos e os partidos, nomeadamente PP e PSOE, botándose as culpas mutuamente nunha disputa marcadamente electoral. Porén, a mesa de traballo que reclamamos segue sen constituírse e sen aparencia de que vaia crearse, porque aquí estamos a vivir unha batalla política na que os prexudicados e prexudicadas serán os cidadáns e cidadás de Ferrolterra.

Por iso, insistiu na necesidade de continuar na mobilización como camiño para esixir "esas solucións que nos deben. Aquí non houbo tal  reconversión, o que hai é destrución e de non revertese as nosas comarcas morrerán de inanición".